"Non hai xestión pública das industrias culturais, senón só unha involución total"

Imaxe da Gala dos Premios Mestre Mateo © AGA

“Somos un sector estratéxico e precisamos unha estratexia realizada con consenso entre a administración e o sector”. Así o dixo a presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Dolores Ben, na gala dos últimos premios Mestre Mateo. A Xunta recoñeceu o carácter "estratéxico e prioritario" do audiovisual na lei que regula o sector, aprobada por unanimidade no Parlamento no 1999. Entre os obxectivos do Consorcio Audiovisual de Galicia, creado despois ao abeiro desta norma, figura o fomento da "produción e da industria cinematográfica e audiovisual galega".

“Somos un sector estratéxico e precisamos unha estratexia realizada con consenso entre a administración e o sector”

O concepto de industria cultural, acuñado desde a Escola de Frankfurt a mediados do século XX, foi sendo incorporado ao discurso das institucións públicas. Co goberno  bipartito tomouse como referencia o modelo do Sodec de Quebec e do Instituto Catalán das Industrias Culturais para tratar de crear sinerxias cunha xestión transversal que superase o minifundismo e proxectase a cultura a través dunha marca galega recoñecible. Mais, a día de hoxe, segue sen existir unha estratexia clara para desenvolver o audiovisual e a música como tales industrias culturais.

"O de industrias culturais é un concepto europeo que está sendo asumido polos países e comunidades como ferramenta de estímulo, promoción e venta, organizando unha plataforma común de tódolos subsectores culturais. Pero a súa asunción non implica nada en sí mesma. Os resultados obtéñense a través da definición de obxectivos e a boa xestión", asegura o vicepresidente da Asociación Galega de Empresas do Audiovisual, Jorge Algora. "O problema é que non hai unha xestión pública das industrias culturais, senón só unha involución total", xulga outro dos profesionais do sector, Manolo González.

No ano 2007, a cultura ocupaba mellores posicións en rendibilidade económica que as industrias da madeira, agroalimentaria, téxtil, da confección ou da moda, segundo o estudo do Consello da Cultura Galega (CCG) Sistema produtivo da cultura en Galicia, publicado no 2010. Segundo datos do Clúster Audiovisual Galego, produciuse no sector un incremento continuo entre 2002 e 2007 da facturación e do emprego, -un 61,15% e un 74,72%, respectivamente-. Mais a partir do 2008 comezou a mudar a situación.

"O cambio político na Xunta supón un impasse significativo nun momento en que a debilidade económica implica a necesidade de actuacións efectivas e rápidas"

Non foi só pola crise económica. "O cambio político na Xunta de Galicia, na que recupera o poder o PP despois dunha lexislatura do bipartito de PSdeG e BNG, creba coas políticas para o audiovisual destes últimos tempos e supón un impasse significativo nun momento en que a debilidade económica implica a necesidade de actuacións efectivas e rápidas", explica Marta Pérez Pereiro, da Universidade de Santiago, no Informe da comunicación en Galicia do 2010.

Segundo a análise desta autora, durante o período 2005-2008 "as políticas impulsadas a este respecto careceron dun sentido global mais abrangueron campos que non estiveran contemplados en anteriores gobernos, nomeadamente o apoio a iniciativas de autor e a divulgación real do audiovisual galego". Salienta, neste sentido, a "diversificación" das subvencións desde a Axencia Audiovisual Galega, coa creación de novas liñas de apoio, como as chamadas axudas ao talento. Nunha enquisa feita ás produtoras, -matiza-, "se ben para algunhas empresas a política audiovisual do bipartito está na orixe da crise e convidou á desprofesionalización do sector, para outras, a acción gobernamental, particularmente a da Axencia Audiovisual Galega, xerou unha dinámica moi positiva tanto para autores individuais como para as empresas".

"A Axencia Audiovisual Galega xerou unha dinámica moi positiva tanto para autores individuais como para as empresas".

En canto ao outro piar da industria cultural, a música, as diagnoses son semellantes. "As políticas aplicadas non foron quen de propiciar a tan ansiada consolidación da nosa industria musical. Isto pode ser consecuencia das políticas unilaterais pola Administración e que en ningún caso foron consensuadas co sector. Malia todo, a nosa música e a súa industria manteñen a súa dignidade grazas aos creadores e aos axentes privados galegos que con xeiras case que sempre persoais manteñen o facho aceso", asegura Eloi Caldeiro no informe O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia, editado no 2010 pola Fundación Caixa Galicia.

O estudo da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) As cifras da industria cultural galega, do mesmo ano, salienta a "atomización" das empresas musicais, cun tecido conformado por "microempresas e autónomos", fundamentalmente. Algo semellante ocorre no audiovisual, segundo este mesmo informe. No 2008, as 500 empresas do sector xeneraban case 3.000 empregos. Segundo a Federación de Produtores Audiovisuais de España (FAPAE), a facturación das produtoras galegas en 2008 supuxo o 4,4 % da total do audiovisual no Estado, o cal situaba a Galicia en quinto lugar entre todas as comunidades. Pero, no 2010, as empresas dedicadas á xeración de contidos audiovisuais experimentaron un descenso do -5,20 por cento, e as de emisión e programación de televisión un -9,52 por cento. A maior parte delas funciona en réxime de autoemprego ou con menos de dez traballadores.

"O noso sector é moi dependente da Televisión de Galicia e non foi capaz de xerar unha demanda interna que resista unha explotación comercial sen apoios da administración"

O peche de produtoras é un dos síntomas da situación de crise estrutural que atravesa o audiovisual, cun modelo de negocio que quedou en parte obsoleto. "Para que as industrias funcionen, non só hai que fabricar, neste caso producir contidos audiovisuais, senón que tamén hai que vender. O noso sector é moi dependente da Televisión de Galicia e non foi capaz de xerar unha demanda interna que resista unha explotación comercial sen apoios da administración. Dada a situación económica actual o camiño pasa, como noutros sectores do país, por ser capaces de xerar ingresos no exterior, que compensen a falta de ventas no interior", asegura Jorge Algora.

"Eu creo que tivemos unha ocasión de ouro e que non a aproveitamos no seu día, o ter creado a Cidade da Imaxe en Santiago. As sociedades avanzadas, o mesmo que para outros sectores, ubican as empresas audiovisuais nun lugar común, isto favorece o desenvolvemento e crea unha imaxe de cara ao exterior de seriedade e profesionalidade. No país máis potente da industria audiovisual téñeno claro e aí están Hollywood e Silicon Valley", engade Dolores Ben, que tamén preside a Asociación de Empresas de Dobraxe de Galicia.

Para Jorge Coira, non é, tanto, "no fondo, un problema de cartos, senón do que se queira facer"

Para o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, -presidente tamén da Asociación de Directores-, Jorge Coira, non é, tanto, "no fondo, un problema de cartos, senón do que se queira facer. En toda Europa, desde despois da Segunda Guerra Mundial, foron artellándose políticas de apoio á cultura. Na política española e galega hai un problema, que é o borrón e conta nova que se produce con cada cambio de goberno". O escritor Rivadulla Corcón, que preside o Foro de Asociacións de Guionistas Audiovisuais, amósase de acordo ao indicar que "máis que unha cuestión económica, é ideolóxica. A cultura está na base da construción dunha sociedade asentada nos valores democráticos da solidariedade e da xustiza. E o problema non é só que se recorte, é que se está deixando inoperante a industria".

Imaxe da Gala dos Premios Mestre Mateo © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.