O Festival de Cans ouvea ben alto

Cans foi unha festa © Festival de Cans

Deulle e daralle ao rabo un ano máis o divertido can de palleiro que ten por icona o Festival de Cans no Porriño e que ornamenta todas as casas da fermosa aldea ao pé do val do Louro. Nesta novena edición, celebrada entre os pasados 23 e 26 de maio, o festival reafirmou a súa proposta enxebre, da terra e para o país, apostando por combinar a experiencia de padriños afamados coma Fernando González Gonzo, Antonio Durán Morris, Isabel Coixet, Eduard Soto ou Mabel Rivera, coa alta calidade nas curtametraxes proxectadas, moitas das veces, de artistas noveis á par que expertos. E non esquezo mencionar amais os concertos, pinchadas, foliadas, charangas, coloquios, exposicións e  viaxes de aquí para acolá en chimpín –ou chimpibuses como lle alcuman os organizadores-.

De primeiras xa, un baixa do autobús e tópase cunha chea de chimpíns ben adornados con flores, coma fermosos maios, e lemas como “Cans é unha aldea pequena, mais nela fanse grandes cousas”

Saíndo do Porriño pola vella estrada N-120 cara Ponteareas chégase, aos poucos minutos Cans, esta fin de semana o epicentro do cinema: galego e alén do Padornelo. Non por nada, a propia CNN situouna como a capital do G-20 o pasado ano –por equívoco coa cidade mediterránea de Cannes-. De primeiras xa, un baixa do autobús e tópase cunha chea de chimpíns ben adornados con flores, coma fermosos maios, e lemas como “Cans é unha aldea pequena, mais nela fanse grandes cousas”. Un certame atípico, onde as alfombras vermellas son substituídas polo piche e as malas herbas que nacen ao carón das estradas, que non ten salas con cómodas butacas, senón bodegas e baixos das casas con tablóns e caixas de refresco, onde aínda ben dispostos dormen as madeiras. Prima a proximidade e familiaridade e non hai espazo para a impostura.

 

Venres 25

Á tardiña do venres, Xoel López presentou un avance do documental Xoel Lopez y la caravana americana, que narra as súas peripecias polo continente americano dende 2008 tras dar por rematada a súa etapa de Deluxe, e compartiu co público as súas experiencias. Tamén o fixo Antón Reixa, coa estrea do documental Galicia Caníbal, unha inmersión na movida dos 80 dende unha perspectiva galega, oportuna pola volta d’Os Resentidos aos escenarios e pola actuación no festival de Aerolíneas Federales. Deseguida, a tradicional procesión de chimpíns coa Banda Crebinsky á maneira de charanga. Os ritmos do seu particular folk eslavo foron unha boa compaña para comezar a entrar en calor.

Os Chimpíns de Prata foron para Gonzo, reporteiro e presentador en Caiga Quien Caiga ou El Intermedio, polo seu labor como “embaixador alén do Padornelo”; e para os veciños Carme Fernández e Alberto Dávila

Xa no serán presentáronse os xurados con grandes ovacións para todos os compoñentes, xa for do xurado das curtas, for xurado dos videoclips, ou ben xurado dos veciños. Antón Losada ou María Mera compartiron aloumiños en forma de ovacións no Torreiro cos veciños Francelina Marino, a rosquilleira, José Quintás, o matachín, ou Rosa Rodríguez, coñecida coma Concha, a sempiterna labrega, Manolo Giráldez, construtor xubilado, ou Flora Soliño, transportista para a empresa familiar.

A continuación, proxectouse o making of do documental de Cans 2011: O ano que saímos na CNN. E tamén visionáronse os videoclips gañadores do concurso: Puerto del Sonido dos lugueses Mullet, premio do xurado, composto polo actor Santi Romay, a actriz Isabel Risco, o xornalista Iago Martínez e o músico Germán Coppini e mais Desequilibrio, premio do público, da banda porriñesa Baldosa Amarilla.

Os Chimpíns de Prata foron para Gonzo, reporteiro e presentador en Caiga Quien Caiga ou El Intermedio, polo seu labor como “embaixador alén do Padornelo”; e para os veciños Carme Fernández e Alberto Dávila, xa que “personifican o papel que xogan moitos veciños no festival, un traballo silencioso, de axuda constante e disposición absoluta, que pasa desapercibido, pero que é fundamental para que saia adiante”, comenta a organización.

Neste acto de benvida déuselle o premio Pedigree ’12 ao actor e presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán Morris, “en recoñecemento á súa prolífica carreira, así como tamén polo apoio constante aos novos realizadores de curtas e a súa implicación social activa”, como explican os organizadores. Morris deixou ás claras que tiña ben presente o festival. Cualificouno de “ser o polo de atracción que o cinema galego precisaba dende hai moitos anos e que precisa, un exemplo de organización”. A continuación deixou impresas as súas gadoupas no Torreiro das Estrelas.

Era a hora para os concertos. Con puntualidade, sobre as 23.30 a Banda Crebinsky subía o escenario co máis animado do seu repertorio como Xigantes e Cabezudos, Pui! Pui! Pui!, Muchska ou Pobo, entre outras. Os galegos máis eslavos e viceversa animaron e moito o respectable con ritmos e melodías da Europa do Leste. Amais presentaron o seu novo videoclip Un piatto, canción extraída do seu novo disco Jet Lag, gravado no seo da sección Can Campus para alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, ao igual que Quero ver como te ris de MeDoMedÁ e Tormenta de Verano de Glasgow.

Déuselle o premio Pedigree ’12 ao actor e presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán Morris, “en recoñecemento á súa prolífica carreira, así como tamén polo apoio constante aos novos realizadores de curtas e a súa implicación social activa”

Sen tempo que perder, subiu ao escenario Xoel López e a súa banda. Un artista novo. Sabemos que estaba tras de Elephant Band e mais de Deluxe. Pero este disco Atlántico presenta o Xoel López espido, nu e con unha colección de cancións íntimas, divertidas e que, a pesar do pouco tempo que leva no mercado o seu novo disco, foi moi ben recibido polo público e mesmo coreado. Tocou o seu novo traballo discográfico de cabo a rabo. E así como o disco soa moi próximo, en directo transmite unha enerxía enorme. Cancións coma Hombre de ninguna parte, Buenos Aires, Tierra ou Caballero, están chamados a ser cancións reclamadas nos seus futuros concertos e xiras.

Após, Isabel Risco colleu os pratos enriba dun chimpín e pinchou unha selección de temas bailables, para ir rematando a festa. Iso si, o colofón púxoo o cantautor bomba Leo i Arremecaghoná. Quedou pequeno o bar A Escola Vella, e a festa non parou nin dentro nin fóra do local de Cans até o amencer.


Sábado 26

Isabel Coixet foi a protagonista da mañá, pois fixo unha lectura pariticipativa para o público de Cans do guión inédita do seu novo proxecto, Elisa y Marcela, baseado na historia das dúas mulleres galegas que protagonizaron o primeiro matrimonio homosexual de Europa e que vai ser rodada en Galicia, producida por Antón Reixa. Antes do xantar, deixaría as súas pegadas no Torreiro das Estrelas.

O galardón á mellor curta de ficción por parte do xurado profesional foi para Mr. Bear, dirixida polo galego Andrés Rosende, que narra en inglés a historia dunha parella nunha viaxe en Noiteboa para pasar as festas en familia

Á tarde, os pasarrúas dos Veraneantes e Lajaretas amenizaron unha nova procesión de chimpibuses que cruzou a aldea. Chegaron até o Torreiro, onde Chete Lera deixou a súa marca nunha nova estrela. Deseguido, comezaron as proxeccións da sección oficial de curtametraxes. As curtas a concurso raiaron grande nivel, e tanto os diferentes xurados como público non o tiveron fácil a hora de escoller unha favorita en cada categoría. Na fase final presentáronse 12 curtas de ficción e 6 de animación, escollidas entre as 166 presentadas na fase de recepción de obras.

O galardón á mellor curta de ficción por parte do xurado profesional foi para Mr. Bear, dirixida polo galego Andrés Rosende, que narra en inglés a historia dunha parella nunha viaxe en Noiteboa para pasar as festas en familia. O premio á mellor curta de ficción por parte do xurado popular foi para Dúas Letras, de Eloy Varela, que xa acadara un premio semellante no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu no pasado 2011. Conta a historia, ambientada na posguerra, dunha nai que espera noticias do seu fillo emigrado á Arxentina, unha poucas letras que a consolen e que non dan chegado.

A distinción á mellor curta de animación por parte do xurado profesional foi para O Xigante, de Luis Matta e Julio Valzeler, e por parte do xurado popular foi para El Club del Bromista, de Luis Usón. O mellor guión foi para El Baile Maldito. Luís Zahera foi distinguido como a mellor interpretación masculina en Conversas cunha muller corta, e Teresa Fraga foi galardoada como mellor interpretación feminina en Dúas Letras.

Trala gala de premios, pasada a media noite volveron os concertos. O prato forte do festival, o retorno de Aerolíneas Federales aos escenarios chegaba á aldea de Cans

Trala gala de premios, pasada a media noite volveron os concertos. O prato forte do festival, o retorno de Aerolíneas Federales aos escenarios chegaba á aldea de Cans. Cun Torreiro ateigado de xente escoitáronse clásicos do seu repertorio como Xamón, xamón, Isto non é que parece, amigo, Rollo porno, No me beses en los labios, Soy una punk, con Miguel Costas, Silvino Díaz, Coral Alonso e Rosa Costas demostrando unha vez máis porque foron e son un dos referentes da movida dos 80.

Os pinchadiscos Lagartija no Torreiro e Quique Otero, director d’Os Crebinsky no bar A Escola Vella remataron a festa un ano máis até ver amencer.

Gonzo e Edu Soto © Manuel Piñeiro
Unha das proxeccións © Manuel Piñeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.