0 Gardados para despois

"Temos que contar os feitos como sucederon e non con versións equívocas ou mal intencionadas da censura franquista"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


O periodista e escritor José Antonio Gurriarán partiu dos seus propios recordos da infancia en Valdeorras para escribir As mulleres do monte, (Galaxia), unha obra que, como fixera a profesora Aurora Marco, reivindica o labor das mulleres na guerrilla galego-astur-leonesa. E faino a partir dun exhaustivo relato en primeira persoa que mestura o ensaio histórico, a novela ou o xornalismo. Gurriarán respondeu por correo electrónico, desde Madrid, onde vive, as preguntas de Praza. 

"Toda a vida sentín a necesidade imperioso de furar tras aquel muro de silencio e misterio", explica ao principio do libro. Cales foron os principais recordos que deron orixe ao libro e por que espertaron, en concreto, máis a súa curiosidade?

Tres temas inquietaron a miña infancia valdeorresa relacionados coa presenza nas montañas de Trevinca-Casaio e nas da Comarca do Bierzo, do que, no meu criterio, foi o grupo guerrilleiro mellor organizado, máis invulnerable, duradeiro e inaccesible de toda España, os chamados despectivamente polos franquistas "os rojos" e pola poboación "os fuxidos" ou "os do monte". As razóns da súa fortaleza tiñan que ver coas dificultades do terreo, co apoio dos mineiros e labregos da área, na súa maioría republicanos, coa proximidade da "raia" galaico-portuguesa que lles permitía esconderse dos seus perseguidores e, sobre todo, coa chegada de militares republicanos formados nas escolas de guerra asturianas que tiveron que fuxir cando caeu o Principado en outubro de 1938, e, coa intención de pasar a Portugal e de alí a outros países, quedaron nas serras compartidas polas provincias de Ourense, León e Zamora, nas que xa se instalaron Girón e outros guerrilleiros.

"O de Soulecín", que ouvín repetir á miña nai con voz queda cando falaba cunha muller desta aldea, que nos fornecía diariamente o leite, era o que máis me intrigaba do tres temas, polo ton misterioso co que se expresaban, polo interese que as dúas puñan en que ninguén as ouvise e polo drama que se me ía desvelando na medida en que reconstruía o sucedido unindo o que dicían as dúas mulleres co que ouviran outros nenos: o asasinato a tiros e diante dos veciños do pobo, do matrimonio formado por Domingo e Amalia porque se negaron a facilitar a membros do cuartel da Lexión de Viloira o paradoiro dos seus fillos, que os lexionarios pretendían deter ou matar.

"Asasinaron a tiros e diante dos veciños do pobo o matrimonio formado por Domingo e Amalia porque se negaron a desvelar o paradoiro dos seus fillos"

"O do primo Gonzalo" espertou igualmente a miña curiosidade, pois tamén na casa da miña avoa de Carucedo (O Bierzo) a familia falaba del coa mesma voz baixa e coidado para que os nenos non lles ouvísemos. Gonzalo López Voces era un parente próximo e moi querido da miña nai ao que un día feriu dun tirou e levou preso a garda civil, acusado de ser un personaxe importante nas filas do maquis. Co tempo descubrín que era un home de confianza do máximo responsable da Federación Guerrilleira de Asturias,  Galicia e León, Marcelino Fernández Villanueva "O Gafas", e que del dependían máis de medio milleiro de ligazóns do chamado Servizo de Información da República, homes e mulleres que eran os ollos e ouvidos da guerrilla en todos os pobos  e cuarteis da área. 

Por vivilo directamente, ademais de curiosidade, causoume profunda impresión o terceiro dos temas, o cerco e morte do asaltante da sucursal do Banco Pastor de O Barco, o 30 de abril de 1945. Con trinta alumnos e alumnas máis atopábame a 100 ou 150 metros do banco no parvulario de Dona Luisa Cao, chamado humoristicamente "escola das pulgas" porque eramos todos case bebés ou moi nenos. A mestra sacounos en dirección contraria ao banco de onde procedían disparos e explosións. Finalmente houbo unha explosión máis potente e vimos tendido no chan da rúa a un home alto, cunha gabardina gris, a mandíbula e o peito esnaquizados por unha das dúas granadas coas que saíu á desesperada cando se viu acurralado.

Un bandoleiro común, un evadido da penitenciaría que había nas minas de wolframio de Casaio, un membro da guerrilla que quería o diñeiro para saltar de Portugal a América? Todo foron conxecturas, nunca se soubo e se se soubo non se divulgou. Como tampouco nos decatamos se era verdade a lenda de que o esperaba na estrada unha muller cun coche "topolino". Máis de medio século despois atopei algunha pista da muller en Portugal e catro fotografías, noutros lugares, do asaltante e do diñeiro que queimou no banco ao verse perdido.

O libro é resultado dunha investigación de varios anos, nos que fixo entrevistas, consultou arquivos... Que problemas tivo para atopar e consultar documentación? Por outra banda, a súa óptica sobre a guerrilla únese á de Carlos Reigosa, Santiago Macías ou Harmut Heine, só que é como un relato xornalístico en primeira persoa.

Non é un libro de historia pero os datos que ofrece son rigorosamente históricos, contrastados con relatos de sobreviventes, documentos, arquivos, sentenzas... Curiosanente tiven máis facilidades para investigar nos arquivos militares e da garda civil, que no do Banco Pastor e no da Administración de Alcalá, no que unhas púdicas cintas vermellas vetan cartafois. Sei que o tema é polémico pois fálase de "paseos", mortes, condenas inxustas, violacións, torturas e doutras cuestións moi delicadas. Na guerra civil e na posguerra houbo enfrontamentos que hai que superar, pero antes temos que contar os feitos como sucederon e non con versións equívocas ou mal intencionadas da censura franquista. En canto aos tres autores que mencionas son, no meu criterio, os que están mellor informados e as súas análises parécenme obxectivas.

"Tiven máis facilidades para investigar nos arquivos militares e da garda civil, que no do Banco Pastor e no da Administración de Alcalá"

A profesora Aurora Marco, autora do libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, reivindica as mulleres que participaron na guerrilla como resistentes, como persoas cun compromiso político inequívoco e non como meras acompañantes dos guerrilleiros. Vostede está de acordo con ela?

Hei de aclarar que a miña primeira idea era escribir un libro baseado nas miñas investigacións e en lembranzas de neno, sobre os tres días que durou a guerra en O Barco e a longa presenza dos fuxitivos nas nosas montañas e nas nosas vidas. Aos poucos fun descubrindo o papel fundamental das mulleres, como informadoras e como auténticas guerrilleiras e, case sen darme conta, convertéronse nas grandes protagonistas do libro. Fosen amantes, familiares ou correlixionarias dos guerrilleiros, a súa misión como enlaces resultou moi eficaz ao fornecerlles comida, roupa, medicamentos, armas ou información de onde estaban os seus inimigos que os buscaban constantemente. Un verdadeiro exército de lexionarios, gardas civís, policías, falanxistas ou "contrapartidas", un corpo especial creado só para exterminar a guerrilla, supervisado por un home astuto e maniobreiro, o comandante Miguel Arricivita, que, por todos os medios, tentou captar algunhas destas informadoras.

O Gafas, por exemplo, non quería mulleres no monte. E non era ou único. De feito, normalmente só eran aceptadas polos guerrilleiros da Federación cando corrían un serio perigo de morte. En realidade, fora así como nacera o maquis: os homes foxen ao monte primeiro só para salvar a vida e despois organízanse como guerrilla. Nese sentido, podía haber algo de machismo tamén nos guerrilleiros?

Algo de machismo si que había e hai que situalo na época para entendelo. A evolución dos dereitos da muller foi lenta, mesmo nos partidos de esquerda. O xefe dos guerrilleiros de Casaio, Marcelino Fernandez Villanueva, non era partidario de que as enlaces fosen ao monte e vivisen con eles. As torturas, chantaxes e execucións de moitas delas, como Carmen Jerez, de Fervenza de Valdeorras, á que tiveron secuestrada nun cuartel durante un ano e despois apareceu morta, convencérono de aparcar a norma e moitas enlaces fóronse á chamada Cidade da Selva de Casaio e a outros refuxios. Entre outras, Antonia Rodriguez López (A Toña) e a súa irmá Consuelo (A Chelo), fillas do matrimonio executado en Soulecín e irmás de cinco fuxidos tamén mortos. Acompañáronas mulleres tan coñecidas como Alida Fernández (A Penca), a noiva de Girón, e Teresa Álvarez,  esposa de Elías Alvarez ao que en 1951 preparou unha encerrona Rodríguez Cañueto e vooulle a cabeza con dinamita, pretendendo facelo pasar por Girón de acordo con Arricivita.

"A evolución dos dereitos da muller foi lenta, mesmo nos partidos de esquerda"

O seu relato comeza con Toña. Por que é un símbolo das mulleres non monte? Cales foron, para vostede, as principais guerrilleiras e como se pode contar en poucas palabras a súa achega á guerrilla?

A Antonia atopeina e entrevisteina na súa casa de París, por primeira vez hai doce anos, e a Consuelo na súa da Illa de Ré. As dúas chegaron ao exilio francés en 1948, procedentes da Cidade da Selva, as dúas portaban armas, as dúas eran compañeiras de guerrilleiros asturianos moi significados: A Toña do socialista César Rios, un dos lugartenentes de Fernández Villanueva e a Chelo do comunista Arcadio Ríos, morto nunha emboscada en Casaio, cuxo cadáver pasearon sobre un burro por O Barco. A Antonia converteuna en símbolo da guerrilla unha fotografía histórica, en San Juan de Luz, con Indalecio Prieto e trinta guerrilleiros que chegaron a Francia nun pesqueiro fretado polo ex ministro socialista da República.

As dúas soportaron prisión e apaleamentos en O Barco e Ponferrada, as dúas tiñan fama de valentes. Antonia faleceu hai dous anos. Consuelo é a única sobrevivente das heroínas de Casaio. Falei con ela esta mañá, díxome que vai cumprir 97 anos e que está moi contenta porque a telefonaron de Soulecín e dixéronlle que está cuberta de flores o lugar baixo un castiñeiro no que os lexionarios mataron e sepultaron aos seus pais. "Ofrecéronnos trasladalos ao cemiterio e a miña irmá e eu sempre e negamos. Preferimos que sigan aí denunciando os crimes do franquismo", dixo.

"Consuelo é a única sobrevivente das heroínas de Casaio"

Mais o seu libro non é só a historia das mulleres do monte. É toda a historia da guerrilla na zona da que vostede procede e, tamén, do contexto: da guerra civil e da represión. Como mudou a súa investigación a súa propia percepción sobre a guerra civil en Galicia? Proxectos como Nomes e Voces demostraron que non era verdade a suposta pasividade do pobo galego.

Pretendín que o meu relato reflicta a actuación valente das mulleres do monte pero, tamén, o contexto histórico en que se produciu, de escaseza, represión e medo. Con obxectividade e testemuños de todas as tendencias aínda que non estou disposto a pór a igual nivel de responsabilidade a vítimas e verdugos. O sucedido en Valdeorras e noutros lugares de Galicia demostra que o pobo galego si foi activo na defensa da súa dignidade e liberdades. Outro tema de discusión sería se a República e o ministro da Guerra, Casares Quiroga, se equivocaron ao non armar ao pobo cando nos cuarteis se estaba a conspirar, os falanxistas astaban a armarse e o golpe parecía inminente.

O certo é que, nada máis producirse a sublevación militar en Marrocos, no catro províncias galegas teñen lugar desercións e detencións que decapitan as posibilidades de defensa republicana. En Ourense os sublevados detiveron de inmediato ao alcalde socialista Manuel Suárez, ao gobernador Gonzalo Martí March ao que fusilaron semanas despois, e a numerosos responsables políticos e sindicais que serían condenados ou depurados. O que non parece correcto é atribuír pasividade a un pobo sobre o que caeron detencións e rigorosas condenas en consellos de guerra sen posibilidades reais de defensa. Que llo pregunten aos familiares de González Marti, fusilado semanas despois no cemiterio ourensán de San Francisco.

Ou ao coruñés Pucho Boedo, popular solista da orquestra Los Trovadores, ao que lle mataron ao seu pai e a un irmán. Ou a Amada García, fusilada en Ferrol por bordar unha fouce e un martelo nunha bandeira republicana. Ou ás fillas de Abdón Blanco, alcalde exemplar e tolerante de O Barco, tamén executado en Ourense.

"O que non parece correcto é atribuír pasividade a un pobo sobre o que caeron detencións e rigorosas condenas en consellos de guerra sen posibilidades reais de defensa"

Alfonso Guerra comenta no limiar do libro que vostede procura a "imparcialidade", fronte á "memoria histórica oficial, única, definitiva e consagrada". Ao ler o libro, vese que vostede buscaba a maior "obxectividade" posible, pero non a equidistancia entre golpistas e defensores da legalidade republicana. Que pode significar, neste contexto, a "imparcialidade"?

É que foi así, uns defendían o que votou o pobo e outros conspiraban para derrubalo. Imparcialidade quere dicir recoller as diferentes opinións, e así o fago cando, por exemplo, entrevisto ao fillo do coronel Arricivita e póñoo en contacto con Alida, pero non quere dicir que todos actuasen por igual. Ten razón Alfonso Guerra, ao que pedín o prólogo polo seu interese e coñecemento do tema como presidente da fundación Pablo Iglesias que se mantivo en contacto cos guerrilleiros e guerrilleiras exiliados en días de ditadura e tróuxoos a España ao recuperarse a democracia.

Os propios franquistas quixeron desprestixiar as guerrilleiras dicindo que eran só as "queridas" dos guerrilleiros. Mais, por que molestaban tanto aos franquistas? Tería a guerrilla sobrevivido sen elas?

O seu labor foi imprescindible e non creo que a guerrilla durase o que durou se non contase con elas.

"O labor das mulleres foi imprescindible e non creo que a guerrilla durase o que durou se non contase con elas"

O historiador Hermut Heine, cando fai balance de todo aquilo, afirma que entende que se formase a guerrilla naquel contexto, pero que tal como foi a súa evolución, -a guerrilla non consegue derrocar a Franco-, ao final de pouco serviu e xerou moita represión sobre a poboación local. Que pensa vostede disto?

Non estou de acordo e, pola contra, entendo que a súa presenza e vixilancia evitaron moitos máis desmáns.

Falando de represión, fala vostede tamén das mulleres rapadas, torturadas, violadas... polos golpistas, e tamén por bandoleiros que se facían pasar por maquis. Tivo, neste sentido, a represión sobre as mulleres un compoñente de xénero?

O lóxico é pensar que si. Entre outras, refírome a Carmen Jerez e a Arxentina Olmos, a muller á que, en 1945, violaba "O Corchas" cando un pastor matouno con dous disparos de escopeta. Localiceina, máis de medio século despois, falou moi pouco e parecía continuar impresionada. Marcelino Fernández premiou con 100 pesetas ao pastor.

Acaban de presentar en Valladolid a película de Robert Guédiguian sobre o xenocidio armenio inspirada en vostede, que foi unha das vítimas dun atentado no 1980 e que, despois diso, investigou moito sobre o conflito armenio e escribiu un coñecido libro sobre o tema. Quere falar un pouco da película?

Titúlase Une histoire de fou, é unha adaptación libre dos meus libros autobiográficos La Bomba e Armenios, el genocidio olvidado. Fóra de concurso foi seleccionada no Festival de Cannes de maio e concorreu ao de Valladolid, onde colaborei con Guédiguian na presentación. Gustoume o guión e gústame o filme, que respecta a miña interpretación dos por ques do terrrorismo armenio, do que fun vítima colateral hai 30 anos en Madrid. Será estreada nos cinemas de Francia o 11 de novembro, en xaneiro en España e estou convidado á súa próxima presentación noutro festival de Toronto.

Traballou como xornalista en diversos países, ademais de en diversos medios de comunicación españois, durante o franquismo e na democracia. Que pensa da censura na actualidade e da súa relación co feito de que os medios máis influentes están cada vez máis nunhas poucas mans?

Ese é o problema, que o dereito a informar está cada vez en menos mans. Como o dereito ao traballo. á educación, á sanidade, á vivenda ou ao crédito. Como case todo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.