"Todo se vai amoldando e nunca se chega ao cambio auténtico, que sería a fin do capitalismo"

Dominio Público Praza Pública

O primeiro CD do novo disco de Emilio José, 'Agricultura livre', xa está na rede. O día 23 chegarán os outros dous que o completan, ademais do CD físico, que editará, como o anterior, Foehn Records. Emilio José volve co seu persoalísimo proxecto, con máis instrumentos, con algunhas ideas revisadas e coa mesma, ou con máis, reivindicación da liberdade. Di el mesmo que non quere facer manifestos políticos. Que só fala desde a súa posición. Mais, que hai máis político ca iso? Sobre todo cando se é tan claro coma el.  

Xa 'Chorando apréndese' eran dous CDs. Agora son tres, con algún tema de 20 minutos. Nun momento no que o que se leva é sacar vídeos... Levabas moito tempo traballando nel?

Si, e funo facendo nestes cinco anos. Por iso hai cousas que están máis de actualidade e cousas que menos, pero non é que eu buscase tampouco unha actualidade rabiosa. Gústame moito a música pero pásame unha cousa: que se empezo a escoitar moita, comezo a pensar que o que eu fago non vale nada. Para evitar iso, non escoitei tanta ultimamente, porque senón xa non acababa máis. Por iso non estou tan pendente do que se leva. En calquera caso, sei que non é habitual sacar un CD triple.

Chámase 'Agricultura livre' e fala, como o anterior disco, dun rural que non é o tópico. Aínda que está a esmorecer, podendo supoñer unha oportunidade de vivir doutra maneira. Hai unha reivindicación nese sentido?

Eu non quería facer algo así como un manifesto político, senón só pensar onde está o problema. O que vai no disco é porque a min me gusta. E o mesmo pasa co título. Gústame como soa. Tampouco é que o meu obxectivo fose facer unha reivindicación do rural, porque o que pasa é que o que queda hoxe é todo mercado, negocio. Cando se fala de agricultura no rural a imaxe que nos vén é a dun señor cun chimpín indo buscar estrume. Pero tamén hai granxas estilo Coren, que van chuchar o sangue do rural. Tampouco quero dicir que poida ser a mellor forma de vida. Máis ben é como un intento de descubrir, de pensar cal é o problema. Agora fálase moito nos medios por exemplo da parella que volve ao campo, e parece moi cool, pero por cada unha que volve ao campo igual hai 20 que marchan para a cidade. Ademais, das sociedades agrarias tamén veu a domesticación, os primeiros imperios..

O que queda hoxe no rural é todo mercado, negocio

Ao escoitar fun apuntando: hip-hop, electrónica, jazz, rock, pop... Moita influencia americana, en xeral. E non falo só de Estados Unidos. Hai máis variedade que non anterior, nese sentido?

Non é un tipo de música que inventase eu, claro. Son cousas feitas, que xa se puideron ouvir en todas partes. Pero é verdade que cando estou facendo cancións tampouco penso en facer tal ou cal homenaxe. O que me preocupa é que estea ben. Non é unha construción artística consciente. Se me gusta, vai. Pero si é certo que este é un disco máis tocado. Os instrumentos son tocados en directo. No anterior era eu co teclado. Aquí hai máis guitarra, por exemplo.

Entón non tes colaboracións? Pois son moitos instrumentos... Supoño que levas moito tempo tocando...

É o que escoitas, si. Pero non deixa de ser unha lista simple. E si, toco desde pequeno. Tocaba o piano.

Aínda sen ver as letras, é galego do Brasil... De alguén que xa antes dicía que non era español, senón ourensán.

Non, non... é ourensán, se o escribes en normativo. Ou ourensiano, se es de Ourense. Non é galego do Brasil nin portugués. Claro que eu quero comunicarme con todo o mundo. E non é que considere que Ourense sexa mellor que outro lugar. O que pasa é que a situación é a que é, e se quero que me entendan teño que falar desde ela, desde a miña realidade. É Ourense, que é unha parte do mapa de España e do galego. E eu nin reivindico a división provincial española nin a base romana que puido ter. Falo de Ourense porque, se non o fixese, o que digo sería incomprensible.

Falo de Ourense porque, se non o fixese, o que digo sería incomprensible

Todo o disco ten un ton moi libertario. Máis que o anterior, se cadra.

Eu diría que ten un ton moi humano. Aínda que, claro, humanas poden ser moitas cousas. Pero entendo o que dis. Xa estaba no anterior, o que pasa é que neste, ao ser máis longo, podo concretar máis as cousas.

Refírome á crítica ao Estado en si. Alén dos partidos, que tamén. Dis neste disco, por exemplo, que non hai diferencia entre Rajoy, Pablo Iglesias e Beiras.

É que o que pasa coa política non é algo que opine eu. É unha realidade incontestable. Por iso todo o mundo está no seu dereito de pensar e de dicir, por exemplo, que Rajoy é un patán. E non o digo porque teña nada contra Rajoy como persoa. Se cadra coñécelos e son persoas excelentes. Pero o que pasa é que, tal como funciona o mundo, non hai posibilidade de que alguén, sexa do partido que sexa, mude as cousas. Por iso digo que non hai diferencia. Aínda Beiras, con todo o que sabe, se chegase á posición que leva tanto agardando e que lle gustaría ocupar, acabaría facendo o mesmo que Rajoy. Pode haber un proxecto que comeza, que parece que mola moito, co seu subidón inicial... pero ao final nun muda nada.

Tal como funciona o mundo, non hai posibilidade de que alguén, sexa do partido que sexa, mude as cousas

Por iso falas de esquerda caducifolia?

Porque a esquerda tamén se vai amoldando. A ideoloxía un día é unha cousa e mañá a outra. Sempre se sustenta sobre a base de que alguén ten que mandar. E se hai algo que molesta para poder mandar, escórase cara ao lado que permita facelo mellor. A esquerda debería enfrontarse a si mesma e admitir que é tan dereita como a dereita ou afirmarse na súa busca da liberdade e renunciar a presentarse e competir nese sistema. Porque forma parte do problema, e mentres o sexa vai ter que seguir camuflándose. Primeiro fala de xuntarse, despois sepárase... todo se vai amoldando e nunca se chega a un cambio auténtico, que sería a fin do capitalismo.

A esquerda debería enfrontarse a si mesma e admitir que é tan dereita como a dereita ou afirmarse na súa busca da liberdade e renunciar a presentarse e competir nese sistema

Falas de fame, desigualdade, colonialismo... Como cando dis que ETA non matou tanto como o Estado español, se miramos a historia colonial.

 

Sobre pobreza e colonialismo xa falou moita xente e mellor ca min. Pero nesa canción refírome a algo concreto. Suponse que temos toda a sabedoría do universo ao noso alcance, con internet e todo. Pero por moito que calquera organización teña matado en 20 ou 30 anos, non pode matar máis que calquera Estado, que o que fixo calquera Estado de maneira directa, e xa non digamos indirecta. Pois que o supremo asasino che veña falando de xustiza, de liberdade... Non ten sentido. Só na guerra civil mira todo o que matou España...

Ou que falen de democracia. Termo que tamén cuestionas que exista no noso mundo. Pois de pobo soberano... nada. O Estado é represión...

Si, esa crítica á democracia tamén é algo concreto e xa estaba no outro disco. Lembro cando saíu o alcalde de Nova York dicindo que Vidal-Quadras, o de Vox, é un defensor da democracia... E isto é así: canto máis falan de democracia, menos democracia hai. É como se agora ás FAES, por poñer un exemplo, lles dá por preocuparse polo cambio climático. Será porque atoparon a maneira de facer negocio ao facer iso. O Estado é a propiedade e por iso precisa da represión, da policía... No disco anterior alguén dixera que por que me queixaba, se non vivía no Terceiro Mundo. Non creo que faga falta ser, por exemplo, un refuxiado sirio para queixarse. No Primeiro Mundo o que aparentemente son ventaxas tamén son cebos para que o negocio poida aumentar. O que pasa é que cando hai diñeiro todo parece que vai ben. Pero coa crise, que eu non creo que haxa que chamala así, pasa o que pasa: coa educación, a sanidade...

O Estado é a propiedade e por iso precisa da represión, da policía...

Facer letras políticas non é orixinal. Pero ti es moi explícito. Rajoy patán, Feijoo mamón...

E xa dixen que persoalmente non teño nada contra eles e deséxolles o mellor. Pero é que ocupan unha determinada posición, e fan cousas como cando Rajoy, cando por fin consegue ser presidente despois de tanto esperar, aparece lendo un papel diante dos medios de comunicación de todo o mundo. Non sabe dicir dúas palabras sen papel. Pois debe ser que ten poucas luces. Obama é a mesma podredume, pero polo menos fai o seu papel e non se pode dicir del que é un patán. E Feijoo igual. Ademais de ser totalmente baleiro, compórtase con chulería, como se tivese algo do que presumir. Pero eu non creo que sexa explícito. Porque ninguén pode ser o bastante explícito como para dicir o que fai esa xente que ten tanto poder: o exército, a policía... Eu penso mesmo que son brando nas letras.

Non creo que sexa explícito. Penso mesmo que son brando nas letras

A uniformización cultural é outro tema. O mesmo en todos os sitios. Tratado con humor, que é algo moi importante no disco.

É o mesmo en todos os escenarios e nós tamén somos os mesmos, que somos parte diso. O do idioma é mostra diso. Hai xente de Ourense que di que o castelán é o seu idioma. E poden ter razón. Pero ao mellor dentro de 200 anos os españois teñen que falar chinés porque lles foi imposto. Non debe ser tan natural falar en castelán se os teus pais falan galego. E ao castelán pode pasarlle o mesmo que a calquera lingua que non é a hexemónica no momento histórico. Ao final é todo por unha cuestión económica.

Tes nomes de cancións en árabe, en chinés... E falas bastante de afectos. Como unha contrapartida, se cadra, a esa falta de futuro. Non poden lexislar a nosa vida, dis. É dicir, no creo neste sistema, pero que me deixen en paz.

Non é que eu perdese a esperanza de que mañá haxa unha revolución. Se deixase de confiar, de estar a gusto coa xente... Eu teño esperanza, o que pasa é que o poder é demasiado grande, non parece que as cousas vaian mudar. Falo de sentimentos porque é un aspecto da vida. Non é como un refuxio. E, claro, realmente ninguén pode lexislar sobre a nosa vida, por moito que nos manden.

Non é que eu perdese a esperanza de que mañá haxa unha revolución

Eu quero arar o mundo, dis. Un mundo no que traballar é ser escravo...

Dándome conta de que non podo aralo sen meterme na vida dos demais. Se todo o mundo estivese contento coa súa vida, non habería problema. E non creo, como dicía antes, que haxa que ser un marxinal para protestar. Pero mesmo a xente que máis ten non está contenta. Porque, como seres humanos, o que queremos é vivir en liberdade. Os seres humanos non queremos ser escravos, nin os que traballan por 500 euros nin os que aínda que aparentemente levan unha vida material folgada, como poida ser Amancio Ortega, están igualmente atrapados na escravitude de servir ao beneficio. E xa digo que eu non quero facer un manifesto político.

Non creo que haxa que ser un marxinal para protestar

Pero a túa música é moi política, por acción e non por omisión. Dicías xa no primeiro disco que non eras español, senón ourensán. E tes dito nalgunha entrevista que para ter a autodeterminación, Ourense tería que tela de España e de Galiza...

Galiza é Coruña e Pontevedra, despois Lugo é a terra media, e Ourense algo parecido, pero mellor conectado con Vigo e Madrid. Cando fixen o disco anterior pensaba que nun territorio propio, á parte de Galiza e España, nos podería ir mellor. Pero agora penso que, ao final, sería o mesmo. De que serve ter outro Estado. Sería o mesmo que agora, se non mudamos as cousas. Un Estado ourensán, nun mundo capitalista, sería o mesmo que temos. Non hai que repetir o mesmo que hai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.