Diana Toucedo: "As comunidades de montes son escolas de democracia"

Unha das comuneiras entrevistadas © Diana Toucedo

Cineuropa estrea o sábado 14 ás 12:00 horas, no Teatro Principal, o documental 'En todas as mans', dirixido por Diana Toucedo por encarga da cooperativa Trespés. O filme afonda na figura, única en Galiza e no norte de Portugal, do monte comunal, xestionado directamente polos veciños e veciñas a través das comunidades de montes. O equipo de 'En todas as mans' interesouse especialmente, ademais, por aquelas comunidades que están a levar adiante, con toda a afouteza e coa administración de costas a elas, os proxectos máis innovadores no aspecto económico, ambiental e social. Porque representan, se cadra, a mellor maneira de ollar o futuro.

‘En todas as mans’ foi un encargo da cooperativa Trespés. Tamén fixeras para eles ‘Por que non cantades todas’, cunha das comunidades de montes de ‘En todas as mans’. Que veu primeiro?

Un xurdiu do outro, si. Cando estabamos traballando en ‘En todas as mans’, Samuel, que era nese momento o presidente da comunidade de montes de Zobra, na serra do Candán, propúxonos a idea de gravar as cantareiras. Porque el decatábase de que era algo que se podía perder. E a verdade é que son unhas mulleres súper modernas, cun gran sentido do humor… gustounos moito facer ese proxecto. Xurdiu nese momento pero fixémolo despois. Tamén ‘En todas as mans’ foi gravado en dous momentos, en 2013 e 2014.

Por unha cuestión técnica ou porque tivestes algún problema?

Pola axuda de Agadic, en realidade. Porque a maior parte do orzamento que nos ían dar era para o terceiro ou cuarto ano. Entón tentamos facer a rodaxe nos dous últimos anos. Pero ao final foi bo para o proxecto. Así tivemos máis tempo para a investigación. Tamén puidemos ver o gravado na primeira rodaxe e mudar cousas na segunda.

Hai moitas entrevistas pero non poñedes o nome de ninguén ata os créditos finais. É porque queriades un retrato coral, sen individualizar?

É unha decisión que tomamos xa desde o principio. A idea era entrevistar xente coñecida, como profesores de Universidade, e aos protagonistas das comunidades de montes, os comuneiros. Unha muller que traballa nunha comunidade de montes non é menos importante que alguén que dea unha perspectiva académica, por exemplo. E pareceunos oportuno non individualizar o discurso.

“Unha muller que traballa nunha comunidade de montes non é menos importante que alguén que dea unha perspectiva académica”

O obxectivo é explicar o que é unha comunidade de montes e como funciona, reivindicala como parte do noso patrimonio cultural e natural… Como os concretastes durante o proxecto?

Os obxectivos xa estaban claros desde o propio encargo. Alberte Román foi quen contactou comigo e me explicou. Eu sabía o que eran as comunidades de montes pero tampouco coñecía a temática desde dentro. E iso que meu avó era comuneiro!. Ao comezar a afondar no tema, decatámonos de que os galegos e os portugueses temos unha figura única, a comunidade de montes, que permite a xestión directa da nosa contorna polos propios veciños. As terras comunais levan aí séculos, e non é algo moi coñecido. É unha parte do noso patrimonio, e algo exclusivo de Galiza e do norte de Portugal. É parte de nós. E o que quixemos foi falar diso, en positivo.

E máis nun momento no que a cidadanía está a reclamar a participación, desde abaixo. Porque as comunidades de montes son, como din os comuneiros, unha escola de democracia. Indo ao concreto, mostramos como as comunidades de montes funcionan de xeitos diversos. E interesábannos especialmente as comunidades que están a apostar por proxectos máis innovadores, en xestión económica, ambiental e social. Ao sinalar eses exemplos, en positivo, pensamos que se cadra podiamos abrir campo para que as comunidades menos dinámicas poidan camiñar cara aí, cara ao modelo baseado neses tres eixes.

“Interesábannos especialmente as comunidades que están a apostar por proxectos máis innovadores, en xestión económica, ambiental e social”

O propio documental é… como varios documentais nun. Dun lado as entrevistas, doutro unha parte máis observacional, da vida cotiá, doutro lado un enfoque da paisaxe bastante artística…

Esa foi a aposta, si: tres pés, a nivel conceptual. Dun lado a verbalización do tema a través das entrevistas, para dar información sobre o que son as comunidades de montes. Dirixímonos a un público galego, ademais, pero non de xeito exclusivo, polo que precisabamos que estivese ben explicado para quen non coñeza esta realidade. Doutro lado está o cotiá, o retrato de acompañamento dos comuneiros. E despois a paisaxe, que tamén ten un peso importante. Queriamos que se vise a diversidade: os diferentes tipos de monte… En xeral, a idea non era só dar información, senón que a xente poida sentir o que che están a contar. Case presencialo.

Ao mesmo tempo, tampouco se presenta as comunidades como algo perfecto. Fálase de conflito, externo e interno. Do externo: os eólicos, a presión da administración ou o seu abandono, os lumes…

A vontade era facer un documental que fale en positivo pero, si, non queremos dicir que todo sexa perfecto. Queremos que se vexa como traballa unha xente que está a liderar proxectos que xeran emprego, contribúen a recuperar biodiversidade… Pero as comunidades de montes son tan complexas como calquera comunidade de veciños. É normal que haxa conflito interno. En canto ao externo, están a soidade, o desamparo da administración, as costas que lles dá todo o universo político. Quixemos salientar o máis significativo, que nos pareceu que eran os eólicos, a praga das acacias, os lumes… E despois subtemas como a gandería…

“As comunidades de montes son tan complexas como calquera comunidade de veciños. É normal que haxa conflito”

No documental explícase como o franquismo roubou gran parte da terra comunal para impoñer a política de repoboación forestal da que aínda hoxe é resultado o estado do monte. Outros conflitos, como os dos eólicos, son máis recentes. Aínda que non sae no documental, co goberno bipartito si houbo un intento de que non fosen só as empresas os que os xestionasen. Despois, a tendencia foi só privatizar. Parece que volve ser como no franquismo. O Estado quere o que non é seu.

Aí hai varias cousas, e unha delas é a problemática que supón a lexislación española, que non recoñece as comunidades de montes como territorio veciñal que son. E isto dá lugar a moitos dos conflitos e ameazas que apuntamos. En Portugal a lei recoñece a propiedade pública, privada e comunitaria. En España só a pública e privada. Nese contexto, a unha das comunidades de montes que saen no documental queren cobrarlle o imposto de sociedades, por exemplo. Porque o Estado non entende o que é.

A Lei de Montes foi modificada varias veces, pero no se introduciu esta figura. Houbo mudanzas desde o franquismo, porque senón non se terían recuperado boa parte das terras roubadas e agora o monte sería todo dos concellos e do Estado. Pero non mudou a situación o suficiente. E un dos efectos do roubo dos montes puido ser a emigración, como di Araceli Freire. É algo importante do que non se fala. Non é fácil reverter a situación. Pero hai comunidades de montes que están a levar adiante proxectos moi afoutos para transformar e recuperar o que era noso.

O documental olla, tamén, ao futuro. Pregúntase se haberá relevo, como fai Samuel. Tamén debaten entre eles se paga a pena, pois un lume -que pode ser unha vinganza- pode arrasar nunha noite o traballo de décadas.

Eles saben que traballan a longo prazo. Como dicía sempre un comuneiro de Teis: é o monte que herdamos dos antepasados, pero non é para nós, é para os nosos netos. E iso é parte da filosofía que hai debaixo. Non só nós deberiamos pensar así. Debería facelo todo o planeta. Eles manteñen eses proxectos tan valentes, e subliño o de valentes, porque a da valentía é quizais a impresión coa que máis me quedei.

“Como dicía sempre un comuneiro de Teis: é o monte que herdamos dos antepasados, pero non é para nós, é para os nosos netos”

‘Trinta lumes’, outro dos teus proxectos actuais como directora, tamén ten relación co monte…

Son varios proxectos que fixen en paralelo, pero non teñen unha conexión tan directa. Si que é o monte a o vínculo dos humanos coa natureza. Pero en ‘Trinta lumes’ é unha abordaxe diferente, máis observacional. É un retrato do Courel a través dunhas nenas. O que me interesa é a concepción da vida e a morte neste lugar. E a relación do pasado co presente. A vida e a morte xogando man a man.

As curtas que fixeras antes como directora tiñan un enfoque máis artístico. Falaban de arte, quero dicir.

‘Ser de luz,’ por exemplo, que estivo no (S8), falaba tamén un pouco da vida e a morte. É un traballo case de remontaxe. En Barcelona traballei con Javier Mariscal, co escultor Jaume Plensa, co deseñador David Torrents, cun grupo de arquitectura… Si que tiven vontade de achegarme á arte, e ao espazo, por iso o do traballo cos arquitectos. Con David Torrents fixen ‘BruumRuum!’, que foi premiada…

Tamén traballaches na edición de ‘La noche que no acaba’ de Isaki Lacuesta, ou en ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’ de Alberto Gracia. Como montadora tes moito feito…

Si. Con Isaki Lacuesta comezara a traballar xa bastante antes, cun proxecto no CCCB. El estaba traballando nunhas correspondencias con Naomi Kawase, e eu xusto estaba tamén nese momento con Naomi Kawase.

En ‘Por que non cantades todas?’, que se puido ver o ano pasado no Culturgal, as cantareiras non lle daban moita importancia ao que facían.

E en parte por iso Samuel insistiu… É que para elas é algo moi natural. Aprenderon a cantar na cociña, coa avoa. Aprecian o que fan, pero téñeno tan naturalizado que tampouco o consideran nada do outro mundo. Elas preservaron ese patrimonio dese xeito. E tamén é bonito: foi desde o íntimo, o cotiá, manter esa tradición con esa intensidade e esa vida. E tamén é algo que periga, porque son xente maior…

“As cantareiras aprecian o que fan, pero téñeno tan naturalizado que tampouco o consideran nada do outro mundo”

En ‘En todas as mans’ saen bastantes menos mulleres que homes. Hai menos nas comunidades de montes? Ou resultáballes máis incómodo falar para a cámara?

A cuestión é que o comuneiro era un representante da casa e, aínda que a lei non o establecía así, normalmente o representante era o home. Aínda que no interior, en Lugo e Ourense, atopamos moitas comunidades nas que eran as mulleres. Os homes traballaban fóra, por exemplo, e eran elas as que estaban á fronte da familia. Hai uns 10 anos que a xestión comezou a igualarse máis nese sentido pero, claro, non é fácil. En calquera caso, si que se amosaron igual de participativas que os homes. Non houbo rexeitamentos a ser gravadas.

Web de 'En todas as mans'

Imaxe da rodaxe de 'En todas as mans' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.