0 Gardados para despois

Unha campaña promove as Letras Galegas de 2013 para Vidal Bolaño

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


“Roberto Vidal Bolaño é un firme candidato ás Letras Galegas. É un fundador das artes escénicas”. Con estas palabras, o actor Antonio Durán Morris recolleu o pasado 28 de abril o premio Mestre Mateo ao mellor intérprete por Doentes, adaptación cinematográfico da obra homónima do dramaturgo. Ao pronunciar estas palabras, acompañadas de aplausos no Palexco da Coruña, Morris non imaxinaba que pouco despois lle choverían correos e mensaxes ao respecto. “Hai que facer algo”, dicíanlle moitos. E algo xa se comezaba a facer.

Un grupo de persoas, próximas a Vidal Bolaño, comezaran xa a idear unha iniciativa cun claro obxectivo: As Letras Galegas do 2013 dedicadas a Roberto Vidal Bolaño. “Ao longo do ano falábase de que Vidal Bolaño podía ser un bo candidato para o 17 de maio do próximo ano, pero o tempo ía pasando e non se movía nada. A verdade é que foi moi importante o que dixo Morris nos Mestre Mateo, foi un impulso moi importante”, recoñece Roi Vidal, fillo do dramaturgo, e unha das persoas que está ao tanto desta iniciativa.

Iniciativa que comeza estes días a coller forma mediante unha campaña de recollida de apoios a través da internet, que xa conta con preto de 300 sinaturas. Dende o pasado sábado, nas redes sociais agromou un texto e unha dirección de correo que pedía adhesións para reclamar o Día das Letras Galegas de 2013 para o escritor. “Comezamos un pouco como un proxecto, por dicilo dalgún xeito, privado. Movéndoo entre os coñecidos e os amigos. Agora xa estamos a abrila para que todos se poidan unir. A verdade é que a resposta está sendo boa”, sinala o dramaturgo Rubén Ruibal, un dos promotores desta campaña xunto a un grupo de persoas no que se inclúe Antón Dobao e Camilo Franco. “Eles tres escribiron o texto”, recoñece o propio Roi Vidal en referencia a Dobao, Franco e Ruibal, quen tamén abriron a conta robertovidalbolanho@gmail.com para que todos os interesados se poidan unir á campaña.

O documento, baixo o lema Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas, xa está aberto e circula polas redes sociais

O documento, baixo o lema Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas, xa está aberto e circula polas redes sociais. Nel expóñense os motivos polos cales o autor de obras como Animaliños ou As actas escuras merece recibir o recoñecemento do 17 de Maio. “Chegamos a 2013 e damos coa cifra dos 11 anos da morte, que non desaparición, de Roberto Vidal Bolaño. Igual cadran as contas porque para falar de literatura, de teatro e de lingua non hai mellor exemplo que Vidal Bolaño”, sinálase no texto no que tamén se apunta que “hai motivos” para dedicarlle as Letras Galegas ao escritor. “Un por cada espectador que Vidal Bolaño levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro”, reza o comunicado.

 

De xustiza para o teatro galego profesional

"Vidal Bolaño non só ten valor teatral, teno literario. Ten unha obra moi rica, tocou xéneros totalmente diferentes e demostrou que o galego era útil para todos os xéneros"

Ese manifesto, que Praza reproduce integramente, tamén se deixa ás claras unha cuestión de xustiza. A celebración das Letras Galegas vén de cumprir medio século e na listaxe de homenaxeado non hai ningún dramaturgo. Si hai escritores como Cunqueiro ou Dieste, entre outros, que escribiron teatro, mais nótase a ausencia dun autor de teatro puro entendido como tal. “O Día das Letras Galegas cumpriu 50 anos. Felicidades. Medio século ben empregado e sen facer moito teatro. Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización”, explícase no texto.

Esa ausencia hai que reparala, segundo os promotores desta iniciativa. “Creo que é xusto. Levamos trinta anos de teatro galego, que amosou o galego como un idioma habitable. E Vidal Bolaño non só ten valor teatral, teno literario. Ten unha obra moi rica, tocou xéneros totalmente diferentes e demostrou que o galego era útil para todos os xéneros. Antes del e do grupo Abrente, o teatro galego reducíase a aspectos costumbristas. Todo iso cambiou”, asegura Ruibal, quen tamén agradece o apoio de colectivos e asociacións como Escena Galega ou Asociación de Actores nesta esmpresa. “O seu apoio é moi importante”, sentencia.

"Se Roberto Vidal Bolaño, que non é ningún escritor chileno, en vez de ser autor teatral fose novelista, hoxe sería considerado como un grandísimo escritor, un imprescindible"

Camilo Franco, pola súa banda, tamén destaca o valor literario e a necesidade de cubrir esa ausencia do teatro galego profesional na listaxe das Letras Galegas. “Eu sempre dixen e non sempre lle parece ben á xente que se Roberto Vidal Bolaño, que non é ningún escritor chileno, en vez de ser autor teatral fose novelista, hoxe sería considerado como un grandísimo escritor, un imprescindible”, reflexiona Camilo Franco. Con esta campaña, búscase acadar o recoñecemento merecido para Vidal Bolaño e tamén para o teatro galego. “Vidal Bolaño é literatura da boa, temos que manexar e recoñecer a súa figura. Dedicarlle as Letras Galegas é merecido, é unha boa cousa”, completa Antón Dobao, quen lembra que a campaña nace dun grupo de persoas que funcionan “como motor”, pero que se está a espallar e abríndose a todos”.

 

Comunicación coa Academia

Non será fácil, todas as quinielas dan a Carlos Casares como o gran homenaxerado en 2013

Pese a que xa están nas redes sociais tanto o texto como a conta de correo, a iniciativa buscará darse a coñecer aos medios de comunicación tradicionais de cara ao final desta semana. Non obstante, os promotores queren comunicarse previamente coa Academia, á quen lle remitirán ademais o conxunto das sinaturas e apoios conseguidos . “Aínda non o fixemos, pero estamos a piques de falar con eles”, explica Roi Vidal.

Para a elección dos homenaxeados nas Letras Galegas é necesario que, antes da votación, sexan os propios académicos os que propoñan os nomes. Ante estas normas, os organizadores deberán que comunicar a RAG a súa intención e falar con algún académico en concreto para que poida levar  nome de Vidal Bolaño ao plenario. Nos próximos días haberá eses contactos. Non será fácil, todas as quinielas dan a Carlos Casares como o gran homenaxerado en 2013. “Sen dúbida. Se lle preguntas a xente, o 90%  dirache que as Letras Galegas serán para Casares. Nós imos intentar que isto vaia para adiante, temos que buscar a forza para que vaia. E se non é desta vez, será para a próxima”, conclúe Ruibal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Queremos ir máis alá da súa dimensión cultural, moi importante, si; pero queremos subliñar a súa traxectoria vital”

Roberto Vidal Bolaño faleceu o 11 de setembro de 2002 en Compostela. O teatro do país perdía un dos seus máximos representantes. Escena, cinema, televisión e literatura foron as dimensións dunha figura que deixou unha forte pegada na cultura do país en xeral e na escena en particular. “Eu bótoo de menos. A profesión bótao de menos”, recoñecía o propio Morris hai unhas poucas semanas nunha entrevista en Praza.

“Eu bótoo de menos. A profesión bótao de menos”, recoñecía o propio Morris hai unhas poucas semanas nunha entrevista en Praza.

A profesión “bótao de menos”e por iso estase a organizar xa unha homenaxe para lembrar a Vidal Bolaño á volta do verán. “Queremos facer unha especie de gala con actuacións, con xente que poida falar de Vidal Bolaño. Xente do teatro, pero non só do teatro. Persoas da cultura, mais non só da cultura. Queremos ir máis alá da súa dimensión cultural, moi importante, si; pero queremos subliñar a súa traxectoria vital”, explica Roi Vidal, quen participa na organización. Polo momento non hai unha data exacta para o evento, mais a organización xa falou co Concello de Santiago para empregar o Teatro Principal. Non obstante e pese a disposición do Concello, polo momento aínda non se definiu a data exacta para a homenaxe.

Edicións Positivas publicará as súas obras completas

Ademais das homenaxes, a segunda metade do ano traerá tamén o inicio da publicación das obras completas de Vidal Bolaño, do cal se encargará Edicións Positivas. “A intención é publicar os dous primeiros libros no mes de setembro e outros dous a finais de ano”, adianta Roi Vidal, quen polo momento non quere especificar cales serán os primeiros títulos que saian publicado.

“A intención é publicar os dous primeiros libros no mes de setembro e outros dous a finais de ano”

O dramaturgo, nacido en Compostela en 1950 e falecido en 2002, é un dos fundadores do teatro profesional galego e da súa pluma saíron obras tan relevantes como Laudamuco, señor de Ningures (1976), Bailadela da morte ditosa (1980), Días sen gloria (1992), Agasallo de sombras (1992), Saxo Tenor (1993) ou Doentes. Esta última foi levada ao cine baixo a dirección de Gonzalo Balza e interpretada por Morris e Pico. Tamén é autor de As actas escuras, obra que hai dous anos representou por primeira vez o Centro Dramático Galego despois de 18 anos sen levarse á escena, aínda que recibira o Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992. A obra tampouco foi publicada -a pesar de que as bases do certame recollían a edición do texto gañador- até dez anos despois.

Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas 2013

O Días das Letras Galegas cumpriu 50 anos. Felicidades. Medio século ben empregado e sen facer moito teatro. Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización. É tempo suficiente para ter comprobado a importancia do teatro na cultura galega e tempo suficiente para valorar como contribuíu a escena galega á revitalización da lingua e a darlle un uso actual, contemporáneo e habitable.

"Practicou a lingua e o teatro, o teatro da lingua, a lingua do teatro con toda a contundencia que lle foi dado e, algunhas veces, moito máis"

Cincuenta anos despois do Día e trinta anos despois da romería chegamos a 2013 e damos coa cifra, tráxica en calquera caso, dos 11 anos da morte, que non desaparición, de Roberto Vidal Bolaño. Igual cadran as contas porque para falar de literatura, de teatro e de lingua non hai exemplo mellor que Vidal Bolaño: practicou a lingua e o teatro, o teatro da lingua, a lingua do teatro con toda a contundencia que lle foi dado e, algunhas veces, moito máis. As súas necrolóxicas de hai máis dunha década xa o sentenciaron como o máis importante autor galego de teatro e, once anos despois, a súa obra non deixou de medrar. Unha obra que comeza cos símbolos e acaba na realidade, nun proceso de interpretación dese lugar onde o mundo se chama Galicia que poucos autores, de teatro, narrativa ou poesía, poden igualar. Ese é o camiño que vai de Bailadela da morte ditosa a Rastros.

"Hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro"

Hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro. Pero hai outro fundamental que garda relación intensa co prexuízo de que é ou que deixa de ser literatura. Se colocamos nunha ringleira a obra toda de RVB: Laudamuco, Bailadela, Saxo Tenor, Días sen gloria, Anxeliños, Animaliños, Criaturas, Rastros, As actas escuras, por exemplo, hai moitas obras comparables? Escribir teatro tamén é de escritores.

"Escribir teatro tamén é de escritores"

Aínda habería máis porque RVB foi unha figura da escena e, polo tanto, foi actor e director, pero foi actor de televisión e de cine e esas circunstancias implican unha biografía pública próxima aos espectadores, unha biografía con moitos atractivos e cun obxectivo que aínda hoxe resulta útil ou, quizais, sexa hoxe máis útil que nunca: explicarnos para ben e para mal como é o mundo visto desde o teatro de aquí. Como é o mundo desde Galicia. Polo tanto.