0 Gardados para despois

Omite a Xunta os ideais políticos de Díaz Pardo?

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Este mércores a Xunta levou á Cidade da Cultura a homenaxe oficial a Isaac Díaz Pardo, falecido o pasado xaneiro. Co presidente Feijóo á fronte, o Goberno galego amosa o seu recoñecemento á figura do intelectual, empresario, artista e un dos últimos testemuños do galeguismo e da esquerda dos anos previos ao golpe de Estado de Francisco Franco. Pero, é un recoñecemento a toda a súa figura? Iso foi precisamente o que se puxo en cuestión horas antes en sede parlamentaria, nomeadamente na comisión de Cultura arredor dun tema que, a priori, non debera ser obxecto de maior controversia. Sobre a mesa estaba unha pregunta do PSdeG dirixida á Consellería de Cultura na que se preguntaba pola marcha dos traballos para declarar o legado de Díaz Pardo como ben de interese cultural. Pero a cuestión, presentada polo deputado Francisco Cerviño, non ficou nun trámite.

O encargado de responder, o director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel, non ofreceu a resposta desexada polo socialista. No canto de detallar que o acordo parlamentario se estaba a aplicar ao ritmo agardado, o alto cargo da Xunta asegurou que o seu departamento mantén intacto o "compromiso". "Traballa a destallo" e "con disciplina" para protexer uns bens cunha relevancia "fóra de toda dúbida". Pero o expediente aínda non está incoado pola súa "complexidade" técnica, o que equivale a dicir que, polo momento, os complexos do castro de Samoeado e de Sargadelos, o propio Laboratorio de Formas, e o Museo Carlos Maside, así como as obras de arte que neles se conteñen, aínda non son un BIC.

Cerviño cualifica a Feijóo de "inútil" e "reaccionario"

A tardanza da Xunta e o feito de que Rey Pichel especificase que algúns destes bens xa teñen outros niveis de protección diferentes ao BIC derivou en indignación do parlamentario. Quizais coa presenza do presidente da Xunta na capela ardente de Díaz Pardo aínda na lembranza, Cerviño censurou con dureza que o Executivo se afane en organizar homenaxes "populistas" mentres dilata a protección do patrimonio do intelectual e, ao tempo tente "baleirar de contido" e "omitir" a súa traxectoria, obviando que "militou nas Xuventudes Socialistas", que era "un galeguista e intelectualmente un nacionalista", así como un "defensor da memoria histórica. Feijóo "presume de tecnócrata e bo xestor" pero, na súa opinión, revélase como "un inútil" e un "reaccionario". A "mellor homenaxe" é "a preservación do seu legado", resolve.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo: "Díaz Pardo tivo un compromiso chamado Galicia"

O presidente da Xunta encabezou este mércores a homenaxe institucional do Goberno galego a Isaac Díaz Pardo. En presenza de numerosas autoridades e tamén de membros da familia do intelectual galeguista, o xefe do Executivo salientou que Díaz Pardo é exemplo dunha vida "dedicada a un compromiso chamado Galicia".

Na biblioteca da Cidade da Cultura, Feijóo gabou o "inmenso legado artístico" do fundador de Sargadelos. Na súa opinión, “rendéndolle tributo, rendémosllo tamén a tantos galegos que conseguiron cambiar o destino do noso país en cada momento da nosa historia colectiva. Son eles os que lograron que nos vexamos a nós mesmos como un pobo capaz, creativo, apto para empresas colectivas; un pobo protagonista” asegura.

Para Feijóo, o principal labor de Isaac Díaz Pardo foi "tecer soños", xa que sabía "que o futuro da súa terra non está nos resignados, senón nos que loitan cada día contra a realidade para transformala. Aprendeuno a carón do seu pai, e aprendeuno no taller no que, sendo un rapaz, coñeceu a Castelao e as inquedanzas dos que loitaban daquela por unha Galicia estatutaria e polo agromar dunha realidade nova”, aseverou.