Suárez Canal: "A fotografía foi, para José Suárez, un xeito de explicar e transformar a realidade"

Unha das fotografías de 'Mariñeiros' © José Suárez

"Nas miñas fotos sempre está o home ou polo menos a súa pegada". Dicíao o propio José Suárez, e pode ser un inicio axeitado para calquera relato posible sobre a súa obra. "Uns ollos vivos que pensan", titúlase a exposición que vén de abrir a Cidade da Cultura na que se realiza o ata agora máis completo percorrido pola creación do que foi un dos máis importantes autores da historia da fotografía galega. Un ollar humanista que, atento ás novidades achegadas polas vangardas europeas, combinou cunha preocupación estética que conduce a súa obra alén do etnográfico. "As fotografías de Suárez", -sinala Alberto Martín no artigo que asina no catálogo da mostra-, "son rapidamente recoñecidas, e co tempo acrecéntase esa condición, como paradigmáticos exemplos dun traballo socialmente auténtico, oposto ao patriotismo, ao pintoresquismo ou ao folclorismo 'petrificados'. As tradicións artesanais, os vellos oficios, os protagonistas ou 'heroes anónimos', o territorio como paisaxe, lido con profundidade e non como vistas, son elementos que entran de cheo, naqueles momentos, nun discurso de reafirmación da identidade".

"As súas fotografías son paradigmáticos exemplos dun traballo socialmente auténtico, oposto ao patriotismo, ao pintoresquismo ou ao folclorismo"

José Suárez nacera en Allariz no 1902. Ao remate do bacharelato, o seu pai regaloulle unha cámara. Unha máquina da que, -contan Manuel Sendón e X.L. Suárez Canal, comisarios da mostra, no catálogo da mesma-, xa non se separou máis xa que, dicía o seu irmán Paco, "as poucas veces que o vía sen ela parecíame que na súa entidade física había como unha mutilación". Estudou dereito para poder darlle continuidade ao negocio do pai, -que era procurador-, mais o seu interese real residía nas artes plásticas, e en concreto na fotografía. O seu primeiro destino laboral, -onde comeza tamén a exposición da Cidade da Cultura-, situouse en Salamanca, onde a súa relación coa Revista de Occidente, -con Ortega y Gasset e Unamuno, principalmente-, marcou o seu xeito de ver o mundo. Nesta primeira parte da mostra, Suárez amosa unha gran curiosidade pola paisaxe castelá. Mais non son as estampas turísticas sobre a inmensidade do horizonte o que o atrae, senón as persoas: o seu camiñar. Como lembran Suárez Canal e Manuel Sendón no catálogo, José Suárez percorreu a pé o camiño entre Salamanca e Allariz máis dunha vez. Tivo tempo, e moito, de observar. Foi entón tamén cando comezou a realizar reportaxes de contido etnográfico -os oficios, a xente nas casas e nas rúas...-. Mais nunca foi Suárez un fotógrafo costumista ao que lle interesase o bucólico, senón que, -apunta Suárez Canal-, "fixo da foto unha linguaxe de creación, aínda que non lle gustaba chamarlle arte. Para el a fotografía foi un xeito de explicar e transformar a realidade, de expresala a través da súa linguaxe. Por iso é, realmente, un autor", que ademais "introduce o seu estilo a linguaxe propia das vangardas".

De interese etnográfico son tamén as fotografías -coas que continúa a mostra do Gaiás- que tirou na primeira metade dos 30 en Galicia. "Este traballo, como o realizado na década anterior pola americana Ruth Matilda Anderson, constitúe un rico achegamento ao noso patrimonio visual, coa diferenza de que a visión de Anderson é a visión dunha antropóloga, mentres que a de Suárez responde á dun fotógrafo cunha forte preocupación estética", indican Sendón e Suárez canal no citado artigo. Imaxes da malla, a olería, as romarías, o mundo do mar... con algunhas tomas xeométricas, de composición diagonal, en liña coas vangardas europeas. Proba da súa posición xa non só estética senón ideolóxica é a ironía de 'Os do gorro atravesado', imaxe de dous gardas civís de costas. Aínda que Suárez Canal e Sendón salientan especialmente a fotografía "do fragueiro construíndo a roda dun carro, pola composición diagonal, que lle confire dinamismo, unida a un picado, que nos lembran as imaxes da Nova Visión alemá e dos construtivistas rusos".

"A visión de Suárez responde á dun fotógrafo cunha forte preocupación estética"

Ao respecto, Alberto Martín salienta que "José Suárez ensaia ata 1935 co novo vocabulario da modernidade (máis oportuno aquí este termo que o de vangarda) nunhas coordenadas próximas á Nova Obxectividade, e sempre máis preto de Albert Renger-Patzsch que de ningunha outra referencia: coa composición, a iluminación, picados e contrapicados, inclinacións, fragmentacións, planos de detalle, simetrías e, sobre todo, con ese signo distintivo da Nova Obxectividade que é a repetición sistemática dunha nova forma de encadre. Pola súa banda, nas series que foi realizando en Galicia a principios dos anos 30, profunda na fotografía documental. Tamén nestes traballos é observable unha confluencia co que será a evolución da Nova Obxectividade, ao longo desa mesma década, cara a un rexistro documental cada vez máis centrado no humano".

A síntese entre o interese formalista e o documental represéntaa, segundo Martín, a serie coa que segue a exposición da Cidade da Cultura, 'Mariñeiros', do 1936, o traballo máis coñecido de Suárez. Se en 'Beiramar', xusto anterior, os protagonistas eran os barcos, en 'Mariñeiros' son as persoas. Fotos estáticas, de encadre e luz moi coidadas, pose estudada e miradas reflexivas que non ollan á cámara. A 'Mariñeiros' pertence a coñecida imaxe co neno e a súa 'Javiota' mariñeira, ou o contrapicado da señora co hórreo ao fondo, ou o 'Gabián celta', mariñeiro na proa dun bote erixido con toda a dignidade, como o heroe épico, malia a dureza das condicións laborais e vitais que transparentan todas as fotos. En planos de detalle esculca fragmentos de corpos ou obxectos de grande simboloxía, como as sardiñas que semellan aforcados, ou quizais afogados. Aínda que se cadra as imaxes que causan maior impresión son as dos mariñeiros cubertos, case sepultados, polas redes de pesca. O peso do traballo sobre a vida. Sendón e Suárez Canal lembran aquí, tamén, a pegada da Nova Visión dos anos 20, ou as do neorrealismo italiano do cine dos anos cincuenta. 

Aínda que se cadra as imaxes que causan maior impresión son as dos mariñeiros cubertos, case sepultados, polas redes de pesca

Suárez comezou, en xuño de 1936, a rodaxe das que ían ser cas catro películas documentais 'Mariñeiros'. Mais o golpe truncou o proxecto, e a súa vida, porque tivo que marchar para o exilio, en América, polas súas ideas liberais, malia que, como explican Sendón e Suárez Canal, "non estivo vinculado politicamente ao galeguismo". Así, -apuntan-, Luis Tobío "vincula o seu espírito co do grupo de Ourense dos anos vinte, de clara orientación galeguista, mais desvincúlao da militancia política galeguista". Do exilio, a exposición da Cidade da Cultura mostra, en primeiro lugar, a serie 'Nieve en la cordillera', sobre a práctica do esquí na estación de inverno de El Portillo, na cordilleira dos Andes de Chile. Anos despois, -lembran Suárez Canal e Sendón-, dirá que, nas voltas que lle deu ao mundo, os mariñeiros galegos e os traballadores da cordilleira dos Andes empregados no ferrocarril transandino foron as persoas que máis o impresionaron. En América, -comentará Suárez tamén-, foi onde se fixo fotógrafo "profesional". Viviu en Bos Aires e en Punta del Este, en Uruguai, onde, segundo o testemuño de Tobío, o seu amigo era o fotógrafo de moda das persoas "importantes" da cidade. 

A exposición do Gaiás xunta fotos de América do Sur nas que Suárez trata o mundo do campo de xeito semellante a como fixera cos mariñeiros galegos, en imaxes escenificadas de clara pegada cinematográfica, segundo apuntan Suárez Canal e Sendón. Son os vaqueiros da Pampa, os recolledores de algodón de El Chaco, as señoras de Santiago del Estero, os ovelleiros de Tierra de Fuego... Tamén as árbores da Patagonia, coas súas formas moldeadas por un vento que parecen resistir, ou o cemiterio de barcos na illa Magallanes, que son das poucas series nas que o ser humano non é protagonista, como en Beiramar, coa que tamén conectan algunhas das fotos que realizou no Brasil, sobre as velas das embarcacións. Os retratos humanos centran, porén, outra parte do traballo realizado en Salvador de Bahía, que se achega ademais ao feito en Sudáfrica, con imaxes de mulleres que van máis alá da beleza.

Aínda que foi, quizais, Xapón o país que máis o mudou. Nas súas notas persoais recollerá que "o xaponés dialoga coa natureza: co animal, o seu compañeiro de traballo; co arrozal, o seu xugo e a súa ledicia; coa árbore, a súa amiga. A súa relixión panteísta irmándao coa natureza e arrinca dela canto precisa, cubrindo coa tenrura o seu mester utilitario", mentres que "o occidente descende de razas nómades, pastorís, loita coa natureza, sométea por forza cando pode, desafía os elementos, exterioriza as súa impotencia ante a súa loita desigual. O xaponés sométese de igual a igual, admite que a natureza se rebele contra a servidume que trata de imporlle". O teatro Noh, os xardíns, o traballo -nos arrozais, no mar, no cultivo da perla- son algúns dos temas que máis lle interesaron. "As fotografías en branco e negro realizadas no Xapón", -contan Suárez Canal e Sendón-, "teñen características diferentes do resto da súa obra. Semellan as dos fotoxornalistas de moda naquel momento, en que as revistas ilustradas estaban no seu maior apoxeo e Cartier-Bresson era o paradigma".

"As fotografías en branco e negro realizadas no Xapón semellan as dos fotoxornalistas de moda naquel momento"

Tras a experiencia xaponesa volve a España. Na primeira metade dos 60 realiza unha serie sobre La Mancha, da que tamén poden verse mostras no Gaiás. "A través de paisaxes, rúas, elementos arquitectónicos, obxectos e sobre todo fotografías de persoas que habitan esas paisaxes e eses lugares, achégase a un espazo que sempre estivo presente no seu pensamento a través do Quixote", indican Sendón e Suárez Canal. A terra, os muíños, as casas, a xente... chaman a súa atención. "Nesta serie", -subliñan os comisarios da mostra-, "hai imaxes descritivas, que se poden definir como costumistas, na liña das realizadas no Xapón, mais tamén hai outras moi suxestivas nas que o baleiro evoca soidade, tristeza e desolación". A roupa negra fronte aos espazos brancos. E de novo a ollada especial sobre as mulleres, sobre todo as maiores, que transparenta o seu xeito de vivir, alén da situación concreta na que se atopan, e que contrastan coas tomadas no festival de ópera de Glyndebourne, en Inglaterra, nas que as persoas visten ostentosas roupas para participar nunha comida campestre, ao xeito de alta sociedade.

Deste tempo son tamén as imaxes do toureo, das que fará un libro para a editorial Cassell and Company de Londres, ou as series sobre Eivisa e Mojácar, presentadas no Gaiás baixo o título 'Mediterráneo'. "Hai imaxes costumistas de Mojácar mediante as que se achega á vida cotiá neses lugares, como nas que están presentes os burros, as señoras tendendo a roupa... porén hai outras, como a da muller con vasoira, que transceden o costumismo pola soidade que transmiten mediante o contraste entre os negros e os brancos", sinalan os comisarios. A mostra do Gaiás amosa tamén fotografías da Galiza dos 60, -Santiago, as feiras coas polbeiras, o marisqueo nas Rías Baixas-... 'Uns ollos vivos que pensan' reúne, en total, 206 imaxes, ademais de 150 obxectos persoais, como cámaras ou maletas. Ademais das fotografías expostas sobre un telón deseñado por Alfonso Penela, pode verse, en vitrinas, unha detallada mostra das publicacións de Suárez en xornais, libros e revistas, ou os seus retratos de persoeiros como Unamuno. A mostra salienta, de feito, o recoñecemento que o traballo de Suárez tivo por parte de autores como Blanco Amor. Os seus últimos anos foron, porén, duros, cunha situación económica precaria e un estado depresivo, -Suárez Canal e Sendón subliñan a súa soidade- que o levou ao suicidio.

"Antes da guerra civil, Suárez expuxera xa en Madrid ou París", lembra Suárez Canal. "Era unha persoa cun recoñecemento, pero a consecuencia do golpe do 36 tivo que exiliarse e empezar de cero en América, porque era republicano e de esquerdas. En América foi tamén moi ben considerado, fixo exposicións, viaxou moito... Pero no 59 decidiu volver, e quizais foi ese o seu erro, porque non vai ter o recoñecemento que merece, e iso vaille ir amargando a vida pouco a pouco. Ademais está só. A súa muller non quixera ir con el para América, ten poucos amigos... Aínda que era moi cariñoso cos seus amigos, e un home de gran cultura. Tiña un carácter forte: unha vez enfadouse moito porque había xente falando mal de Blanco Amor sen estar Blanco Amor presente para defenderse". Suárez Canal -que leva traballando cos materiais do seu tío desde o ano 74-, subliña tamén que, na mostra, "o que está pendurado compleméntase co que está nas vitrinas". Boa parte deste material nunca fora exposto ao público. "Como as series de Mediterráneo, a de Sudáfrica, parte do de América Latina...", entre outras. Rematada a mostra, o arquivo de Suárez seguirá porén, sen un espazo que o acolla para que o público poida seguir accedendo a el. "Temos un proxecto para facer unha fundación en Allariz", indica Suárez Canal. Pero non lle interesou ao PP cando lle foi proposto. 

Retrato de José Suárez con Kurosawa © José Suárez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.