Un palmarés para Cineuropa 2015

Rigth now, Wrong then © Cineuropa

Rematou xa unha edición de Cineuropa, que sen descoidar un chisco a súa calidade habitual, pareceu transcorrer coa vista posta no próximo ano, cando se celebrará a edición número trinta. Cando xa pasaron uns días para dixerir todo o visto neste 2015 non está de máis facer balance. Ademais dos merecidos e reivindicables premios a Arturo Ripstein e Miguel Gomes, o público co poder que se sabe nun festival tan democrático levou inequivocamente ao cumio (9,53 de nota media) a Frankstein-04155 o documental de Aitor Rei sobre o accidente do Alvia que veu alimentar, aínda máis se cabe, a fame de xustiza e reparación das vítimas e a sociedade.

No referido ás películas da sección oficial e internacional, a calidade de moitos dos traballos e a imposibilidade de velos todos xera como sempre conversas acerca de se se vai a estrear segundo que título e laios por non acudir a aquela película das que todos falan tan ben agora. Sen ánimo de profundar na ferida pero si coa intención de continuar o debate propoñemos un palmarés para Cineuropa. Como toda lista de premiados esta tamén é discutible, defendible, fundamentada e/ou inxusta; hai tantas posibilidades como espectadores capaces de determinar a súa. Sendo conscientes das limitacións dun exercicio deste estilo, velaquí un palmarés de Cineuropa, sen máis ambición que a do xogo e co convencemento de que a crítica de cinema, se serve para algo, é para que sigamos falando sobre as imaxes mesmo cando desapareceron da pantalla.

Mellor película peninsular

Nunha edición onde a produción galega estivo copada por documentais e curtametraxes, son as ficcións doutras latitudes as que se disputan este inexistente pero defendible galardón. A primeira película que poderiamos colocar no podio sería Isla bonita, a pequena e luminosa comedia de Fernando Colomo, un posto por arriba poderiamos atopar a José Luis Guerín con La academia de las musas, un novo exercicio cinematográfico dun director inigualable e maxistral, pero se hai unha película que merece todos os recoñecementos nesta edición, pola súa orixinalidade e ambición, é a triloxía As mil e uma noites do recente Premio Cineuropa Miguel Gomes.

Mellor actor

Nesta categoría ben poderiamos apostar por actores xa premiados noutros festivais como o excelso Gúnnar Jonsson de Virgin Mountain ou mesmo permitirnos a licenza de recoñecer o novísimo reparto de Le nouveau, con todo é de xustiza destacar a Elmer Bäck en Eisenstein in Guanajuato que realiza unha extravagante, hilarante e festiva interpretación do cineasta ruso Sergei Eisenstein.

Mellor actriz

Non xeraría moita controversia aquí un ex-aequo ás irmás de Mustang e outras irmás, as de Kore-eda en Our little sister. Pero se nos centramos en actuacións individuais poucas fixeron tantos méritos como a actriz Margherita Buy que en Mia madre de Nanni Moretti interpreta a unha directora de cinema que camiña entre a comedia e o drama demostrando a súa excelencia en todos os rexistros.

Mellor fotografía

Aqueles que puidesen ver Macbeth de Justin Karzel seguramente destacarán o tratamento radical da súa fotografía para ben ou para mal. Igualmente importante, sobre todo pola influencia que ten na película, é o traballo do director de fotografía Mátyás Erdély na claustrofóbica Son of Saul. Por riba de ambas queremos situar o traballo de Sergio Amstrong en El club, dotando á imaxe dunha personalidade propia como xa fixera en traballos anteriores do director Pablo Larraín.

Mellor guión

De entre as grandes historias que puidemos ver nesta edición de Cineuropa non podemos deixar de destacar tres delas por diversos motivos. A primeira, Mountains may depart do director chinés Jia Zhangke que estrutura unha historia ambiciosa en tres actos, o último dos cales non pode ser máis arriscado. Outra que merece a nosa atención é Taxi Teherán de Jafar Panahi por radiografiar un país enteiro coas súas contradicións, sorteando a censura e sen apenas baixarse do taxi que el mesmo conduce. A última das películas que neste caso se alzaría co recoñecemento sería Lobster de Giorgios Lanthimos, o salto internacional do valorado director grego onde satiriza sobre a sociedade e a vida en parella sen deixar de exercer a súa característica violencia psicolóxica sobre o espectador.

Mellor director

Non deixa de ser paradoxal que nun festival que se chama Cineuropa esta edición destaque pola programación de cinema asiático. Reuniuse un auténtico all-star de directores orientais. Sen esquecer aos xaponeses Naomi Kawase e Hirokazu Kore-eda, son outros tres directores os que cremos destacan sobre o resto. O primeiro deles, o tailandés Apichatpong Weerasethakul que non defrauda á súa lexión de seguidores con Cemetery of Splendour, posiblemente o máis accesible dos seus filmes. Outro que é necesario citar é ao taiwanés Hou Hsiao-Hsien pola profundamente bela e inabarcable -para ben e para mal- The Assassin. Pero se hai que quedar con un, e poderíamos ter moitos motivos para facelo, ese é o surcoreano Hong Sang-Soo, que establece un xogo moi estimulante para o espectador na orixinal Right now, Wrong then.

Mellor película

O máis discutible e persoal dos premios podería recaer nas citadas As mil e uma noites ou Right now, Wrong then pero para ampliar o abano de posibilidades son dous filmes latinoamericanos os que queremos poñer en valor. Un é o documental El botón de nácar do chileno Patricio Guzmán, que do mesmo xeito que fixera no seu anterior traballo Nostalgia de la luz, realiza un maxistral exercicio de memoria histórica e poesía cun resultado absolutamente conmovedor. O outro dos traballos, que levaría o máximo recoñecemento deste ficticio palmarés, é Paulina (La patota) de Santiago Mitre. Este remake dun clásico arxentino non só posúe un pulso e unha narración talentosa senón que ademáis expón un profundo dilema por mor dunha violación e pon sobre a mesa cuestións que transcenden o meramente cinematográfico como a xustiza social e a igualdade.

Paulina (La Patota) © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.