0 Gardados para despois

Apoloxía das marxes

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A mediocridade e as marxes. Son as dúas áncoras que sustentan Las calles corrían por las calles, a última obra de Teatro Ensalle, que vén de pasar por Santiago. “Unha apoloxía das marxes”, segundo a define o director da compañía, Pedro Fresneda. Porque -explica- “á xente vendéronlle tanto que as marxes son algo malo, que aprende a facer o que faga falta para non acabar nas marxes. E así acaba: lonxe das marxes, pero infeliz”. Malia que, cada vez máis, “as marxes están cheas. No centro quedan catro. Se o 90% da riqueza a reparten os que son só o 10%”...

Nas marxes, sexa iso o que sexa, -pois que é o centro?-, traballan proxectos como o do propio Teatro Ensalle, unha das poucas salas de artes escénicas contemporáneas que se manteñen en pé en Galicia. “Non nos gustan os centros. Non nos gusta a idea do centro como o lugar máis importante. Por iso hai tempo que non actuamos en Madrid, nin en Buenos Aires. Por iso, sendo de Madrid, viñemos para Vigo. Somos afuerinos. E agora somos afuerinos ata no sistema teatral galego. Vivimos no noso recuncho. Pero é un recuncho forte, bonito, desde o que tentamos dar toda a guerra e toda a lata que poidamos”, indica.

"Vivimos no noso recuncho. Pero é un recuncho forte, bonito, desde o que tentamos dar toda a guerra e toda a lata que poidamos"

Las calles corrían por las calles continúa unha liña que comezou a tracexarse, quizais, con 105 pasos o la mecánica de la carne. Que era unha alerta. Unha chamada. Están a enganarnos. E estamos caendo na trampa. Despois veu La Maleza. A asunción da nosa responsabilidade como cidadáns ante un sistema podre. En Imprudentemente deseé xa o daban por perdido. Xogaban coa metáfora de saír dun sistema sen remedio. Traballar fóra para construír outra cousa. No deberíamos salir nunca de aquí procuraba a orixe do erro. En que momento se torceu todo. Las calles corrían por las calles pode resultar, na súa posta en escena, menos política. Mais non o é. É a "mediocridade" a que segue a erguer sistemas cos pés de lama?

"Coma sempre, tentamos agredir o máis posible o sistema", asegura o director. “Houbo unha época na que a observación da mediocridade nos xeraba unha sensación de violencia, e por iso tiñamos montaxes máis agresivas. Agora é máis a dor. Por unha sociedade á que sentimos que non pertencemos, que non é a nosa. Porque, se pasan cousas como que hai enquisas que din que vai seguir o PP, como vamos seguir traballando para unha sociedade que vai permitir que volva gobernar o PP? Nós traballamos bastante en México, e en sitios onde non hai nin teatros, teces unha relación co público moi bonita. Aquí, porén, o único que interesa é o inmediato: producir e consumir. O Black Friday. Comprar. E, claro, ese non é o noso lugar. Por iso, non nos rendemos, pero tratamos de espertar emocións. E quizais detrás delas veña a conciencia”, salienta.

"O único que interesa é o inmediato: producir e consumir. O Black Friday. Comprar. E, claro, ese non é o noso lugar"

O título da obra procede do libro El señor presidente de Miguel Ángel Asturias, Premio Nobel en 1967. Unhas rúas, -como se di na montaxe-, corren cara ao centro e outras cara á periferia. “É un Nobel, e non nos falan del no colexio. Nin na Universidade. Gustounos moito o que di. Houbo un tempo, hai pouco, no que as rúas estaban a mobilizarse moito. Parecía que os cidadáns ían empoderarse. Pero todo foi un espellismo. Unhas rúas corren cara ao centro e outras cara aos arrabaldes. Podemos escoller. E nós escollemos as marxes. Seguir tentando xerar unha illa de pensamento, de encontro, co noso público minoritario”, indica.

Mediocridade é, en Las calles corrían por las calles, repetición. Non saír da roda. Unha sociedade individualista que non fai máis que copiar. Reproducir o dado. “Está todo a xente ni seu mundo, co seu móbil. Pero no fondo están a facer todos o mesmo. A baixar tal aplicación para facer tal cousa segundo un modelo dado. En realidade, é inventar o que nos dá liberdade. Crear nós mesmos algo novo, aínda que sexa pequeno. Xerar algo. Iso si nos cambia o estado de ánimo. É mellor inventar que repetir. Ademais, eu son mal repetidor”, subliña.

"Está todo a xente ni seu mundo, co seu móbil. Pero no fondo están a facer todos o mesmo"

E á repetición xoga, precisamente, a montaxe. Escenas que volven. Frases que nos martelan. Ás veces, parece que o obxectivo é xerar incomodidade no espectador. Co ruído desacougante do micro contra o chan, por exemplo. “Os nosos traballos esixen moito do espectador. Nós o que queremos é xerar pensamento. E se cadra iso é unha revolución máis potente que o mero feito de facer a denuncia política. Non o sei. En calquera caso, non pretendemos crear incomodo. Senón reflectir a incomodidade que sentimos. Escoitamos, por exemplo, que os actores loitan en Madrid por unha lei do actor. E non sería mellor loitar por unha lei do traballo que nos sirva a todos?”, reflexiona Fresneda.

“Ves a sociedade que te rodea, sempre pendente do que está de moda. O que saíu na televisión, ou nas redes sociais. E, de verdade que iso é o importante? Na obra reflectimos a incomodidade que nos produce iso. A fisicalidade ante todo ese ruído”, engade. E ante o absurdo de vivir na permanente inquietude imposta: a casa, a viaxe… Facelo todo, e rápido. Sen pensar. “Levas tantos anos observando o que pasa, e chega un momento que precisas buscar un punto de chegada. Entón, a onde chegar? A un lugar do que estamos satisfeitos e orgullosos. Que construímos nós. E se temos trinta espectadores, a min non me parecen poucos. Á xente non a educaron para a poesía ou para a creación, senón para comprar nos centros comerciais”, di Fresneda.

"Se temos trinta espectadores, a min non me parecen poucos. Á xente non a educaron para a poesía, senón para consumir"

A escenografía remite, tamén, a esa marxe acolledora. O actor espido, coa roupa pegada na parede. O fondo tamén nu. Cartón. Fraxilidade, en estrutura sólida. “Fas que os morcegos batan coa casiña e ves 500 persoas no público cos ollos ben abertos. E pensas que fuches quen de transmitir a beleza da marxe. Ademais, a min gústame a arquitectura do deterioro. Se cadra por iso vivo en Vigo. Interésame o desbotado. O que xa non se quere. Como as persoas. A min interésanme os ninguén. Os que se manteñen na marxe. O que facemos na obra é construír un espazo acolledor. Apetecible. Pero que é marxe. Non ten mobles de IKEA. Tamén temos algo de natureza: o ramallo dunha árbore, que fai sombra. A natureza fai que nos mude o estado de ánimo. Poste ao lado dunha árbore e xa te sentes mellor. Pois iso queriamos levalo ao escenario”, salienta Fresneda.

Nesta obra, aos habituais Raquel Hernández e Artús Rei únese María Costa. “Foi alumna nosa hai 10 anos, como Artús. E non é nada fácil incorporarse a un equipo tan consolidado como o que temos. Ademais, nós temos a xente en plantel, que é algo que non se leva nada. É un xeito de dignificar o traballo. Pois María traballa con Artús e Raquel, que se entenden moi ben, cun código propio que foron desenvolvendo. E faino moi ben. Estou moi contento. Polo demais, traballar con Artús e Raque é do máis pracenteiro. Os dous teñen moita personalidade, polo que non é fácil tampouco. O traballo físico que se ve na obra é totalmente creación súa”, asegura Fresneda.

En relación con ese traballo físico, o corpo está nesta montaxe moi presente. Teatro Ensalle é sempre palabra e movemento. Teatro e danza. Pero desta volta a fisicidade é, se cadra, máis protagonista. “Non queriamos que fose por un lado o corpo e por outro os textos, porque a vida non é así. Xogamos á repetición de conceptos e imaxes, pero sempre mesturando corpo e texto”, explica o director. Noutras obras da compañía, o texto era máis protagonista. E, malia a fragmentación posible, o fío era máis difícil de rachar. “É que esta vez non quixen facer un ladrillo, senón escribir poemas. Aínda que o ladrillo está por debaixo. Non é que non estea a sociedade. Pero é que cansei de dirixirme a unha sociedade que non responde. Se cadra é frustración miña. Mais o que quería desta vez era escribir poemas. A sociedade sae, pero ridiculizada, non como o centro da nosa mirada. Porque parece que só lle importa o diñeiro”, comenta.

"Cansei de dirixirme a unha sociedade que non responde. Se cadra é frustración miña. Mais o que quería era escribir poemas"

Aínda que, -apunta-, se cadra a poesía é o máis eficaz. “O sistema ten os seus medios para reaccionar á confrontación. O que os descoloca é que lle fales de poesía. Cando estou tentando falar con algúns, danme ganas de dicirlles versos”, afirma. A función de Santiago é, de feito, a única de Las calles corrían por las calles incluída na Rede de Teatros. “Facemos unhas 70 funcións ao ano. Nos últimos anos fixemos unhas 500, das cales 200 foron fóra de España, e en Galicia unhas 20 máis as que fixemos na nosa sala. Os programadores teñen medo. Hainos que nos contan que quen decide é o concelleiro. Eu o que agardo dun concelleiro é que sexa bo xestor. Se ten un técnico, para que o ten se decide el. Agora temos 20 bolos en México e un aquí en Galicia. É así. Ademais, estamos cansos de finxir ser o que non somos. Nós non podemos ter todo feito en tres meses. O noso proceso non é facer un texto e ensaialo. Así que acabamos traballando oito meses a pelo, e despois a subvención vén ou non”, explica.

Fresneda lembra a miúdo a xestión de Miguel Martín á frente de Agadic. “El si foi valente. É o único do que podemos dicir que lle estamos agradecidos. E era un xestor. Non era alguén que viñese da cultura. Mais en xeral, os xerentes de Agadic chegan dunha maneira e convértense noutra cousa. Hai moitos lobbies: os concellos, as asociacións… Non quero xustificar a Jacobo Sutil, por suposto. Porque podes ter presións, pero hai que ser valente”, pensa. E non, -indica-, como o alcalde de Vigo. “Moito populismo, moito dinosaurio, pero de cultura nada. Vigo está morta desde o punto de vista político. Non se sabe que vai pasar co festival ALT… O alcalde gañou e entronizouse. Pero, culturalmente, a cidade está moi viva. Hai moita xente facendo cousas”, salienta.

"Miguel Martín si foi valente. É o único do que podemos dicir que lle estamos agradecidos. E era un xestor"

En Las calles corrían por las calles hai, tamén, amor. Malia o desencanto de quen quere dicir e non atopa -case- interlocutor. Ou se cadra de quen se coloca no papel do que cre que debe dicir. Que ten que dicir e ser escoitado. Unha frase da obra ironiza con iso. Os teatros están cheos de xente, di. Outra convida a mirar aos ollos á muller que camiña quilómetros para conseguir auga. Iso si que é amor, din. “Hai amor á humanidade na obra. Xa di Raquel: ‘creo que poderiamos chegar tan lonxe’... Eu atopei heroes en África, en México. Tamén en Vigo, en Santiago... Xente que a sociedade considera refugallo. Que vive na marxe e non fai o que se espera. Penso que nos educasen para a colaboración e non para a competitivade, para a creación e non para a repetición, chegariamos moi lonxe”, conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Artística: tres maneiras de habitar un espazo

Nas marxes abeira tamén A Artística, proxecto que comparten, tamén en Vigo, Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle, que hai un tempo levou á Zona C, en Santiago, a triloxía conformada por Arquitectura da emoción, Verde a tempo completo e Illas Atlánticas.

“Nós abrimos un espazo para ter un lugar de traballo no que investigar, estar coa xente e espallar o noso material. Non nacemos como sala de exhibición cunha programación. Si abrimos a nosa experiencia á sociedade, con cursos de formación por exemplo. Desde que nos xuntamos A Factoría Teatro e Disque Danza e comezamos con A Producións Artísticas S.L., vivimos un momento de ostracismo. Foi como comezar de novo”, sinalou Olga Cameselle a Praza pouco despois da estrea de Verde a tempo completo, un espectáculo que reflexiona sobre a noción de “mercado”. “É como a nova relixión. Hai un descontrol da lingua moi importante, unha utilización do discurso. Véndenos que todo ten que ser rendible, seguir a lóxica do mercado. Pero que é o mercado? O que hai detrás son relacións de poder, imposicións. Confunden público con masa, e e teatro co que as franquicias nos queren vender, que é o que ten visibilidade mediática. Se somos minoritarios, que? Por iso van acabar con nós? Iso é totalitarismo”, aseguraba entón Cameselle.

"Se somos minoritarios, que? Por iso van acabar con nós? Iso é totalitarismo"

A triloxía, -que xurdiu, sen ser planificada previamente-, naceu por unha banda da necesidade de procurar outros espazos de exhibición. “Non tiñamos cabida na Rede de Teatros porque, que é o que facemos? Teatro? Danza? Non entramos no canon, na clasificación convencional. Os programadores, que deciden polo seu público, non saben onde situarnos. Deste xeito, nós, o que queriamos, era investigar outro tipo de relación co público, máis directa e sen esa mediación. Queriamos procurar un xeito de enfrontarnos co público e que sexa el quen decida. A partir de aí, a triloxía parte da idea de tres maneiras distintas de habitar un espazo”, comentou Rodríguez.

Non hai certezas, senón dúbidas, nesta triloxía. “Somos un interrogante en perpetua evolución”, indica Rodríguez. Tomado desde unha perspectiva concreta. “Considerámonos artesáns, non artistas”, di. Que formulan as súas dúbidas ante o público. Así é en Arquitectura da emoción, que abrolla da necesidade de pensar as emocións e as carencias na súa expresión e xestión. “Formulamos as nosas dúbidas ante o público, en tempo real. Improvisamos a partir dun guión, sen un texto pechado”, a partir dunha escenografía de obxectos. Botellas que representan emocións, arquivos… “Son obxectos almacenados. E no feito de almacenar hai sempre unha intervención, unha modificación. Ao manipular os obxectos intervimos tamén na memoria deles. Ao transformalos, mudamos tamén a emocionalidade ligada a eles”, indica.

“Somos un interrogante en perpetua evolución”

Illas Atlánticas é a máis recente das pezas da triloxía. Estruturada en catro partes, o seu punto de partida é a reivindicación do sur. “O norte magnético, segundo demostrou a ciencia, non é estable. Muda. E se o norte muda, todo muda. O norte é relativo. Por iso, onde está o norte? Onde estamos nós? Cal é o noso lugar? Onde están os nosos cantautores? Onde está o noso unicornio azul?”, apunta Rodríguez. O texto deste espectáculo incorpora fragmentos da Carta a Louis de Funés de Valère Novarina, a imaxe reflectida no espello de R. Magritte, o conto inuit A muller esquelete e partes da obra de John William Waterhouse.

Na obra formúlase o lugar do teatro nun momento de crise, de axitación, no que todo se desmorona. “Que podemos facer desde as artes escénicas neste contexto?”, pregunta Rodríguez. “Pois non todo vale. Entón, como empezo, de que falo? Digo cousas que poidan emocionar, interesar, que estean de moda, que encaixen no mercado? Como artesáns que somos, temos necesidade de dicir, e de comunicar. Digo o que quero, o que os demais queren escoitar, o que o programador quere? Instalámonos aí, na pregunta”, engade. Alfredo métese no xornal, que emprega como máscara, antes de falarlle despois ao espello, a si mesmo. Fala desde si mesmo, antes de recitar un texto de Novarina que escorrenta todo tipo de pose, nos oficios do teatro, ou de editorial, como xeito de conformar, de manipular, a realidade, desde unha determinada perspectiva.

"Digo o que quero, o que os demais queren escoitar, o que o programador quere?"

Repasa, tamén, os libros de cabeceira da súa vida, na procura da súa propia canción protesta. “Para a miña xeración os libros eran como algo sagrado. O que levabas contigo cando te mudabas de casa. E tamén era un xeito de almacenar, de intervir na memoria. Cuestionabas todo. Pero tamén construías un espazo confortable, cómodo, case a calquera prezo. Querías ter as cousas ao alcance da man. E ao final, protestas porque queres protestar ou para sentirme mellor porque estás a protestar?”, afirma. A montaxe non deixa, así, de formular dúbidas. Que tampouco se presentan como algo transcendental pois o intérprete ri de si mesmo, -cun nariz de pallaso-. Do que acaba de dicir. Nesa misma liña, cara ao final do espectáculo el e Olga trituran, espidos, elementos utilizados na montaxe.

Alfredo Rodríguez pregúntase polo seu unicornio azul. Despois, Olga Cameselle entra en escena para buscar o seu sur. Para tentar orientarse, atopar o seu lugar dentro do caos, da mudanza perpetua. Ata caer. “Logo pregúntome se teño raíces ou tentáculos”, salienta. No mar. Desde onde emerxer á superficie. “Compracer a todo o mundo ou continuar coa teima de conseguir respostas?”, pregúntase. Como no conto inuit, fala de quedar nos ósos. Na esencia. E na pregunta eterna. Raíces ou tentáculos? Onde agarrarse? Cal é o lugar? Na outra parte na que actúa Olga, -e é a primeira vez que están tan separadas as intervencións de Alfredo e de Olga nos espectáculos que comparten-, danza cun veo vermello. “Aí hai un recitado que tampouco pretendía que se entendese moito. É algo moi interno, moi de orixe, que nin a min me pertence”, conclúe.