0 Gardados para despois

"O día que morreu Steve McQueen chorei como nunca antes tiña chorado..."

Redacción | @prazapublica

Ofrecémosvos o primeiro capítulo de O día que morreu Steve MacQueen. Unha novela de Xabi Ribax, un libro de Kiko Neves editado o pasado ano polo colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, que tardou anos en publicarse e que pasou "inxustamente desapercibido", segundo os seus promotores.

Na novela, Xabi Ribax é un escritor que foxe da súa vila, Ponteareas, e emprende unha viaxe, entre Galicia e Portugal, na procura de si mesmo, nunha estrutura de road movie

Na novela, Xabi Ribax é un escritor que foxe da súa vila, Ponteareas, e emprende unha viaxe, entre Galicia e Portugal, na procura de si mesmo, nunha estrutura de road movie que o leva, por exemplo á feira de Santos de Monterroso. Polo camiño vaise atopando con outras persoas coas que tenta comunicarse, pero coas que nunca fica. "O que acontece entre viaxe e viaxe, entre vila e vila", salienta Armando Requeixo, "son os encontros amorosos e sexuais do protagonista entretecidos cunha ambigua relación telefónica que este mantén cunha descoñecida lectora da súa novela".

Requeixo afirma que "quen aposte por internarse na fraga sentimental que O día que morreu Steve Macqueen debuxa descubrirá homenaxes a Nabokov, Ferrín ou John Fante, sen esquecer as chiscadelas cómplices a compañeiros da escrita como, poño por caso, Anxo Angueira ou Igor Lugrís". Así comeza a novela, que se pode adquirir en varias librarías de Galicia. Boa lectura! 

O día que morreu Steve McQueen chorei como nunca antes tiña chorado. Non lembro moi ben por que. Tiña daquela nove anos.
Ponteareas, ano mil novecentos oitenta. A dictadura seguía no seu máximo apoxeo: un alcalde falanxista, unxido dende o ano anterior por unhas eleccións tramposas ou democráticas (ao longo dos anos sigo sen entender as diferencias), e un párroco de sotana negrísima e verbo de veterano excombatente eran as referencias de poder e cultura...

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.