“Os propios gaiteiros non son moitas veces conscientes de todos os recursos da gaita”

Cristian Silva, -no centro-, na presentación do disco no Culturgal Dominio Público Praza Pública

O gaiteiro Cristian Silva vén de publicar, despois de múltiples colaboracións con outros músicos, Ego, o seu proxecto máis persoal. E o título venlle, ao disco, diso. Dun, como o propio autor explica, “recoñecerse a si mesmo e a túa propia identidade como artista”. Un buscar o propio camiño aproveitando a multiplicidade de recursos da gaita. No seu discurso, non se parece a aquel personaxe de reality show que interpretou no xurado do Vai de Gaita do Luar creando unha forte polémica polos seus ataques a un concursante. Xulguen vostedes mesmos.

O título do disco será porque é un proxecto persoal, porque es ti, e non polo tema da egolatría, non si?

O título é, por un lado, porque é un traballo meu, en solitario. Son eu, nese sentido. Tamén pola filosofía do disco, que é a defensa de un mesmo, do artista en si. Ego é recoñecerte a ti mesmo e a túa propia identidade como artista.

Aínda que non o fas só. Tes colaboracións de Davide Salvado, por exemplo.

A verdade é que en principio ía facer todo só. Pero pensei que había partes que sairían reforzadas se chamaba máis xente, e sobre todo se son artistas que admiro e que son uns cracks, como é o caso. Davide axúdame coas voces, Pedro Pascual coas cordas, Gonzalo Cortés coa guitarra eléctrica e José Piñeiro coa guitarra flamenca. Tamén colaboran Pandeiromus, do que formei parte durante un par de anos.

"Pensei que había partes que sairían reforzadas se chamaba máis xente, e sobre todo se son artistas que admiro e que son uns cracks"

Mais o resto dos instrumentos tócalos ti. E son moitos. Es profesor de gaita. Fuches aprendendo a tocar o resto?

Todo o demais está feito por min, si. Son profesor de gaita no conservatorio de Ferrol. Pero comecei na percusión, de pequeno. Estaba nun grupo, en Carril, e fun aprendendo o que facía falta tocar. Primeiro o tambor, pero xa tiñan un tambor, entón empecei co bombo. Despois o bombo, pero tiñan un bombo, entón empecei coa pandeireta… Despois o acordeón… e así pouco a pouco fun aprendendo.

Por que dis que utilizas as novas técnicas interpretativas da gaita?

A gaita é un instrumento moi antigo. Mais hoxe temos recursos para tocar a gaita con calquera ton e calquera modo. O último tema do disco, por exemplo, achégase moito á música clásica contemporánea. A gaita é un instrumento moi aberto en canto a rexistros. Xa non son as sete ou oito notas. Podemos tocar calquera repertorio, con calquera instrumento.

"A gaita é un instrumento moi aberto en canto a rexistros. Xa non son as sete ou oito notas"

Dicíao porque houbo quen salientou do teu disco que o achegabas ao rock, ao indie… Mais hai moito tempo que se fai iso coa gaita, non si?

Faise, si, pero a tendencia é tocar sempre da mesma maneira, sen aproveitar todos os rexistros que ten a gaita.

A insignificante historia do home astronómico é o primeiro tema. E ten un vídeo en stop-motion. Podes explicalo?

É unha metáfora dunha persoa que tenta superarse a si mesma, que loita ata o final para chegar a ser o que quere. Que sente como se vivise noutro planeta, que busca o seu lugar no mundo.

Ten algo de relación co título do disco, entón. Algo esaxerado, podería ser o que ti querías?

Tampouco é que sexa autobiográfico nin nada así. Pero si que ás veces sénteste fóra de lugar e precisas que a xente escoite o que fas.

"Ás veces sénteste fóra de lugar e precisas que a xente escoite o que fas"

En Alma de inverno e Silva verde tes a voz de Davide. Que podes contarnos delas? Silva verde podería ser a que soa máis “tradicional”.

Alma de inverno xa o tiña gravado coa miña voz. Pero quería que o cantase Davide. El escoitou e dicía que lle gustaba como estaba, pero ao final cantouna el. Eu creo que ten algo como de belle epoque. Son os instrumentos dunha charanga, pero levan a algo como un vals cíclico, cun resultado pop… Silva verde pode ser o que máis soa a festival de Ortigueira, non digo que non. Había unha copla que eu escoitara. Partín dun tema que tiña feito, e e decidín meterlle un par de estrofas do tema tradicional…

Cantos roubados si que soa flamenco. Porque está José Piñeiro, supoño.

Son tres temas de tradición popular. Un canto de berce, un canto de pandeiro mesturado cun canto de cego, e unha pandeireda cun tema de Alan Lomax. É un pouco para reivindicar esa tradición dos “traficantes de coplas”, dos ladróns de coplas, porque grazas e eles chegaron ata nós. Tocadas en modo frixio, soan cun toque flamenco, por iso quixen a guitarra flamenca.

"Quería reivindicar esa tradición dos dos ladróns de coplas, porque grazas e eles chegaron ata nós"

Teño medo dela é moi coñecida. E hai outras tradicionais moi coñecidas no disco. Como Arrieiros, que fas con Pandeiromus.

Teño medo dela é o tema que máis pistas levou. Era un arranxo para gaita de sol e de do.  Despois engadinlle unha orquestración, para corda e piano, e despois no estudio a percusión, sintetizadores, guitarra eléctrica… É un tema denso e completo. Foi o máis difícil de mesturar do disco. Gonzalo Cortés toca as guitarras eléctricas… Arrieiros fíxeno con Pandeiromus. É o único producido entre Rafa Iglesias e eu. Eu fixen uns arranxos máis chill out e máis dance. É un tema que me recorda a Ribadavia, cun toque medieval.

E O conto do pequeno batedor?

Pois non ía ir, en principio, no disco. É un tema que fixen para unha curta de animación. Un tema que encaixa en corte folk. O título vén dun conto que me regalaron. Non estaba moi convencido co resultado, ata que me axudou Pedro, que foi a salvación.

Momento pop para marzo a min non me soa pop. En xeral, o disco non me parece pop. Se cadra indie…

É difícil acertar coas etiquetas. Este tema fíxeno para un concurso de Vigo. Foi a primeira muiñeira que quixen que soase ambigua, que soase a música contemporánea. O de marzo é porque a compuxen en marzo, pola bipolaridade de marzo e polo deus Marte. É o primeiro tema que tiven para o disco. Por aí empezou.

E Madames?

Tampouco ía saír no disco nun principio. Ten un toque irlandés. Son pezas do cancioneiro inglés e do irlandés. A primeira parte é máis folkie. Despois ten un arranxo de orquestra de frautas, e a segunda parte é máis folk irlandés.

Encélado de sal pecha o disco. Que é iso?

É unha das lúas de Saturno, que se descubriu que tiñan océanos conxelados. É unha metáfora, como o primeiro tema. É como atopar o teu fogar, pero na lúa. É o tema que ten a linguaxe máis contemporánea, como de música clásica actual. Soa espacial…

Por todo o que contas, non es nada purista. Foi algo que se dixo con aquela polémica que armaches sendo xurado do Luar. Aínda que, claro, ser purista sería ben raro. Todo o mundo está pola fusión e pola actualización. E tamén os gaiteiros tradicionais evolucionaban e innovaban.

Claro, é que, que é ser purista? Eu teño unha réplica dunha gaita de Perfecto Feijoo, e tocaba a gaita “tradicional”, se queres, cando ninguén sabía como tocaban os gaiteiros de Soutelo. Teño moitas gaitas e gústanme moitos tipos de música. Pero entendo cada tipo de técnica e que se fai con el. É o que lles digo aos alumnos. Se queredes tocar barroco, faise así. Se queredes tocar deste outro xeito, a técnica é esta. Explícolles os recursos que ten a gaita e despois cada un interprétaos como quere.

"Teño moitas gaitas e gústanme moitos tipos de música. Pero entendo cada tipo de técnica e que se fai con el"

Mais se cadra esa polémica, esa actitude, prexudicou a túa imaxe.

Era un show televisivo. Ese era o contexto. Despois a xente comezou a ver o vídeo sen entender o contexto, a opinar sobre o que non sabía… Pero, mira, serviu para estar na boca de todo o mundo. Eu sempre o digo: a gaita é un dos instrumentos máis coñecidos, pero máis descoñecidos polos propios gaiteiros, que non son conscientes moitas veces de todo o que se pode facer con ela, de todos os recursos que ten. A xente que me coñece de verdade non se preocupa por esas polémicas. O disco tampouco é todo o que fago contemporáneo. Quería que chegase a un público amplo. E que fose un reflexo do que podo facer nun escenario.

"A gaita é un dos instrumentos máis coñecidos, pero máis descoñecidos polos propios gaiteiros"

Antes de sacar este disco colaboraras con Carlos Núñez, Susana Seivane… con moita xente coñecida. Precisamente. Resúmenos a traxectoria anterior. 

Empecei en Carril coas asociacións, como dixen antes. Foi vital ir a Vigo e estudar no conservatorio e na Universidade Popular. Fun bailarín no ballet Rey de Viana e fixen tamén cousas en teatro. Comezaron a chamarme para facer colaboracións, pero sempre tivera a idea de facer un disco meu. Tocaba na charanga do Vai de baile do Luar, e iso tamén fixo que me coñecese máis xente. Tamén estiven en Pandeiromus e noutros proxectos de gaita máis actual, con música máis contemporánea. Colaborei con Carlos, con Susana, con Davide… con moita xente.

Imaxe de capa do disco © Sue Rainbow

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.