'Refuxiado', palabra do ano por diante de 'feminicidio'

Refuxiados sirios chegan a Lesbos tras viaxar nunha barca inchable dende Turquía © ACNUR/A.McConnell

Refuxiado (e refuxiada) é a verba do ano en galego. Decidírono as 1.700 persoas que participaron na iniciativa do Portal das Palabras, organizada por segundo ano consecutivo. Cun total de 417 votos impúxose a feminicidio (405) e ás outras catro finalistas: rechouchío, indignación, xihadismo e plebiscitario, as seis palabras que foran as máis populares de entre as 170 que se xuntaran na primeira fase de propostas. Cómpre salientar que feminicidio, "un termo creado ad hoc que reflicte unha situación alarmante no relativo á violencia de xénero", aínda non foi aceptado oficialmente pola Academia.

O Portal das Palabras forma parte dunha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización do léxico da nosa lingua. Os contidos do Portal son responsabilidade da RAG e o desenvolvemento técnico faise conxuntamente coa Fundación Barrié. Outros proxectos resultantes da iniciativa son o Dicionario electrónico e a app Dicionario RAG para móbiles e tabletas dos sistemas iOS e Android.

Cun total de 417 votos impúxose a feminicidio (405) e ás outras catro finalistas: rechouchío, indignación, xihadismo e plebiscitario

O Portal dedicoulle á palabra refuxiado a súa sección mira que din o pasado 3 de novembro, destacando que "acollida, asilo, un lugar para gorecerse, eran os significados que o substantivo refugium, -ii tiña na lingua latina, desde onde, pasando pola transformación fónica esperable, chega o noso refuxio, o 'lugar onde un se abriga ou onde se esconde para evitar algún risco ou perigo'”. E engadindo que no caso de Aylan (o neno sirio morto nunha praia cuxa imaxe deu a volta ao mundo) "faltoulle o esencial para ser un refuxiado: o refuxio".

Refugiado e refugiada foron tamén a palabra do ano en castelán, na escolla da Fundación del Español Urgente (Fundéu), promovida pola axencia EFE e o BBVA.

 

Refuxiados sirios chegan a Lesbos tras viaxar nunha barca inchable dende Turquía © ACNUR/A.McConnell

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.