0 Gardados para despois

A Casa-Museo de Rosalía informatiza toda a súa documentación histórica

Redacción | @prazapublica

A Fundación Rosalía de Castro vén de presentar o novo Arquivo da Casa-Museo, tras rematar a primeira fase de organización, descrición e informatización dos fondos desta institución, que se atopaban "en condicións lamentables", destaca a propia entidade. 

Logo de meses de traballo, acometidos en parte grazas a unha axuda de 4.000 euros do departamento de Cultura da Xunta, o Arquivo da Fundación móstrase agora como "un espazo aberto á investigación", co obxectivo de que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galicia. Calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos, ordenados e catalogados.

Dentro do fondo documental cómpre destacar a serie de Correspondencia, na que podemos atopar cartas intercambiadas cos responsables dos centros e colectivos galegos de Bos Aires ou La Habana

O Arquivo da Fundación Rosalía de Castro posúe importantes e interesantes fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros, que até o de agora apenas eran coñecidos. Dentro do fondo documental cómpre destacar a serie de Correspondencia, na que podemos atopar cartas intercambiadas cos responsables dos centros e colectivos galegos de Bos Aires ou La Habana, como Juan Varela Grande, José Villamarín, Abelardo Estévez, Jesus Canabal, Rey Rodríguez, Ángel Pérez Cosme, etc., mostra das intensas relacións que o Padroado e os seu responsables mantiñan cos galegos emigrados. En canto a personalidades galegas, é de interese a correspondencia intercambiada con Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey, Sánchez Cantón, Del Riego, Manuel Gómez Román, Ferro Couselo, García Sabell, Gala Murguía, Naya, Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde ou Quiroga Palacios.

Tamén resulta moi interesante a serie relativa ás actas e documentos constitutivos, destacando o primeiro Libro de Actas do Padroado, así como os informes e memorias que describen a actividade desenvolta nos primeiros momentos desde a adquisición da Casa de Rosalía por parte de Granjel e Mosquera. Precisamente, a apertura deste novo arquivo coincidiu co 50 aniversario do pasamento de Xosé Mosquera, principal impulsor da compra e da posta en marcha da Casa-Museo.

A apertura deste novo arquivo coincidiu co 50 aniversario do pasamento de Xosé Mosquera, principal impulsor da compra e da posta en marcha da Casa-Museo

Os dosieres de prensa son certamente de gran utilidade para a investigación, xa que achegan información valiosa sobre acontecementos, identificación de persoas e mesmo para datación. Ademais hai exemplares significativos procedentes de prensa estranxeira grazas ás relacións referenciadas  que mantiña o Padroado cos colectivos galegos emigrados. Neste mesmo senso, cabe sinalar a colección de impresos, nos que destacan  a publicación dos primeiros Estatutos do Padroado a finais dos anos 40, os carteis, así coma outros materias especiais (negativos, discos, diapositivas, etc.).

A documentación que alberga o arquivo de máis valor para a Fundación é a vinculada a Rosalía de Castro. Compoñen esta colección documentos e manuscritos vinculados á autora

En canto ao fondo gráfico, son salientables os vencellados a Rosalía, sobresaíndo a colección Pardellas de Blas, con fotografías da autora e a súa familia, entre outras. O fondo fotográfico reflicte tamén as diversas actividades e actos do Padroado, coma as Rutas Rosalianas ou a Ofrenda Floral en Bonaval que acollía importantes persoeiros galegos e estranxeiros.

Finalmente, a documentación que alberga o arquivo de máis valor para a Fundación é a vinculada a Rosalía de Castro. Compoñen esta colección documentos e manuscritos vinculados á autora. Por outro lado é de máxima relevancia o legado de Xosé Mosquera Pérez, con interesantes documentos dos inicios do galeguismo, mostra das súas relacións persoais e da súa implicación política, social e cultural.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.