0 Gardados para despois

José Luis Guerín: “Un dos aspectos máis interesantes da cultura dixital é a posibilidade que ofrece de capturar o íntimo”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Un profesor propón ás súas alumnas un exercicio de transformación do mundo a través do desexo. Dunha revolución estética que só parece habitar no seu caletre, e que sería conducida polas súas alumnas ao xeito de musas contemporáneas inspiradas en Dante. Mais elas toman a voz. Cuestionan o discurso del. Revélano. Ao tempo que se constrúen a si mesmas a través do diálogo. Do coñecemento. Nun proceso en continuo movemento, no que non se sabe quen xoga con quen. Estas son algunhas das claves de La Academia de las Musas, o novo filme de José Luis Guerín, que o propio cineasta presentará en Numax, en Santiago, o sábado 9 de xaneiro ás 19:40 horas. Ao remate da proxección, Guerín manterá un coloquio co público asistente. La Academia de las Musas, que comeza como documental e vai evolucionando cara á ficción, gañou o Giraldillo de Ouro do Festival de Cine Europeo de Sevilla.

Raffaele Pinto, o profesor, convídate a experimentar cinematograficamente as súas clases. Como te vai levando o filme cara á idea da construción literaria do amor?

La Academia de las Musas é unha película que se constrúe de xeito moi dialéctico. É moi importante a confrontación entre personaxes ou o trenzamento entre rodaxe e montaxe. Na montaxe aprendo a escoitar, e a querer, os personaxes, e é onde avalío o peso e a forza das ideas e das situacións. A condición de invención poética do amor é un tema que sempre me apaixonou. Pero eu non impoño nada, senón que traballo co que me subministran as situacións e os diálogos.

"Na montaxe aprendo a escoitar, e a querer, os personaxes, e é onde avalío o peso e a forza das ideas e das situacións"

Nesa confrontación é moi importante a personaxe da muller de Raffaele. Ao principio critica esa construción poética do amor. Despois é como se quedase atrapada nela. Pasa de mostrarse como a máis lúcida a revelarse como o contrario. Unha alumna cuestiona, tamén, toda a base da metodoloxía do profesor, que é Dante, ao opinar que non é aplicable ao mundo de hoxe.

Hai un movemento constante nese sentido, si. Ao filmar as clases, sentín a obriga moral de cuestionar a autoridade que encarna o profesor, non só mostrando como se lle sublevan as propias alumnas, senón mostrando o personaxe na súa intimidade: na cociña coa muller, no coche cunha alumna… Así, o seu discurso vai adquirindo matices e é cuestionado ao confrontalo con distintos rostros. A muller do profesor mostra unha lucidez que despois é traizoada polos sentimentos, e creo que iso fai máis rica a personaxe. Moitas veces o cine ten unha visión maniquea que eu quixen evitar. O que fago é atender ás razóns de cada personaxe, sen xulgalo.

"Moitas veces o cine ten unha visión maniquea que eu quixen evitar. O que fago é atender ás razóns de cada personaxe, sen xulgalo"

A idea do desexo xa estaba en Las mujeres que no conocemos ou mesmo en En la ciudad de Silvia. Nesta película, o desexo é para o profesor como unha sorte de motor para mudar o mundo a través dunha revolución estética…

A idea de desexo do profesor a min páreceme un disparate. Pero creo que é un acerto do filme a maneira en que xenera situacións verosímiles a partir do inverosímil. O xeito no que chega a emocións tan vivenciais e verosímiles. Sería, nese sentido, como a ciencia-ficción, ou Hitchcock... O profesor constrúe todo a través do enfoque da academia das musas, que existe porque as alumnas son as súas musas, pero ao final non se sabe se a musa é el. El é como o demiúrgo, o provocador…

En relación con iso, el dilles ás alumnas que son elas, musas, as que converten o cotián, o vulgar, en poesía. Que a forza activa é delas. Ao mesmo tempo, manipúlaas, sedúceas. Mais, por máis que o intente, acaba revelándose un pouco patético e pouco crible no seu discurso. Non se sabe quen manipula a quen, e de feito a voz da película é, sobre todo, delas.

A min gústame explicalo establecendo un paralelismo cunha película de vampiros. Non se sabe quen vampiriza a quen. Unha das alumnas asegura que a idea da academia das musas foi dela. Ela vampirizaría o profesor, e o profesor ás alumnas, como tamén ao propio cineasta. O resto dos personaxes van cuestionado o profesor. E eu creo que na película está máis claro o punto de vista feminino. É máis visible o pensamento delas e a súa evolución, mentres que o pensamento del queda máis opaco. Quedan cuestionadas as súas intencións respecto das musas.

"Na película está máis claro o punto de vista feminino. É máis visible o pensamento delas e a súa evolución"

Rodaches con cámara doméstica e pouco máis. Por que esta opción polo mínimo?

Conto co traballo imprescindible de Anamda Villavieja no son e de Nuria Esquerra na montaxe. Pero é verdade que rodamos sen case equipo, pero coa total colaboración das personaxes que están diante da cámara. Por iso considero que esta película é de autoría compartida. Interésanme moito directores que eran uns tiranos nas rodaxes, como Hitchcock. Pero nesta película quixen que fose un proceso democrático, compartido cos actores, que non son profesionais pero que actúan como grandes actores. O de utilizar poucos recursos é unha opción.

Moitas veces queixámonos da falta de recursos e da ausencia de políticas para o cine e para a cultura en xeral. Neste caso, a película é filla da crise, pero tamén é unha opción. Porque esa captura da palabra íntima, na súa situación, sería imposible de utilizar un dispositivo de equipo pesado. Un dos aspectos máis interesantes da cultura dixital é esa posibilidade que ofrece de capturar o íntimo dun xeito que non se podería facer co cine pesado. É como un cambio de dramaturxia. Gústame, ademais, traballar cos límites das ferramentas.

Hai moitas imaxes tomadas cun cristal polo medio. Cos personaxes dentro dun coche, por exemplo. E iso ten relación co que dis de tentar crear “anacos de vida” e facer “posta en situación” no canto de “posta en escena”, non si?

O de rodar así foi por non invadir o espazo dos actores, ao non ser actores profesionais. Para deixar que se desenvolvesen as situacións con naturalidade. Pero tamén me interesou moito o traballo visual de reflexos que se crea cos cristais. A forma na que difuminan os rostros. Creo que o resultado é belo. Tamén é unha maneira de crear referencias para os espazos, de suxerilos a través deses reflexos borrosos: o movemento da cidade… Iso facilita que se imaxinen os espazos, como facemos cando lemos unha novela.

As actrices comunícanse en varias linguas. Supoño que, simplemente, porque son alumnas da Facultade de Filoloxía con procedencias diversas.

Nunha película na que todo parte da palabra, da linguaxe, parecíame necesario que cada actor puidese falar na lingua coa que se sinta máis cómodo. Ademais, como non dependía de subvencións, non tiña que cumprir ningunha porcentaxe de uso de ningunha lingua…

"Se non tivese feito antes En construcción non podería facer La Academia de las Musas"

Hai algo de relación entre esta película e En construcción. O traballo cos alumnos, os diálogos que flúen…

Son películas distintas pero si, eu sei que se non tivese feito antes En construcción non podería facer La Academia de las Musas. Foi un traballo semellante en canto a xestación dos personaxes, construción do diálogo… ou ese trenzamento entre a rodaxe e a montaxe, coa construción do guión nese proceso. É diferente de En la ciudad de Sylvia, na que a rodaxe xa estaba máis pechada de antes.         
        

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.