0 Gardados para despois

Implicadas, afiadoras da realidade

Redacción | @prazapublica

Díxoo ben Caxade. No medio do barullo, as afiadoras da realidade como Implicadas no Desenvolvemento botan unha luz que alumea o camiño certo. Un camiño no que, segundo salientaba a poeta Yolanda Castaño, non hai paternalismos, nin visións exotizantes da outra, nin nada de poñer voz a quen xa a ten, nin de caridade. Foi no Implícate! 2016, o festival que cada ano celebra Implicadas no Desenvolvemento para difundir o seu traballo da cooperación.

Comezou o Implicadas 2016 coa actuación de María Manuela, que interpretou, antes de nada, Cantares de Celso Emilio Ferreiro. “Que ninguén queira ensinarme/ ónde ei de buscar a frol/ cómo ei de beber o viño,/ cándo ei de tomar o sol./ Que naide queira ordearme/ as preces que ei de rezar,/ os libros que debo ler,/ os vítores que ei de dar”. E foi unha boa maneira de introducir, despois doutro poema musicado, -de Xohán Vicente Viqueira-, o discurso de Yolanda Castaño, presentadora do acto, sobre o traballo de Implicadas, realizado, -sinalou-, cun enfoque de xénero, crítico e aconfesional.

Entrou despois o humorista Pedro Brandariz, que ironizou arredor dos prexuízos sobre os galegos, antes de que Yolanda Castaño dese paso á actuación da bailarina Ánxela Blanco. Unha Penélope enredada nas súas cordas, das que se vai desfacendo cando o decide. Saíu a seguir o primeiro vídeo da campaña Suma, que convida a implicarse coa ONG organizadora. Suma, que conta tamén cunha aplicación de móbil actuou, coas súas tres partes (suma coñecemento, suma fondos e suma tempo), de fío condutor da noite. E lendo un texto no móbil a poeta Andrea Nunes Brións presentou a tamén poeta Olga Novo, que lembrou a avoa lumpenproletaria e a filla no seu pequeno recital.

De mulleres tamén falou María Manuela na súa volta ao escenario. De mulleres loitadoras, que pelexan pola igualdade e pola liberdade. O poeta Elías Portela subliñou, despois, antes de recitar e cantar, que sen cultura non hai desenvolvemento. E mostra da mellor e máis novidoso da cultura que se está a facer no país é o grupo teatral A Panadaría, -que interpretou ante o público un pequeno resumo da súa obra Pan, Pan!-, exemplo, -como sinalou Marga Pazos, que compartiu con Yolanda Castaño a condución do evento-, de empoderamento feminino e perspectiva de xénero.

Lucía Aldao presentou desde o público, como antes o fixera Andrea Nunes, a poeta Susana Arins, que reivindicou o aprendido das compañeiras do Sur e rexeitou o colonialismo e o imperialismo antes de apelar a unha Moncha Reboiras, heroína nacional posible. Os da Ría chegaron despois e, na mesma liña pero desde unha perspectiva ben diferente, a do humor, citaron á “María Manuela á que lle van dedicar o Día das Letras” antes de cantar un tema do seu novo disco, Rosita Fernández Teijeiro, e un dos seus “xites”, Infanta Elena. Pepe Valverde recolleu máis tarde o premio Implicadas, antes do minirecital de Román Raña. Caxade púxolle fin ao acto con dous temas do seu disco A Dança dos Moscas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.