Adrián Costa: "Non hai dous músicos iguais no mundo"

Adrián Costa Dominio Público Praza Pública

O cantante e guitarrista compostelán Adrián Costa é un dos máis valorados intérpretes do blues do estado español. Vén de presentar na sala Capitol Sexercise, o seu primeiro disco coa banda que formou en California: The Criers. Pero xa o advirte el: non é blues. Non é nin a Tonky Blues Band nin Los Reyes del K.O., formación coa que sacou seis discos e percorreu numerosos festivais europeos. Tampouco a Adrián Costa Blues Persuasion, que o levou a colaborar con artistas como Billy Boy Arnold, Jackie Payne, Kenny Blues Boss Wayne, Mark Hummel, Chris Burns ou Earl Thomas en Estados Unidos. É algo distinto. Soul-rock pode chamarse. Unha volta ao son dos 60 e 70 mesturado con múltiples estilos. Do son de Nova Orleans aos primeiros The Kinks, con toques latinos. Modern vintage, din eles mesmos.

Por que os nomes Sexercise e The Criers?

Sexercise é unha palabra que escoitei en Estados Unidos. Un xogo de palabras que me gustou, mestura de sex e exercise. Parecía un bo nome para o disco, porque evoca ritmo, o soul… A música africana ten un ritmo moi humano, moi tribal…, que nós levamos a outros campos. Non é que fagamos música ancestral, pero si facemos música de hai tempo con outra visión. Por iso Sexercise podía definir ben o noso estilo. Na palabra criers xúntanse tres conceptos. Por un lado, os choróns, por outro, os berróns, e por outro os pregoeiros. Os choróns porque chorar é bo, como rir. Porque non hai que ter vergoña de facelo. E porque a nosa banda ten moito que ver con iso: que a xente quite as vergoñas, que o pase ben nos concertos…

Cando definen The Criers, falan de pop, rock, soul, R&B, latino… No voso discurso sae a música negra, a cultura afroamericana como fonte do soul, funky… En que quedamos?

Somos unha banda na liña do soul, R&B… de carácter ecléctico, pois somos músicos con experiencia neste negocio aos que nos gustan moitos estilos e moitas maneiras de interpretar. A base é soul-R&B, ou soul-rock, pero non temos problema para meternos noutros campos. Poderiamos ser como a típica banda británica dos 60-70, pero actualizada, e influenciada pola música americana dese tempo. Un R&B branquiño, con moitas voces, que pode levar por veces ao campo do latino, do psicodélico, do rock duro…

"A base é soul-R&B, ou soul-rock, pero non temos problema para meternos noutros campos"

Agora entendo o do pop. Non é o que hoxe se entende por pop. É o pop daquela.

Pop vén de popular, e sería a música que se escoita na radio. Ás veces métennos no pop por iso, porque son cancións non baseadas na improvisación, coas súas partes, o seu retrouso, direccionadas a que poidan soar nunha radio, a que poidan gustar. Un disco curto, con cancións curtas, que quere chegar á xente. Comercial nese sentido, pero non entendendo o comercial como algo pexorativo. Pero claro que non somos unha banda de pop propiamente dita. Si temos influencias do pop dos 60 e 70.

Por iso é modern vintage, como dicides? A imaxe de portada é moi 70’s… E connota diversión, baile...

Porque sempre temos parte do corazón nos 60 e 70 aínda que fagamos música do 2016. A portada si que ten un toque psicodélico, que a min sempre me pareceu algo moi atractivo. Dá unha sensación sórbida…

"Sempre temos parte do corazón nos 60 e 70 aínda que fagamos música do 2016"

Deixaches Los Reyes del K.O. porque che apetecía facer outra cousa despois de tanto tempo?

Realmente porque marchei a Estados Unidos. Vivira en Alemaña sete anos, primeiro en Munich e despois en Berlín. Despois marchei para California, onde naceron The Criers. Este é un disco diferente dos producidos en Europa e a crítica valorouno positivamente. O son, os matices que ten, supuxeron moito traballo, pois foi unha tarefa complicada. A Alemaña fora no 2004-2005 e alí quedei. Berlín é unha cidade cun mundo cultural inmenso, na que podes atopar todo o que desexes. Los Reyes del K.O. pegou un salto cualitativo en Alemaña.

"Este é un disco diferente dos producidos en Europa e a crítica valorouno positivamente"

En Estados Unidos tamén tiveches Adrián Costa Blues Persuasion. The Criers é un proxecto distinto.

Si, eu xa tiña a idea de facer unhas cancións máis popeiras que tiña na cabeza, e tiña uns músicos de moi bo nivel aos que non lles importaba cambiar de estilo. Probamos, e como si nos adaptabamos, gravei Sexercise con eles. En Persuasion tiña a Henry Oden, no baixo, Chris Burns, nas teclas, Tovia Bradley, na batería e Dennis Bove na batería e voces. Agora defendo este disco cunha banda española que non ten nada que envexar á americana, aínda que claro, é distinto porque non hai dous músicos iguais no mundo. Estou moi ilusionado. Os músicos son Luca Frasca (órgano Hammond organ, piano), Pablo Pérez (guitarra, voces), Coke Santos (batería, voces) e Pablo Rodas (baixo).

"Agora defendo este disco cunha banda española que non ten nada que envexar á americana"

Varias das cancións falan de amor ou de desamor.

En realidade, o 95% da arte fala de amor, de relacións entre seres humanos. Niso non me separo da tendencia común da arte universal.

"En realidade, o 95% da arte fala de amor, de relacións entre seres humanos"

Queres ir falando un pouco de cada unha?

A primeira, Be cool, fala de sentirse ben en comunidade, de estar xuntos, de pasalo ben e de non darlle importancia ao que non a ten, de despreocuparse das cousas pequenas e quedar coas importantes. Xa deixa claro que o disco vai tirar para o rock. I’m yours fala dunha relación en vías de ruptura e da obsesión que iso lle produce a unha persoa. Ten uns cambios fortes, latino e rock clásico dos 70. É ecléctico como a banda. Broken watches é a canción máis persoal do disco, na que gravei eu todo menos o Hammond. O home que fala dille á muller que non o deixe, que el sabe que é un desastre pero que os reloxios rotos marcan a hora exacta dúas veces ao día. É dicir, que non é perfecto pero ten cousas boas. É unha canción fresca e optimista.

E o blues?

O disco non ten nada de blues. Si pode ter algo da expresividade do blues, pero non do estilo. Non somos unha banda de blues, aínda que veñamos de aí. Here comes my baby, que leva un órgano de gospel clásico, vai despois máis cara ao rock, e deixa un regusto a soul. Vai dunha muller cun carácter moi forte ao que o home, sobrepasado, recibe con esas palabras. Ambar Light Driver é o single do disco. É unha crítica ao ritmo de vida dos Estados Unidos, frenético, sen tempo para outra cousa que non sexa producir. É a visión dun europeo en terras americanas. You got love é a balada do disco, do que lle propón un a outro, entre outras cousas que non sufra sen necesidade, que non se preocupe polo que non é realmente importante. É unha balada clásica con algo de latino, con parte da letra en español. En California gusta moito. O español ten moita musicalidade. Eu veño máis da música afroamericana e británica, pero gústame tamén que teña ese toque latino.

"Non somos unha banda de blues, aínda que veñamos de aí"

Faltan dúas. Unha “romántica” e outra festeira, que son se cadra os dous eixes do disco…

You will é tamén romántica, moi sinxela. Di que sempre nos volveremos encontrar, que é o que queremos que pase con The Criers. Esta canción, coa súa sinxeleza, gustou máis do que eu pensaba que ía gustar. En realidade ía ser a última do disco, pero xurdiu Do the Kid porque un día tocando o contrabaixo empezou a tocar nunha liña, decidimos gravar e cando acabamos decatámonos de que tiñamos unha canción. Kid é por Kid Andersen, que foi músico, produtor e técnico neste disco. É un tema máis funky. Para gravar Sexercise contei con Chris Burns, Dale Okerman, Dennis Dove, Doug Ellington, Henry Oden, J.L.Stiles, Kid Andersen, Mara Fox, Myron Dove e Tovia Bradley.

Adrián Costa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.