0 Gardados para despois

Escenas do cambio: memoria do cotián, historia do político

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Nada ten que cambiar”. Iso proclamaba Salazar nun réxime que agochaba a miseria da guerra e da fame baixo o discurso da sociedade “feliz e contenta”. Coas palabras do ditador portugués introduce Joana Craveiro ao público no quebracabezas de procura de respostas que é Um Museu Vivo de Memórias Pequenas e Esquecidas, unha das pezas que puideron verse na segunda semana do festival Escenas do Cambio. Como é posible que a ditadura se mantivese durante máis de 40 anos? Cando comezou a revolución? Cando acabou? Como se pode reconstruír a historia a partir do silencio dos pais e dos avós?

Como é posible que a ditadura se mantivese durante máis de 40 anos? Como se pode reconstruír a historia a partir do silencio dos pais e dos avós?

A directora artística de Teatro do Vestido debulla cuestións coma estas nunha sorte de conferencia guiada por unha exhaustiva documentación, representada por obxectos que gardan anacos da memoria de persoas que foron vítimas do réxime. Expulsadas da memoria oficial. En catro horas dun relato torrencial que, malia algúns altos e baixos, desprende a mesma enerxía desde que comeza ata que remata. E faino con máis preguntas. Suscitando debates que resultan próximos. Foi a represión? Foi unha sociedade que aínda hoxe ten medo de falar do pasado? Un pobo que non sabe como xestionar a mancha que realidades como a tortura producen na súa autoimaxe?

Foi a represión? Foi unha sociedade que aínda hoxe ten medo de falar do pasado?

Joana Craveiro tracexa, nun monólogo só puntualmente interrompido, -como para o reparto, entre o público, de libros prohibidos na ditadura ou, máis adiante, de cravos vermellos-, un percorrido pola historia de Portugal estruturado en orde cronolóxica. O salazarismo e a represión. A policía política, a PIDE, como aniquiladora do pensamento e da liberdade. O asasinato do estudante Antonio Ribeiro Santos como detonante da viraxe, do estalido. Do ou todo ou nada do movemento de oposición á ditadura. A lembranza das feridas nunca sandadas das persoas represaliadas, como Aurora Rodrigues, a quen nunca se lle borraron as marcas da tortura nas pernas. O absurdo e a infinita crueldade da guerra colonial, cuxa denuncia lle custou a José A. Ribeiro, xa na suposta democracia, unha condena da que foi “amnistiado”. A complicidade de Europa coas ditaduras do sur que era seu.

E, por fin, a revolución, que Joana recrea como nunha locución de radio. As cancións. Os cravos nos fusís. O soldado que se nega a disparar desde o tanque. Tamén, os crimes do Estado Novo que quedan impunes. E a memoria que, pouco a pouco, vai sendo furtada á xente común. Negada, na parte que supuxo un intento de mudar as estruturas: o Proceso Revolucionario en Curso, coas familias que ocupaban casas despois de vivir 40 anos na miseria ou cos inicios do intento de reforma agraria. A revolución que chegaba tarde. Ou que, nalgúns lugares, nunca chegou. A contrarrevolución. As continuidades co réxime anterior que, -como en España-, chegaron á actualidade. A reconciliación, ao fin, da memoria persoal coa colectiva. A resistencia dos pais que, malia nunca teren sido detidos e torturados, nunca deixaron de militar. De ler e difundir. De combater coa palabra. Contra a invisibilidade. 

Os crimes do Estado Novo que quedan impunes. E a memoria que, pouco a pouco, vai sendo furtada á xente común

A memoria é tamén alicerce de Le Cargo, a peza de Faustin Linyekula que puido verse no Escenas do Cambio. Como en Um Museu Vivo, a historia persoal enguedéllase coa do seu país, Congo. Faustin é, nesta obra, bailarín e cantante. Mais, sobre todo, contador de historias. Griot. E non conta, -xa o advirte-, un relato de negros que morren e pasan fame. Senón dunha aculturación. Como en tantas partes do mundo. No seu caso, unhas danzas que aprendera de neno e que, cando volve, 29 anos despois e tras rematar a viaxe en moto porque o tren nunca chegara, xa non podían ser as mesmas. Porque foran prohibidas, xusto como pasara cos primeiros colonizadores, polas novas relixións que tapaban a dor da crise a da guerra.

Faustin lembra a un home que pasara de ser o maior dos percusionistas a predicar un culto que prohibía o tambor. Dialoga coa música de Flamme Kapaya. Proclama e reitera a súa identidade. Grava e repite a súa propia voz. O discurso vocal e corporal que lle permite axudar os seus irmáns para que poidan ir á escola. Nunha aldea de casas sen cemento. E non deixa de invocar a beleza. “Unha persoa ten que crer teimuda –a pesar das convulsións da historia, das guerras, das revolucións, dos réximes– na celebración da beleza”, dixo algunha vez. “Para esperar que a mera arte poida facer fronte á enorme fealdade da vida. Para se atrever a soñar que o pensamento independente, o libre arbitrio e a iniciativa persoal poidan afastar esa morea de ruínas que herdamos”. E fai honor ao que afirma.

"Para se atrever a soñar que o pensamento independente, o libre arbitrio e a iniciativa persoal poidan afastar esa morea de ruínas que herdamos"

Tamén en Ottof, -que significa formigas en bérber-, de Bouchra Ouizguen e Compagine O, o movemento e a voz son eco dunha violencia que se esconxura. “A miña vida foise envellecín estou cansa co meu home perdín a miña vida a miña vida foise 40 anos casada con el non vivín un só día luminoso 40 anos atopeime vella cansa non teño sorte non atopei a sorte só quero unha pouquiña só unha pouquichiña por que non a teño? por que non a tiven?”, di Halima. Bouchra reuniu a catro mulleres, coma esta, que evocan no escenario a cotidianeidade ligada cos seus dereitos. O encontro. O explorarse mutuamente, primeiro. O entendemento, despois. A complicidade. O espirse do imposto. A risa. O baile das que foran, son, formigas, todo o día traballando. A liberdade do corpo, que é a mesma en todas as culturas. Quitadas as roupaxes. Da cor que sexan.

A cotidianeidade e os dereitos cimentan tamén Ensaio Amor, de Nuria Sotelo

A cotidianeidade e os dereitos cimentan tamén Ensaio Amor, de Nuria Sotelo. Como a propia Sotelo explica nunha entrevista que pode verse en internet, “un acto de conciliación” en si, xa que o seu bebé, Lena, é unha das intérpretes, xunto con ela mesma, a bailarina Clara Ferrao e a violinista Macarena Montesinos. O abrigo, -representado por mantas e roupas que se quitan e se poñen-, a amizade, o xogo, a axuda e a confianza, -corpos que moven outros, prolongándoos e integrando os seus movementos-, a convivencia, o intercambio… son algúns dos eixes desta peza, concibida arredor da idea dos coidados tras aparcar un proxecto anterior que deixou de ter sentido ao nacer Lena. Nun lugar do mundo “no que só nos deixan estar xuntas tres meses”, os tempos, -e os desexos e necesidades-, do bebé mudaron a peza e foron incorporados nela.

A experiencia dunha nai nova atravesa outra das pezas que puideron verse na segunda semana do Escenas do cambio, Barrunto de Patricia Caballero. Co mesmo amosarse e, se cadra, rachar o tabú. A mesma exposición do cotián. A mesma creación dun espazo de intimidade compartido. Mais sen o protagonismo do movemento de Ensaio amor. Nin, quizais, a súa beleza. Coa acción máis concentrada na palabra. A conversa. O interactuar co público. Como di Caballero, “saír por dentro, dentro do todo, de min. E parar o mundo, o meu. Algo xa respira por min. Coa alegría nos pulmóns e as portas abertas das miñas terras íntimas, móvome, móvome, movo, móvome… E así sigo viva. Así ando argallando para seguir aquí, aquí, aquí, saudando a todo o que se aveciña”.

A construción do espazo co corpo é tamén a idea que sustenta 55, de Radouan Mriziga

A construción do espazo co corpo é tamén a idea que sustenta 55, de Radouan Mriziga. Un corpo que parece medir o ar, tracexando un debuxo de formas cada vez máis requintadas que despois pinta no chan. Co movemento e o volume do seu corpo. Nunha sorte de investigación na que o que importa é o proceso, realizado diante do público. Xogando, tamén, coas súas expectativas, que axuda a crear con música. Con sons que se alternan coa súa acción, semella que influíndo nela. E con movementos sinxelos. Case como se non bailase. Ou como se o fixese, coma Caballero, só co xesto. Procurando a expresividade co mínimo. E creando un ambiente de calma. Ao final, mesmo con píos de paxaros. Con formas simples, -e tan perfectas-, que remiten ás da natureza. Natureza que foi tamén protagonista da intervención de Idoia Zabaleta, na que se leu Os Eidos de Uxío Novoneyra nun paseo desde Sar ata a Cidade da Cultura. Nunha experiencia intensa -tamén por dura-, para os seus participantes, -segundo relataban despois-, nun día no que o tempo non acompañaba. 

A peza Mordedores explora a enerxía creadora dunha violencia primixenia, liberadora de forzas en tensión

Aínda que se se trata de explorar a natureza, -neste caso, humana, se é que iso pode existir-, a proposta se cadra máis radical da segunda semana de Escenas do Cambio foi Mordedores, de Marcela Levi e Lucía Russo. A peza, concibida como unha investigación sobre a violencia, explora non as súas connotacións de destrución e morte, senón a súa enerxía creadora, liberadora de forzas en tensión. Os corpos abertos, que poden racharse, bater uns cos outros, operar no mesmo espazo, ou fundirse en suor. E cuspe. Na sucidade que a sociedade da obsesión cosmética teme. Mordedores pode ser, así, como unha indagación na animalidade e na humanidade que pode xurdir dela -En certa maneira, coma Ensaio amor e Barrunto-. Trabar como acto primixenio. Trabarse, -compulsivamente-, para esculcarse. Empuxarse. Correr. Berrar. Rir. Tocarse, sempre. Crear correntes de xestos, ritmos, a partir do contacto. Tremer. Vibrar. Esgotarse e volver. Erguer formas efémeras. Como seres á procura dalgún tipo de linguaxe coa que entenderse. Ou desentenderse. Ata que os corpos se acompasan. Non para neutralizar a enerxía. Senón para integrala na vida.  

A corrección é afastada tamén en Insulto ao público, outra das estreas de Escenas do Cambio, na que Uxía Vaello e Borja Fernández dirixen un grupo de adolescentes de tres centros distintos de Compostela, só parte dos cales tiveran algunha experiencia previa co teatro afeccionado. “Isto non é un drama. Aquí non se repetirá ningunha acción que xa sucedera. Aquí só hai un agora, e un agora, e un agora. Non é un local onde se repita unha cousa que algunha vez sucedera realmente. Aquí o tempo non xoga un papel. Non representamos ningunha acción e por tanto non representamos un tempo. Aquí o tempo é o voso tempo. Aquí é o espazo do voso espazo de tempo”, di o texto de Peter Handke que os mozos interpretan, aínda que o neguen.

“Sodes unha sociedade que constitúe un orde”. “Devides unha unidade. Un tipo”

Porque non hai -case- escenografía. Nin personaxes. Nin historia que contar. Nada raro no teatro actual. Pero si hai representación. Relectura de Handke, levado a un tempo que non é del. Non é o do público burgués que, noutrora, podería escandalizarse. Poida, por iso, que o público non se sinta insultado. Mais si, se cadra e aínda, interpelado como tal. “Sodes unha sociedade que constitúe un orde”. “Devides unha unidade. Un tipo”. Un corpo ao que non conmove quizais a insolencia dos actores. Mais si a súa naturalidade. A súa frescura. A súa contradición. O seu enganarse, caer e erguerse. O seu “non xulges”. “Escoita”. Deixa que fale eu. Por unha vez. O teu silencio, a túa -falta- de reacción, significan algo. Ti saberás que.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.