'O descoñecido' regresa á Coruña cos seus dous 'Goyas' baixo o brazo

Luis Tosar, nunha escena no filme © O Descoñecido

O descoñecido, e o seu director, Dani de la Torre, pecharán este domingo 21 de febreiro o Ciclo Gas Natural Fenosa de Cinema Itinerante Premios Goya 2016. Farao na cidade na que se rodou -A Coruña- e cos dous galardóns obtidos na presente edición (Mellor Montaxe e Mellor Son). O realizador presentará o filme ante o público no Teatro Rosalía de Castro, onde responderá as preguntas dos e das asistente e relatará as mellores anécdotas da rodaxe durante o cinefórum que se celebrará unha vez finalizada a proxección.

Dani de la Torre responderá as preguntas dos e das asistente e relatará as mellores anécdotas da rodaxe

Luís Tosar protagoniza este thriller psicolóxico no que interpreta a Carlos, un executivo de banca que comeza levando aos seus fillos ao colexio. Mentres conduce, recibe unha chamada dun completo descoñecido que lle anuncia que ten unha bomba debaixo do seu asento. Se non consegue reunir a cantidade de diñeiro que o chantaxista lle pide, o seu coche voará polo aire. Elvira Mínguez, Goya Toledo, Javier Gutiérrez e Paula del Río completan o reparto do filme. O acceso será gratuíto até completar o aforo.

 

Luis Tosar, nunha escena no filme © O Descoñecido

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.