0 Gardados para despois

Medea, a lucidez no delirio

Redacción | @prazapublica

“Todo en min é instrumento teu/ Por ti matei e parín/ Eu a túa cadela, eu a túa puta/ Eu un chanzo na escaleira da túa gloria/ unxida cos teus excrementos, sangue dos teus inimigos”. Así fala a Medea encarnada por Aitana Sánchez Gijón. Que é máis que a imaxe da devastación. Ou da loucura. Serena, malia o esgazamento, pídelle contas a Jasón. Que a deixou reducida á nada. E faino cunha forza brutal. Que se mantén durante toda a representación desta traxedia que, dirixida por Andrés Lima, puido verse na Mostra de Teatro Clásico de Lugo. Lima escolleu o texto de Séneca, e non o de Eurípides, para a súa Medea -a de Teatro de la Ciudad-. Mais a interpretación de Sánchez Gijón engádelle matices á personaxe que a achegan á Medea do grego, fronte ao espello da furia enaxenada que Séneca debuxou nela.

A interpretación de Sánchez Gijón engádelle matices á personaxe que a achegan á Medea do grego, fronte ao espello da furia enaxenada que Séneca debuxou nela

“De todas as criaturas que teñen mente e alma/ non hai especie máis mísera que a das mulleres./ Primeiro han de acopiar diñeiro co que merquen/ un marido que en amo se torne dos seus corpos,/ o cal é xa é a cousa máis dolorosa que hai./ E nisto é capital o feito de que sexa/ boa ou mala a compra, porque honroso o divorcio/ non é para as mulleres nin o refusar ao cónxuxe./ Chega unha, pois, a novas leis e usos e debe/ trocarse en adiviña, pois nada de solteira/ aprendeu sobre como co seu esposo comportarse./ Se, tras os esforzos, se avén o home e non/ protesta contra o xugo, vida envidiable é esta;/ pero, se tal ocorre, morrer vale máis”. Isto di a Medea de Eurípides. Non a de Séneca, á que o desexo de vinganza apaga a razón. Mais, con achegas de texto de Heiner Müller e doutros autores, a Medea de Sánchez Gijón tórnase fondamente humana. O monstro. A asasina.

Con achegas de texto de Heiner Müller e doutros autores, a Medea de Sánchez Gijón tórnase fondamente humana

Os berros de Medea, na escuridade, danlle inicio á obra. Agochado polas cortinas, o corifeo -Andrés Lima-, recita, a xeito de limiar, un anaco da Teogonía de Hesíodo que presenta á personaxe. Aparece despois, camiñando entre o público, Medea. Ferida. Coa voz quebrada. Mais enteira. Aguilloada por unha enerxía inquebrantable. A que, en boa medida, lle dá o inmenso traballo físico e vocal da actriz, que só en momentos moi puntuais decae un bocado. Medea invoca a vinganza. A morte da nova muller de Jasón, Creusa, e do seu pai, o rei Creonte. Mais sábese morta. Exiliada de si mesma. “Non hai peor dor que o amor”, repite.

Mais non é, -ou non só-, a muller abandonada. Rota. Que reaxe coa bile. É quen deixou de ser quen era. De ser, en definitiva. Por unha quimera

Mais non é, -ou non só-, a muller abandonada. Rota. Que reaxe coa bile. É quen deixou de ser quen era. De ser, en definitiva. Por unha quimera. “Jasón, débesme un irmán”, berra encabuxada. Por el traizoara o seu pai. Abandonara a súa terra. Despedazara o irmán. Conspirara coas fillas do rei Pelias para que acabasen con el. Ela. A maga. A sabia. A feiticeira que o axudara a el, cómplice do seu desterro e obediente ante o rei que a odia e teme, a chegar ao cumio. “En busca de reinos alleos abandonei o meu./ Teus son, teus. A quen un crime lle/ aproveita, este cometeuno”, di a Medea de Séneca. A Medea coas mans luxadas de sangue.

A ira de Medea vai a máis. Cada vez máis núa. Colérica, ao verse acurralada. Mais non vítima. Descarnada. Firme. Contundente. Decididamente incontida, -tamén na linguaxe, con algún toque de xiria actual, nunha obra pouco contemporánea, agás por detalles como o vestiario-. Só a escoitan a corifea, -Juana Gomilla-, que canta, -e algunha canción é de Caetano Veloso- e toca o contrabaixo, e recita algús coros. E a nodriza, -Laura Galán-. Que treme. Horrorizada. Tentar deter a ama, a amiga. Mais hai, tamén, lucidez na Medea desenfreada. Na planificación da estratexia para vingarse. No xeito no que increpa o seu esposo, -Jasón, tamén interpretado por un Andrés Lima que tamén fai de Creonte e non acada a altura interpretativa de Aitana, malia a axeitada dirección- e reivindica -e ás veces implora- os seus motivos. Os seus fillos. Os seus amigos. O seu país. E é entón, se cadra, cando se torna máis real. Cando a miseria, a degradación, supuran verdade. Cando a violencia, que podería acontecer hoxe, se mostra máis recoñecible.

Non é o mellor momento da obra o impactante conxuro contra os seus inimigos

Por iso non é o mellor momento da obra o impactante conxuro contra os seus inimigos -o corpo da actriz axitado, untado de plumas e sangue-, nin cando mata os fillos -bonecos de plástico que non acaban, se cadra, de encaixar de todo-. Nin cando dubida ou se arrepinte. “Que fixen! Que fixen!”, berra desesperada, antes de aceptar -e asumir- o que fixo. Nin cando ri a súa maldade ao facer arder o -que nunca fora seu- mundo. Os efectos de son, -ás veces un pouco excesivos-, a música -de Jaume Manresa e o Coro de Jóvenes de Madrid- ou as estremecedoras imaxes infantís que se proxectan sobre o fondo axudan a aumentar a intensidade dramática, mais é Medea quen nos conmove.

O efecto emocional que producira a súa interpretación fica con nós

“Vaite, Medea”, di o corifeo ao final, “e berra que os deuses non existen”. Ela marcha, en silencio e cuberta de plumas, por onde entrara. E o efecto emocional que producira a súa interpretación fica con nós. “Medea mete a man enteira nas nosas feridas e enfróntanos aos nosos terrores, ou mellor dito ás nosas dores, ou mellor dito, se a dor é signo de vida, a nosa vida. Por iso me dá medo Medea e porén non podo deixar de mirar”, dixo Andrés Lima. Non será catarse á grega. Pero é de verdade. Visceralmente extrema. Torrencial. Abrumadora. Metáfora da violencia da Roma Imperial. Do tempo de Séneca, que non era o de Eurípides. E do noso. Medea escollera, desde o principio, o crime. E o crime é o que perpetúa, ata o total aniquilamento. De si mesma e dos demais. Que iniciara ao renunciar a si mesma. Ata que só ficaron os cascallos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.