"Non é canción protesta o que fago, é crónica das situacións convulsas da nosa sociedade"

Xosé Constenla Dominio Público Praza Pública

Non hai, en Galicia, moitos músicos que se definan como cantautores. Xosé Constenla é, porén, un deles. Reivindica un espazo para a canción de autor en galego porque, -exemplifica-, vén Nacho Vegas e enche a Capitol, pero aos que sosteñen proxectos semellantes na nosa lingua non se os recoñece igual. Aínda que tampouco ten problema en dicir que el mesmo non é nin un gran cantante nin un gran guitarrista. Mais segue aprendendo, coma todos. Estes días presenta o seu novo disco, Virada para avante. Mudar o rumbo, contra o vento e mesmo que poida doer. Con letras intimistas e outras cunha pretensión máis social e, mesmo, de voz dunha xeración que "non é de brazos caídos", por moito que se quixese vender esa imaxe.

Contabas nun blog que empezaras facendo versións de Luís Emilio Batallán, Luis Eduardo Aute, Silvio Rodríguez, Ismael Serrano… Un clásico.

Empecei no patio da escola, realmente. Tiña 15 anos. Un compañeiro escoitaba no walkman o Mano a mano de Silvio Rodríguez e Luis Eduardo Aute. Aquel disco seduciume. E decateime de que un tipo cunha guitarra podía facer cantar a 10.000 persoas. E iso que eran os comezos dos 90 e o que se levaba era o grunge… Había unha guitarra pola casa e comecei a tocar. Despois meu pai comezou a lembrarme cousas como que cando veu Silvio Rodríguez no 92 me levara a escoitalo e eu non lle fixera caso… Tamén escoitaba na casa a Paco Ibáñez porque o poñía meu pai… Era a música coa que convivira desde pequeno. E estaba relacionada co que facían Luís Emilio Batallán, Fuxan os Ventos…

"Empecei no patio da escola, realmente. Tiña 15 anos. Un compañeiro escoitaba no walkman o Mano a mano de Silvio Rodríguez e Luis Eduardo Aute"

Cal é esa relación entón? Silvio Rodríguez e Fuxan os Ventos...

É a mesma maneira de entender a música, como xeito de transmisión dos estados de ánimo, sensacións, sentimentos… Non é tan distinto, niso, a Trova Cubana e o movemento da canción galega (Voces Ceibes…) niso. Pero a Nova Trova Cubana seguiu e na música galega aquel movemento quedou fagocitado polo folk… Silvio musicaba a José Martí ou Benedetti, e Fuxan a Manuel María, Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Cabanillas… Por iso a conexión. Son parte dunha mesma poética.

Es un dos poucos galegos que se definen como cantautores. Non se leva a palabra, se cadra, aínda que algúns respondan á definición. Pero pode soar a algo do pasado…

As etiquetas sempre son redutoras. Se dis cantautor, o tópico é que ten que ser un tipo triste e enfermizo. De todos os xeitos, se es cantautor non encaixas en ningún grupo. Para os músicos somos músicos mediocres e para os poetas precisamos o parapeto da guitarra. Hai niso, se cadra, un déficit na nosa tradición musical. Se escoitas a James Taylor es cool, pero se escoitas a Paco Ibáñez es, non sei, un carca. Penso que é a herdanza de certo autoodio. Creo que ten relación, ademais, con que cada comunidade escolle determinados instrumentos para transmitir estados de ánimo, sensacións…

"En Galicia escollemos a música para a festa, para pasalo ben. Pero para os sentimentos, para o transcedente, temos máis ben a narrativa, a poesía, en menor medido o teatro e agora o cinema"

Quero dicir, que en Galicia escollemos a música para a festa, para pasalo ben. Pero para os sentimentos, para o transcedente, temos máis ben a narrativa, a poesía, en menor medido o teatro e agora o cinema. Tamén a canción de autor, pero non a que está en galego. Énchense as salas cun cantautor anglosaxón, pero ao público cústalle interesarse por unha proposta similar se está en galego. Hai unha maquinaria televisiva e institucional que fai que a música galega derive en dous planos: a música tradicional e o folk ou o rock irreverente, de retranca, de rir de nós mesmos… Pero non hai un plano para os autores que transmiten outro tipo de sensacións: que falan de si mesmos, do cotián, do que sofren ou disfrutan… E vén Nacho Vegas e enche a Capitol.

"Hai unha maquinaria televisiva e institucional que fai que a música galega derive en dous planos: a música tradicional e o folk ou o rock irreverente"

Sés, Jane Joyd, Xoán Curiel, Emilio Rúa, Manoele de Felisa, Andrés Suárez, Tino Baz, Roger de Flor, Narf… Con distintos estilos… Hai de todo por aquí. Con máis e menos “éxito”. O que pasa é que non se reivindican como cantautores normamente. 

Si, para min son cantautores Emilio Rúa, Roberto Sobrado, Sés, O Leo… Se te preguntas, quen é o Bruce Springsteen galego, que dirías? Quen é o facedor de cancións en galego que todo o mundo identifica? Non hai outro como foi Suso Vaamonde. E o adalid da defensa dos poemas de Rosalía de Castro na música é un berciano, Amancio Prada. E dígoo con respecto, que fixo unha labor que ninguén do país quixo asumir.

"Para min son cantautores Emilio Rúa, Roberto Sobrado, Sés, O Leo… Se te preguntas, quen é o Bruce Springsteen galego, que dirías?"

Sinecismo era como un punto de chegada desde o que tiñas feito ata ese momento. Este disco parece que quere ter máis de reacción ante o momento histórico, político…

Cólleme nun momento de búsqueda. Sinecismo é un disco que vén dunha etapa na que medio deixara de tocar. Foi como unha posta en escena de novo. O músico non pode illarse da realidade, do que está a acontecer. Tes 30 e pico anos e ves o que pasa: amigos que están no paro, amigos que emigran, que volven… Mais o reto foi responder ao que che dicía antes: cambiar a opinión que a xente ten da canción de autor en galego. Por iso busco ese enlace xeracional e tamén con outros estilos musicais. Non pode ser que che guste Kings of Convenience e non recoñezas que cousas que se fan aquí están na mesma senda, veñen do mesmo.

"O reto foi responder ao que che dicía antes: cambiar a opinión que a xente ten da canción de autor en galego"

Este disco, polo demais, si é reflexo dun tempo de cambio, de necesidade de recuperar espazos de vida, de convivencia, no medio de cousas moi cretinas que pasan: pechan estaleiros, somos monicreques ao mandado de dous ou tres… Pero non somos unha xeración de brazos caídos como nos queren vender. E xa deixo o speech político.

"Non somos unha xeración de brazos caídos como nos queren vender. E xa deixo o speech político"

Como foi e é o teu proceso de aprendizaxe?

Se estivese en Nashville diría que autodidacta. Como estou aquí, voi dicir que ruín. Aprendín tocando cancións de tuna nos obradoiros culturais do convento de San Francisco. Era aos sábados e case de balde. Ensinábannos a tocar boleros, rancheras… Collín moita técnica de dixitalización. Tamén había moito intercambio de cancións entre os alumnos. Despois fixen cursos de linguaxe musical. E logo… pois xa sabes: sempre aprendes imitando. Canto mellor imites a Bob Dylan, mellor tocas. Gustaríame aprender piano. A ver se a partir dos 40…

"Aprendín tocando cancións de tuna nos obradoiros culturais do convento de San Francisco"

E cal é a túa percepción da fase na que estás? Moitos músicos non se senten seguros. Saben que lles queda moito por aprender.

Eu sei que non son un gran cantante nin un gran guitarrista. Son consciente das miñas limitacións. Tamén evolucionei moito: dimo moita xente. E claro que sempre segues aprendendo. Cada vez desafino menos a aprendo máis acordes… É moi estimulante.

"Eu sei que non son un gran cantante nin un gran guitarrista. Son consciente das miñas limitacións"

No directo, -no que vimos na Casa das Crechas polo menos- escóitanse moitos menos instrumentos que no disco. A diferenza no son é grande.

No disco hai un auténtico mago, que é Fredi Marugán, que toca de todo. Todos os instrumentos do disco. Se quixese levar todos estes instrumentos ao directo, precisaría 20 músicos, que ademais andarían entrando e saíndo segundo a canción que fose. Contar con Fredi para o directo é un privilexio. E Javier Constenla, ademais de meu primo, é un grande pianista. Tampouco será raro verme a min só coa guitarra defendendo o disco.

O disco, Virada por avante, ten toques latinoamericanos e tamén norteamericanos, tipo country.

A intención, e así llo dixen a Fredi, que é o produtor e arranxista, era ir cara ao folk-rock americano. Fredi lévao un pouco cara ao folk británico. E sempre me di que teño unha influencia xenética dos autores latinoamericanos. Iso está aí.

"A intención, e así llo dixen a Fredi, que é o produtor e arranxista, era ir cara ao folk-rock americano"

Nas letras hai unha tendencia máis intimista e outra máis social. Supoño que é a idea.

Corazóns aletargados, por exemplo, fala sobre a corrupción política. Todo ese proceso caníbal que chegou a extremos impensables e que continúa, porque aínda non chegamos ao fondo da cuestión. Outras cancións son máis como Non fuches quen, que parte dunha situación que vivín e padecín. E non é que sexa eu alguén que padeza todo o tempo. Son máis alegre do que manda a etiqueta. Esa canción fala dunha situación que vive moita xente: recibes misivas de guerra a través das redes sociais, pero de xeito indirecto, porque directamente dinche que non pasa nada contigo…

"Non é que sexa eu alguén que padeza todo o tempo. Son máis alegre do que manda a etiqueta"

Resume, se queres, en xeral, de que falan as letras para ti.

O título do disco, que é o dunha canción, fai referencia ao meu cambio de rumbo. É un símil mariño. Unha manobra que se fai contra o vento, aínda que coste, e se non a fas ben podes saír mancado. Arroz con ovos e salsa de tomate é máis intimista e está dedicada a miña nai. Hai unha parte máis intimista, como diciamos, que abrangue tamén Deixa que me libre, Todas as cancións que che debo, A luz entre a desorde e Non fuches quen, que transmiten vivencias e experiencias de índole sentimental, que teñen que ver coas relacións personais, en xeral. Son cousas cotiás, que lle acontecen a todo o mundo.

Despois hai letras cunha temática máis social. Non é canción protesta o que fago, é crónica, narración das situacións convulsas da nosa sociedade. É o caso da que dicía antes: Corazóns aletargados, Contra o medo, Vidas truncadas… Por último está Hai que ver, que é máis vitalista e animosa, máis atlántica, que fala de encontrarse cos amigos e estar xuntos. Vai ser o próximo videoclip.

Algún concerto próximo?

O 12 de marzo no Salón Teatro.

Hai moitas cousas ese día.

Si, pero quería dicir que, fronte á confusión que xenera a sobreoferta cultural, que fai que sexa competitiva e non cooperativa, o noso proxecto demostra que se poden facer as cousas ben á marxe de calquera canle de promoción institucional ou privada, mesmo en cidades como Santiago, onde a cultura foi empregada como arma arreboladiza.

"O noso proxecto demostra que se poden facer as cousas ben á marxe de calquera canle de promoción institucional ou privada"

Refíreste a Conde Roa e a Nasa, por exemplo?

Si, pero non só. Se non somos quen de sacar a cultura dos bandos, o que fixeron uns acaba equiparándose ao que fixeron outros. Iso é o que quería dicir.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.