0 Gardados para despois

'A forma das cousas', comedia negra para explorar os límites do amor e da arte

Redacción | @prazapublica

Unha procura polos límites do amor e da arte contemporánea. É o estimulante territorio ao que se achega 'A forma das cousas', a primeira montaxe teatral da produtora La Yogurtera, cuxa estrea acollerá o vindeiro 18 de marzo o Teatro Colón da Coruña. Da man do directro Carlos Álvarez-Ossorio o público galego ten a oportunidade de achegarse á adaptación do exitoso texto de Neil Labute, unha comedia negra que interpela directamente ao público.

Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado encarnan catro personaxes envolvidos nunha serie de accións nas que a manipulación afecta a relacións interpersoais, a amizade e a propia evolución humana. Coa música do pianista e compositor Pablo Seoane, a obra formúlalle preguntas ao público que, tarde ou cedo, todas as persoas deben responder nalgún momento: o amor, a vida, a evolución persoal... Todo, pasado pola peneira do humor e a ironía para reflectir unha sociedade na que as apariencias están por riba de todo.

As personaxes envólvense na manipulación das relacións interpersoais e no xogo das apariencias

A proxección do que desexaríamos ser, por riba do que somos, é unha constante na sociedade actual e tamén o é para a parella protagonista d'A forma das cousas: Evelyn (Sara Casasnovas) e Adán (Borja Fernández). Ela é unha iconoclasta e excéntrica estudante de arte que só ten vida para a súa tese de doutoramento. El leva unha vida monótona, insegura e sen sorte no amor. Nunca se preocupara pola súa imaxe. E, de súpeto, Evelyn irrompe e Adán pasa a estar disposto a mudar a súa vida enteira para que ela o acepte.

As entradas para a estrea, o día 18 no Colón da Coruña, están xa á venda

Todo isto sucede ante os ollos perplexos dos amigos de Adán: Fili (Machi Salgado) e Jenny (Victoria Pérez). Entre os catro xurdirá un xogo de apariencias e influencias entre personaxes interpretadas por un elenco que, nos últimos anos, destacou por unha traxectoria ascendente e pola súa participación en proxectos escénicos de gran repercursión.

Non en van, Sara Casasnovas é unha das actrices máis coñecidas no audiovisual tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Borja Fernández é colaborador hbitual de Chévere ou Voadora; Vicotira Pérez traballou nas principais series televisivas galegas e Machi Salgado ten unha ampla traxectoria en teatro e televisión. As entradas oara a estrea da obra xa están á venda en Ataquilla.com.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.