"Non é o noso discurso o que nos define, senón o xeito en que nos relacionamos cos demais"

Imaxe da obra © La Yorgurtera

Catro seres que se enganan uns a outros nun mundo de imaxe e aparencia no que ninguén se salva. Diso vai A Forma das Cousas, a obra de Neil LaBute que estreará o vindeiro día 18 ás 20:30 horas no Teatro Colón da Coruña a produtora La Yogurtera. Dirixida por Carlos Álvarez Ossorio e interpretada por Sara Casasnovas, Victoria Pérez, Borja Fernández e Machi Salgado, a montaxe apunta á incoherencia entre os discursos e os feitos. Á manipulación e ás relacións de poder sen bos e malos, vítimas e verdugos. Porque o xogo é o mesmo para todos cando a sociedade apodreceu.

Por que escollestes A Forma das Cousas de Neil Labute? Normalmente non dirixes comedias…

Foi unha proposta de Marta Horjales e da produtora La Yogurtera. É verdade que eu comedia non dirixira nunca. E aceptei por iso, por ser un xénero co que non traballara. Por cambiar de rexistro, facer algo diferente. Ademais, o equipo é moi bo: actores, técnicos… Normalmente fago cousas máis escuras, si. Pero esta é unha comedia que ten un punto negro tamén.

De todas maneiras, non tiras moito polo rexistro de comedia. E non che sería difícil a partir do personaxe de Borja Fernández, por exemplo.

Non é unha comedia de gargalladas. Pero tampouco era a proposta. Se tiraba moito pola comedia, podía caer no clixé, na parodia.  Eu quería defender todos os personaxes. Desde a Evelyn (Sara Casasnovas), que é, teoricamente, a mala, a Adán (Borja Fernández), que é o suposto bo, mais que se vai transformando. Quería un estilo máis realista: non quería o rexistro da sitcom, senón o do cinema máis independente: Woody Allen por exemplo.

"Se tiraba moito pola comedia, podía caer no clixé, na parodia"

Ningún dos personaxes se salva. A transformación do personaxe de Borja, o tímido boíño, fai que se vaia semellando aos demais. Mais tampouco é Evelyn tan mala como parece. Ou si.

O personaxe de Borja, en realidade, deixa que o manipulen. É como a xente que fai calquera cousa para escalar socialmente: non poden darche pena. Adán entra no xogo, déixase levar. Por iso dicía antes que ten algo perverso tamén. Non só se deixa manipular: é que el tamén manipula, minte… No texto orixinal non hai dobrez ningunha. Ela é manipuladora, fría e calculadora. Nós quixemos darlle un punto máis humano. Ela comeza a implicarse emocionalmente tamén. O que acontece váiselle das mans.

A obra fala da arte e os seus límites e fala de manipulación. Pero ao final a arte parece máis unha escusa.

Podiamos levar a obra máis cara ao discurso artístico. Pero niso o texto é bastante naïf. O que me interesaba era o que lles pasaba ás persoas: como se relacionan entre si. Para min, aí está o interese da obra: podes ter un discurso artístico ou vital moi férreo, pero a realidade é outra. Podes ter un discurso moral moi sólido e tratar mal a xente. A realidade é máis importante.

"Podes ter un discurso moral moi sólido e tratar mal a xente. A realidade é máis importante"

Esa mesma reflexión está en Femina Sapiens, de Marta Pérez, que tamén dirixiches. A diverxencia entre o discurso e a realidade. E as relacións de poder. Que non deixa de ser ao que apunta A Forma das Cousas. Unha sociedade na que todos se manipulan uns a outros. Abusan uns dos outros.

É que iso sempre me interesou. Montei un Otelo e tamén tirei por aí: a manipulación da realidade, como transformamos a realidade uns dos outros. No caso de Femina Sapiens, o texto era dela. Non sabiamos moi ben por onde tirar. Ela empezou a falar sobre a contradición da xente que ten un discurso filosófico moi sólido e despois trata mal aos demais. E entón tíveno claro: aí tiña que estar a obra. Ao final, si, do que falamos é de relacións de poder. Non é o noso discurso o que nos define, senón como nos relacionamos cos demais: parella, amigos.. Ao final, os seres humanos somos moi básicos. Queremos ser amados… E eu tento baixar todo ao nivel das relacións íntimas e non tratar os temas en abstracto, porque sería moralista, formalista, adoutrinador.

"Tento baixar todo ao nivel das relacións íntimas e non tratar os temas en abstracto, porque sería moralista, formalista, adoutrinador"

Tedes música orixinal, e interpretada en directo, de Pablo Seoane.

Que é moi bo. Non estaba desde o principio do proceso. Foise incorporando e foi creando coa improvisación, nos ensaios. El escoita os actores, os actores a el…

De manipulación, de crueldade sen sentido, da sociedade da aparencia e da imaxe… podíase falar desde hai moito tempo e non sería novidade ningunha. O que si é moi actual é o razonamento neoliberal de fondo: utilízote, aprovéitome de ti, pero tes que estar agradecido porque che fago un favor para que te integres no “normal”...

É que el é consciente e entra no xogo, sabendo que está a ser manipulado. El considera que sae gañando. Porque sae fortalecido, faise máis “espelido”, como di ela. Adquire ferramentas para relacionarse cos demais de xeito que lle resulta máis útil. Para iso perde a súa bondade natural, a súa inxenuidade e pureza.

Que tampouco era moi crible, se cadra. A interpretación de Sara deixa claro desde o principio que está a finxir. Se cadra non faría falta darlle a volta que ten ao final ao o personaxe. De vestiario por exemplo. Poñela tanto como muller malísima. Xa se entendera.

Sara é unha actriz que se desenvolve moi ben no xogo, na improvisación... No texto, desa parte que citas, só se di que vai vestida elegante. Esa parte tocámola, porque o texto é máis longo, explicativo… e reiterativo. Quixemos quedar co esencial. Evelyn, en realidade, está doída. Porque ela tamén vive unha transformación. Está celosa da relación que tivo el con Jenny. Por iso converte o que ía ser a presentación do seu proxecto, en parte, nunha vinganza contra os homes que a trataran mal. E Adán volveuse coma eses homes.

"O personaxe de Fili é abertamente machista. Ademais, ve ao seu amigo como un competidor"

Tamén hai, xa na parte do principio, algo de crítica sobre como se entenden as relacións de parella. Fili (Machi Salgado), non se aclara. Non atura que Jenny (Victoria Pérez), tivese algo con Adán, pero ao mesmo tempo el si ten algo con Evelyn.

É unha relación de posesión. El pode enganala a ela, pero ela a el non. O personaxe de Fili é abertamente machista. Ademais, ve ao seu amigo como un competidor. Porque pasa de ser o amigo parvo que lle axudaba a el a lucirse máis, a competir con el…

Ten algo de televisivo, e de cinematográfico, en certo sentido. Non só porque haxa unha cámara e unha proxección de vídeo. Lembra un filme concreto, moi coñecido.

Si, como che dicía antes, falamos de películas e series concretas, como Girls. Queriamos que fose algo fresco, non unha interpretación envarada. Tamén falei moito con Suso Montero, o escenógrafo. O espazo tiña que notarse que é falso, como un decorado.

 

Carlos Álvarez Ossorio Dominio Público Praza Pública
Cartaz da obra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.