A descuberta da Pedra da Grade pon de manifesto a riqueza da arte rupestre aínda por estudar

O gravado na Pedra da Grade Dominio Público Colectivo A Rula

Non é que a Pedra da Grade estivese agochada, nin que fose pequena (mide uns dous metros e medio), nin que fose unha descoñecida para a veciñanza da zona. De feito, esta rocha granítica foi empregada dende hai séculos como marco divisor entre parroquias (tamén é coñecida como Pedra dos tres curas), fixando aínda hoxe o límite entre os concellos de Caldas de Reis, Portas e Moraña. É por iso se cadra máis sorprendente que o petróglifo que acolle non fose documentado ata a actualidade. Algún veciño xa o localizara hai un tempo, pero non foi ata que hai unhas semanas Isaac González García se puxo en contacto co Colectivo A Rula -un grupo de persoas dedicadas ao estudo e protección da arte rupestre- que o achado se fixo realmente público.

O Colectivo A Rula atopou alí un gravado de grandes dimensións (1,75 metros de alto por 1,02 de anchura) e aceptable conservación, que se podería datar entre o ano 1.800 e o 1.500 a.de C. Explican que o petróglifo "entronca claramente co grupo iconográfico Peña Tú, fundamentalmente pola súa forma rectangular segmentada en oito franxas horizontais e remate absidal bastante pronunciado", do que podemos atopar exemplos en Teo, Porto do Son, pero tamén en Hoyo de la Gándara (Cantabria), Tabuyo del Monte (León) e Llanes (Asturias), onde se localizou o primeiro (o Peña Tu), que serve de patrón. En todo o noroeste peninsular, dende Burgos ata o norte de Portugal descubríronse imaxes semellantes.

Conclúen que nos atopamos "ante un dos máis importantes achados da arte rupestre ó ar libre nestes últimos anos"

Sinalan que "segue a sernos difícil de comprender que gravados tan excepcionais e singulares, situados en laxes facilmente accesibles, recoñecibles e coñecidas pola veciñanza, sigan pasando desapercibidas", unha mostra das "limitacións que presenta o actual catálogo de xacementos de arte rupestre". Conclúen que nos atopamos "ante un dos máis importantes achados da arte rupestre ó ar libre nestes últimos anos" e salientan que "reactiva interrogantes que expliquen o emprego dun modelo esquemático recoñecible e aceptado nunha ampla franxa do territorio entre o Atlántico e a cornixa cantábrica".

Segundo contan os veciños e veciñas do lugar, o gravado era coñecido pola poboación, e mesmo algún lle atribuíu unha orixe mítica, asumindo que se trataba do "manto da virxe". A proba deste coñecemento xeneralizado entre os e as habitantes da zona estaría no propio nome de Pedra da Grade, explicando a orixe da denominación na similitude entre o debuxo e o instrumento de labranza en forma de grella grande. Parece ser, ademais, que a rocha estivo a piques de ser destruída e trasladada por un grupo de canteiros, e que a Garda Civil o impediu, debido á función de marco divisorio entre concellos que cumpre a pedra.

"Son verdadeiras iconas e referentes culturais para as xentes das comarcas onde se localizan"

O Colectivo demanda "que os organismos públicos competentes inicien os trámites necesarios para a catalogación do xacemento, como primeira medida necesaria e esencial para garantir a súa protección e conservación", subliñando que "lamentablemente o estado xeral dos petróglifos desta tipoloxía en Galiza é moi mellorable e permanecen no máis absoluto descoñecemento para o gran público e en perigo constante a causa dos incendios e outros axentes". Engaden que "boa parte destes xacementos foron declarados monumentos histórico – artisticos (coma no caso de Peña Tú, en Llanes) ou bens de interese cultural (por exemplo, en Sejos, Cantabria)". "Son verdadeiras iconas e referentes culturais para as xentes das comarcas onde se localizan e son considerados valiosos monumentos da Prehistoria do Noroeste peninsular", conclúen.

 

O gravado na Pedra da Grade Dominio Público Colectivo A Rula
Contorna inmediata á laxe © Colectivo A Rula
Localización do achado © Colectivo A Rula

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.