Cine en San Simón para rescatar a memoria

Foto antiga de Cesantes © Redondela en Curto

O Redondela en Curto é unha das citas cinematográficas máis consolidadas do país. Vai pola XII edición e este ano bateron récord de obras recibidas. "Unha das nosas metas era facer de Redondela en Curto un festival competitivo a nivel nacional e a día de hoxe podemos dicir que o obxectivo está máis que cumprido, pois este ano recibimos 800 curtametraxes, unha cifra que nunca acadaramos até o de agora", comenta o director, Fernando Carreira. Carreira engade que "as actividades escolares funcionaron moi ben, tivemos un éxito rotundo co auditorio cheo. O segundo día con rapaces moi cativos, de 7 anos e foi xenial velos unha hora e media, que foi o que durou a proxección quietos e atentos nas súas cadeiras".

O Concello de Redondela imposibilitou a sesión golfa alegando que o local onde se ía proxectar non cumpría os requisitos

Con todo, nesta edición, a organización tivo un bocado amargo coa cancelación da sesión golfa por parte do Concello de Redondela. Carreira afirma que os avisaron "un día antes de que eles non vían que se puidese facer alí a sesión porque o local non estaba habilitado, seica. A nós sorpréndenos, estamos totalmente en desacordo, porque as cousas pódense avisar con antelación que eles sabíano desde hai máis dun mes e claro, estamos fastidiados, pero tampouco nos chama a atención porque ultimamente están un pouco atravesados con todo o mundo que organiza cousas, non sei moi ben por que".

As feridas que non pechan

Este ano, o Redondela en Curto volve ter produción propia, unha das novidades que incorporou o ano pasado. Fernando Carreira dirixiu o documental "A memoria dun pobo" que se proxectará o domingo na Illa de San Simón e que recolle as vivenzas e lembranzas dos veciños de Cesantes. Carreira destaca que "é para nós unha gran responsabilidade dar a coñecer este filme no festival porque non só estarán presentes os veciños da vila, senón que están convidados á estrea os familiares e mesmo parte dos protagonistas".

O director explica que o proxecto nace da man do "Obradoiro de estudos locais Fernando Monroy, que está situado en Cesantes e levan anos traballando para non deixar no esquecemento todo o que ten que ver coa cultura da parroquia". "Hai un par de anos chamáronnos se podía ir para adiante un proxecto que eles tiñan que era entrevistar a cantide de xente maior, de entre 80 e 101 anos", conta. A primeira parte do proxecto consistiu en levar a cabo 25 entrevistas, nas que, segundo o director, atoparon "historias incribles que non pasaron hai tanto tempo, e pensas en como mudou a vida en 70 anos". A segunda fase foi darlle forma ao material gravado para comezar coa película-documental. "E logo está o libro feito por Carolina Sertal, porque a idea é sacar adiante libro película", engade Carreira.

"A memoria dun pobo" é unha historia de escolmas persoais daquela Galicia medosa, triste e famenta

"A memoria dun pobo" é unha escolma de historias persoais daquela Galicia medosa, tiste e famenta. Carreira afirma que todas as testemuñas "son duras, por unha cousa ou por outra. Está a historia de un home, Tomás, que sorprende a enteireza coa que o conta porque mataron a seu pai e súa nai na Guerra Civil, diante del, tiña sete anos. É duro, pero logo claro, fálanche da época da fame, que non tiñan que levar á boca, e iso tamén é terrible".

Falar da Guerra Civil implica, de cando en vez, silencios. O director comenta que, nas entrevistas, "saen varias historias relacionadas cos presos da Illa de San Simón, aínda que falamos con xente que, moita dela, é moi pequena cando ocorre isto". Ao fío disto engade que "moitos tampouco che contan porque daquela non se falaba diso e súmalle que algúns seguen tendo medo e dinche que diso non se pode falar. Tantos anos despois a xente maior segue a pensar que lle pode pasar algo", reflexiona.

"Tantos anos despois a xente maior segue a pensar que lle pode pasar algo por contar as historias da Guerra Civil"

Carreira trae a colación as vivencias dunha das entrevistadas que traballaba no Hotel Moderno, en Vigo. "Ela cóntanos como estala a guerra, como os soldados saen á rúa e como empeza a mobilizarse todo. Nós a Guerra Civil estudámola, pero sóanos lonxe, e é valiosísimo que cho conte alguén que non é que o vira pola tele, non é que llo contase alguén, é que o viviu en primeira persoa", enfatiza.

Tal e como conta o director, non podería entenderse a historia de Cesantes sen as historias do cárcere da Illa de San Simón: "A xente de Cesantes volcouse cos presos: levábanlle comida, lavábanlle a roupa e moitas familias contáronnos que, unha vez que os presos saíron, houbo moitos familiares que viñeron a Cesantes a agradecerlles todo o que fixeran polos seus seres queridos"

"A xente de Cesantes volcouse cos presos: levábanlle comida e lavábanlle a roupa"

"Case todas as testemuñas referencian tamén un acontecemento moi coñecido en Redondela", continúa o director, "preto da illa hai unhas rochas cun cruceiro. Un día saían da illa de San Simón unha lancha con 50 falanxistas da garda de Franco e houbo un golpe de mar e a lancha virou, só se salvaron tres. Hai testemuñas no documental que contan que estaban traballado no marisco e colleron as súas lanchas para ir salvalos", relata.

Carreira sostén que "hai que traballar arreo na recuperación da memoria, porque estas historias non se contan, non están na ensinanza obrigatoria, desde o meu punto de vista hai que seguir cavando, porque esta xente xa non lle contaban nada aos fillos porque era perigoso, ás veces ata os fillos non sabían o que nos estaban contando. E se iso non se documenta, desaparece".

"Se a memoria colectiva non se documenta, desaparece cando morran os seus protagonistas"

Sobre a realización, o director conta que non foi sinxelo decantarse polas vivencias escoitadas: "Se te paras a escoitalos e te paras a pensar, cal escollo? A quen poño? pois non hai ninguna historia que digas que é menos interesante, todas son boas, intentamos meter un cachiño a todo o mundo. A película vai por capítulos: a historia, o colexio, a fame, o traballo, contamos un pouco de todo e de todos rescatamos algo para contar".

"Estes traballos serven para deixarse de parvadas e saber que houbo quen machacou e pisou e quen se defendeu e fuxir dese tópico de que na guerra houbo para todos"

Carreira opina que este tipo de traballos documentais serven para a restitución da memoria e como acto de xustiza pero matiza que non serven para pechar feridas. "Eu creo que hai feridas que quedan para sempre. Os falanxistas sabían que o pai de Tomás, do que falei antes estaba escondido, foron directos á casa e preguntáronlle a el onde está o pai, el dixo que non sabía. Entón puxéronlle a capa dun falanxista, cubrírono, colgárono boca abaixo, prendéronlle lume á casa e fixéronlle respirar ese fume. Como el non cantaba, descolgárono, meteron máis madeira na casa e o pai morreu queimado", narra o director. "Esa ferida non cura nun cativo de 7 anos que viu e viviu iso, pero si que serve como un acto de xustiza, ten que valer para deixarse de parvadas e saber que houbo quen machacou e pisou e houbo quen se defendeu, e fuxir dese tópico de que na guerra houbo para todos", remata.

Foto antiga de Cesantes © Redondela en Curto
Á dereita, o director de "A memoria dun pobo" e do Redondela en Curto, Fernando Carreira © Redondela en Curto
Público do Redondela en Curto © Redondela en Curto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.