Os Martín Códax da Música entregaron os seus premios

Foto de familia dos e das premiadas © Premios Martín Códax da Música

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este xoves pola noite a gala da terceira edición dos Premios Martín Códax, promovidos pola Asociación de Músicos Ao Vivo. Os galardóns confirmaron o seu éxito de convocatoria cunha cerimonia, dirixida polas integrantes da compañía de teatro A Panadaría, á que asistiron máis de 700 persoas. En total, entregáronse 20 premios, contando co Premio Honorífico Músicos ao vivo, que nesta ocasión recoñeceu a traxectoria de Antón Corral.

Nesta edición inscribíranse un total de 448 proxectos (396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación), mantendo as estupendas cifras das dúas primeiras edicións. A gala será emitida o próximo martes 3 de maio ás 10:45 na TVG2 e o mércores 4 ás 00:45 na TVG1.

No seu discurso de clausura, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Ramón Bermejo, reivindicou que a asociación é necesaria para “dar pulo á dignificación do oficio da música, e servir como lugar de encontro entre os profesionais que defendemos o papel dun sector que noutros países é considerado estratéxico”. Bermejo denunciou que “vivimos un desmantelamento progresivo das artes e as humanidades no noso sistema educativo da man da LOMCE, precisamente cando máis estudos demostran as vantaxes da música na educación” e recordou que “moitos músicos dedican parte do seu tempo ao ensino da música e grazas ao seu esforzo, escasamente apoiado dende as institucións, están indo cara adiante agrupacións musicais cada vez de máis calidade”. Finalmente, lembrou a preocupación da entidade sobre o peche de locais con programación musical “por problemas derivados da inexistencia dunha lei de espectáculos que regule e protexa debidamente a actividade da música ao vivo, unha lei que debería servir tamén de estímulo e apoio e que debe ser redactada coa participación deste colectivo para que sexa realmente útil e duradeira”.

 

Lista de premiados e premiadas

Pop e indie: Silvia Penide

Rock: Foxy Freire

Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher

Jazz e músicas improvisadas: Orquestra de Jazz de Galicia

Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram

Música clásica e contemporánea: Vertixe Sonora Ensemble

Folque: Caxade

Música tradicional galega: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Músicas do mundo: Crebinsky

Canción de Autor: Guadi Galego

Música infantil: Brinca Vai!

Electrónica: Croma

Metal: Mutant

Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina

Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Os Modernos

Coros e Grupos Vocais: De Vacas

Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe

Premio Organistrum Festivais: Feito a Man

Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Ábretedeorellas

Premio Honorífico: Antón Corral

 

O mestre artesán e gaiteiro Antón Corral, Premio Honorífico desta edición. © Premios Martín Códax da Música

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.