0 Gardados para despois

Agustín Fernández Paz recibirá unha Homenaxe Nacional o 30 de xuño

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O acto está organizado pola plataforma cidadá ProLingua e será conducido por Rosa Aneiros. Comezará as 12.30 no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo. A seguir celebrarase un xantar, cun aforo limitado a 250 persoas. Os lugares no xantar, que se celebrará no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57) reservaránse "por rigorosa orde de recepción", e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. As reservas faranse no enderezo homenaxeagustin@gmail.com.

Agustín Fernández Paz é unha das persoas que suscita unha simpatía e unha admiración máis unánime en Galicia. Son milleiros e milleiros os adolescentes (e adultos) que ao longo dos anos leron os seus libros, e son milleiros tamén os que destacarán del outras cuestións, coma o seu compromiso coa defensa e proxección da lingua e cultura galegas (hai tres semanas vímolo na Praza da Quintana lendo o manifesto de Queremos Galego) e o seu traballo persoal e apoio noutras iniciativas sociais.

"Claro que se agradecen as homenaxes, pero eu síntome moi agradecido e moi recompensado pola sociedade miña. Agradézoo, pero non facía falla. Se conto as homenaxes dos dous últimos anos, doume por homenaxeado xa"

O propio homenaxeado non soubo até este mércores á noite que Prolingua levaba semanas artellando esta homenaxe, pois coa súa característica modestia xa advertira en máis dunha ocasión que non quería homenaxe ningunha. "Dixéronme que era tan só un pretexto para unha reunión de amigos", di Agustín Fernández Paz, "un xeito de celebrar que vamos maiores, que estamos vivos e que seguimos facendo cousas". Pero o homenaxeado é tallante: "Claro que se agradecen as homenaxes, pero eu síntome moi agradecido e moi recompensado pola sociedade miña. Agradézoo, pero non facía falla. Se conto as homenaxes dos dous últimos anos, doume por homenaxeado xa". Porén, Fernández Paz salienta que o recoñecemento "procede dos amigos, de xente que leva con el toda a vida, compañeiros da viaxe. Vindo deles agradécese moito, porque foron compañeiros da vida"

Rosa Aneiros salienta que esta é unha homenaxe de "amor", de "afecto", máis aló do recoñecemento á calidade e á traxectoria literaria de Fernández Paz

Rosa Aneiros salienta que esta é unha homenaxe de "amor", de "afecto", máis aló do recoñecemento á calidade e á traxectoria literaria de Fernández Paz, amplamente coñecida e que xa foi distinguida por numerosos premios. Aneiros cre, polo tanto, que alén de destacar o Agustín Fernández Paz escritor, e de sinalar a importancia do seu compromiso e traballo a prol da lingua galega e da súa proxección internacional, esta Homenaxe Nacional faise "como un acto de amor", para que el sinta "todo o que o queremos". "Non as persoas que estamos promovendo este acto, senón as lectoras e lectores", engade.

"Eu, que vou a moitos centros de ensino e falo con rapaces que len a Agustín, percibo sempre esa admiración e ese afecto neles e tamén nas persoas que xa non son adolescentes, pero que se criaron lendo as obras de Agustín Fernández Paz", conclúe Rosa Aneiros. A autora conclúe que "nestes tempos nos que todos son malas noticias e nos que todos os días nos erguemos co ceo negro, facer un acto deste tipo, de agradecemento a todo o traballo cultural, literario, lingüístico e humano de Agustín, é un motivo de alegría e no que temos que participar moita xente". 

Xabier Docampo sinala que a dimensión persoal foi a que impulsou a organización da homenaxe, que se quere que teña "moi pouca carga institucional"

Pola súa banda, Xabier Docampo incidiu na mesma idea, en que esta homenaxe é, ante todo, "un acto de afecto" e vai ser "unha demostración de canto se lle quere en Galicia e mesmo fóra dela". Docampo, unha das persoas máis activas da plataforma Prolingua e bo amigo de Fernández Paz, sinala que esta dimensión persoal foi a que impulsou a organización da homenaxe, que se quere que teña "moi pouca carga institucional" e que en cambio sexa "protagonizada por todos os seus amigos e amigas, polas persoas que o queren".

Para Bragado, "a homenaxe é fundamentalmente á súa dimensión moral”

Finalmente, Manuel Bragado, outro dos principais promotores do acto, admite que “promovemos a homenaxe dende o afecto, iso é innegable", pero engade que "non llo facemos só por iso: A homenaxe é fundamentalmente á súa dimensión moral”. O director de Xerais salienta que “Agustín converteuse na últimas tres décadas no símbolo da defensa do modelo de escola galega e do papel do escritor na construción dunha literatura nacional que dialogase co seu tempo" e afirma igualmente que a homenaxe responde, tamén innegablemente "ao seu valor como artista, como ficcionista do que nos sentimos tan orgullosos tantos milleiros de lectores, que teñen o dereito de expresar o seu afecto”.

 

Lido, traducido, premiado, querido

Agustín Fernández Paz ofreceunos o pasado ano Non hai noite tan longa, que obtivo numerosos recoñecementos e xa a está a traballar na que será a súa próxima novela. Neste 2012 chegaron As fronteiras do medo, só uns meses despois de publicarse Fantasmas de luz. Por algo é considerado un dos nosos escritores máis prolíficos, ademais dun dos máis recoñecidos e respectados polo seu compromiso coa lingua, a cultura e o ensino. Un dos máis prolíficos, un dos máis lidos, un dos máis traducidos (hai unhas semanas soubemos que mesmo o van poder ler en chinés), un dos máis premiados (só neste 2012 recibiu os premios da AELG, da AGE e o Losada Diéguez) e, sen dúbida, un dos máis queridos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.