A estrea de 'Muerte al youtuber' abre este xoves o Festival Interplay de Carballo

Gravación da webserie © CIP

Dende este xoves e ata o sábado Carballo convértese na capital estatal das webseries e das novas narrativas audiovisuais para a rede. Comeza a terceira edición do Festival Interplay, con ducias proxeccións, conferencias, conversas e concertos de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Cómpre salientar dous pratos fortes: primeiro, a pre-estrea da longametraxe Estirpe, ópera prima do coruñés afincado en Madrid Adrián Lopez, que aínda non chegou ás salas comerciais e que pretende contar a historia dun cómic de culto que nunca existiu e financiou boa parte da súa produción cunha campaña de crowfunding. E, segundo, a estrea da webserie Muerte al youtuber, que se gravou a semana pasada en Carballo no marco do obradoiro realizado dentro do ciclo formativo audiovisual FormaCIP con David Sainz e Teresa Segura, padriños do CIP e creadores de Malviviendo, unha das pioneiras e máis populares webseries españolas.

A primeira mesa redonda desta terceira edición tratará sobre a creación audiovisual para internet en galego

A primeira tarde do Festival estará dedicada ás webseries e aos contidos dixitais en galego. O programa completo pódese consultar na web do Carballo Interplay. Este xoves, ademais, celebrarase a primeira mesa redonda desta terceira edición, baixo o título de "Hai lingua para o tubo?", coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O colectivo “arteterrorístico” Poetarras; os Páramo Pictures, a produtora lucense que triunfa en internet coas súas parodias de éxitos musicais adaptados ao mundo rural; e as creadoras de Fame, gañadora do premio á mellor webserie en galego do II Carballo Interplay, en 2015, falarán sobre a creación audiovisual para internet en galego e intentarán das resposta a cuestións como que tipo de contidos audiovisuais en galego se fan para internet, por que a súa presenza é tan baixa, se existe unha temática ou algunhas claves en común e cal é o público.

Haberá tamén un piching de futuras webseries, que competirán polo premio ao mellor proxecto de webserie en galego

De igual xeito, haberá un piching de futuras webseries. Víctor Grande, por Dowson e Pillei; Alejandra Piot, Paula Andrade e Iria Rodríguez, por A Espiral de Fibonacci; Oscar Pardo, por Lucas; e os Porco Bravú, por Peter Brandon defenderán os seus proxectos diante dun xurado composto por Xosé Regueira (Concello de Carballo), Nel Vidal (CTNL), Sonia Méndez (Directora do CIP) e Teresa Segura (produtora de webseries) co obxectivo de converterse nos gañadores do Premio a proxecto de webserie en galego, que se convocou por primeira vez este ano e que ten unha dotación de 1.500 euros para a produción de tres capítulos da webserie premiada.

 

Presentación do festival, esta semana © CIP
Gravación da webserie © CIP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.