0 Gardados para despois

'El Partido': Unha historia de corrupción triunfa no Carballo Interplay

Redacción | @prazapublica

Un atribulado candidato en plena campaña con máis corruptelas que habilidades. Así é o protagonista de El Partido, a webserie de Álex Rodrigo que este sábado triunfou nos premios da sección oficial do Carballo Interplay, o festival de series e audiovisual na rede que rematou este sábado, coa súa gala, na capital de Bergantiños entregando ademais un premio inédito, o de honra, na lembranza do humorista Pedro Reyes, recentemente falecido.

"Tanto o xurado como a organización decidiu unamimemente nesta ocasión premiar a unha persoa que xa non está con n ós, pero á que admiramos profesionalmente", sinalou durante a gala a directora do CIP, Sonia Méndez, para xustificar o galardón honorífico a Reyes. O desaparecido actor protagonizaba, precisamente, unha das webseries da sección oficial, Reyes for president, na que o humorista chegaba a dirixir o Goberno de España cun programa sinxelo: "honestidade brutal".

Alén de El Partido, coas súas distincións á mellor webserie de imaxe real e mellor dirección, e da homenaxe a Reyes, os galardóns do CIP do 2016 estiveron especialmente repartidos. Así, Poetarras volveron levar o premio á mellor webserie con versión orixinal en galego cos seus "sketches arterrorísticos". O premio á mellor webserie internacional foi para a suíza Arthur, a historia dun asasino en serie que está en proceso de deixar ese abafante traballo. No eido da animación a distinción foi para Orfanato Atroz, que retrata un universo "esmendrellado e aleatorio".

O CIP dedicou o seu primeiro premio de honra ao falecido humorista Pedro Reyes

Pola banda dos guións o Premio AGAG levouno David Sáiz con El Colega Canario, unha webserie sobre "o típico panoco virxe da vila", e na interpretación a distinción foi para Esperanza Guardado, mellor actriz polo seu traballo en Briget Jon de Triana. O público decidiu que o seu galardón fose para Beto e a súa "vida social limitada". E nos traballos que virán, o premio ao mellor proxecto de webserie en galego foi para Peter Brandon, de Porco Bravú, un falso documental protagonizado polo cómico Pedro Brandariz.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.