0 Gardados para despois

Xosé Lois Romero e Aliboria: un disco para a revolución da “percusión máis rica de Europa”

Redacción | @prazapublica

O vindeiro venres 27 de marzo sairá á venda o primeiro disco da banda Xosé Lois Romero e Aliboria, un álbum que achegará un feixe de cantos tradicionais pasados polo filtro desta nova formación que pretende provocar unha revolución no eido da percusión tradicional, dotándoa así dunha anovadora linguaxe e achegando novas fórmulas sonoras a un amplo conxunto de instrumentos. O disco, que leva por título o nome da propia banda, busca polo tanto amosar “un proxecto evolutivo que poida ser un revulsivo no ámbito musical”, tal e como xa adiantou Xosé Lois Romero nunha entrevista en Praza.gal no mes de xaneiro.

Naquela conversa, Xosé Lois Romero aseguraba que “a percusión galega é a máis rica de Europa”, pero que a diferenza do resto de instrumentos da música tradicional do país, a percusión non chegou a evolucionar e quedou, dalgún xeito, estancada. “Todo os instrumento, comezando pola gaita, viviron unha evolución incuestionable”, explica Romero quen agora, xunto ao resto de integrantes de Aliboria, busca emendar a certa parálise con este novo disco.

Romero atopou un grupo de dez músicos nas aulas que deixaron de ser os seus alumnos para seren compañeiros de grupo e de viaxe

Aliboria nace da man do intérprete, docente e investigador Xosé Lois Romero que, dende fai anos, imparte clases de percusión. Nesas aulas, atopou un grupo de dez músicos agora xa consolidados que, dalgún xeito, deixaron de ser simplemente os seus alumnos e deron o paso para ser compañeiros de grupo e de viaxe. Aliboria formouse así con Alejandra Montero, María Montero, Andrea Montero, Mariana Montero, Cristina Sánchez, Ramón Dopico, Antonio Prado, Jorge García e Cristina.

Este primeiro disco da banda preséntasenos nun estoxo orixinal e cun deseño moi coidado no que o repertorio se divide en nove pistas, nas que se mesturan temas tradicionais individuais con outras a xeito de suites nas que se inclúen varias pezas tradicionais dun lugar concreto da xeografía galega. Referímonos a lugares como Toutón, Seixedos ou Gargamala, que son centros referenciais da recollida e da investigación da música tradicional galega. Así, no disco pódense tamén escoitar temas tan coñecidos como Olvídame ou Xota do Caroi pasados pola reinterpretación de Aliboria, na que se combinan as tímbricas de diversos instrumentos para crear novos patróns rítmicos

O disco gravouse nunha innovadora experiencia durante unha fin de semana con gravacións e pequenos concertos

Este disco, producido por Noa López, gravouse nunha, tamén, innovadora experiencia na Casa Gasamáns (Ames), durante unha fin de semana no mes de xaneiro, na que se alternaron sesións de gravación con pequenos concertos coa presenza de público convidado. Como resultado final daqueles días, chega neste mes de maio o primeiro disco de Xosé Lois Romero e Aliboria, cuxas principais singularidades pasan pola renovación do concepto da percusión, o poder e a calidade das voces femeninas e a combinación da veteranía dun músico como Romero coa chegada dunha nova xeración de músicos que representan o futuro da música.  “As novas xeracións teñen unha enorme calidade e participan do folclore cunha naturalización e espontaneidade que admiro”, sentencia Romero.

Xosé Lois Romero e Aliboria - Toutón

© Xosé Lois Romero e Aliboria

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.