'Bye, Bye, Honey': Teatro "coas vibracións dun concerto de rock"

Rolda de prensa de presentación do musical © Compostela Cultura

O actor César Goldi explica que Bye, Bye, Honey é unha obra escrita e pensada para xente que nunca foi ao teatro. Ou para a xente que non vai a concertos. “A xente que lle gusta ir a concertos, vai ter as mesmas emocións que nun concerto de rock and roll, pero polo medio vanlle contar unha historia teatralmente. E, ao revés, a xente que está moi afeita a ir ao teatro e non vai a concertos de rock, vai ter a oportunidade durante unha obra de asistir e de recibir as vibracións dun concerto”, explica.

Un musical rock que conta a historia "dunha rapaza de barrio que non é un anxo nin un demo e que cando decide deixar a súa casa e a súa familia comeza un camiño incerto e perigoso, rodeada por todas partes de lumpen, pachanga e rock`n roll”. E que poderá verse poderá verse este venres e sábado ás 20.30 no Teatro Principal de Compostela.

“É unha obra quizais non feminista, pero si antimachista" -di Goldi- "A esta rapaza pásanlle as típicas cousas que lle pasan a unha persoa que quere buscarse a si mesma, que quere buscar o seu lugar no mundo, que se ten que enfrontar a situacións ben fodidas. Pero a iso tes que sumarlle que é unha muller, tendo que loitar contra abusos e ataques pola súa condición de muller". "As cousas que lle van sucedendo á protagonista, as persoas coas que se atopa, as cousas que lle din, todo iso fai que o espectador sinta que está dentro desa situación, neses lugares, como dicía Camilo Franco", engade.

"A obra, a pesar de falar dun mundo suburbial e duro, é unha peza moi divertida, que pasa da diversión ao melodrama, e de volta á diversión. No fondo é moi optimista, moi vitalista"

As cancións interpretadas en directo (cunha banda ao completo) son a constante que acompañará á historia e aos personaxes, con música que abrangue estilos musicais diversos e variados, desde rancheiras ata heavy metal, dende o blues ata o góspel, ou dende a pachanga ata o rock. "A obra, a pesar de falar dun mundo suburbial e duro, é unha peza moi divertida, que pasa da diversión ao melodrama, e de volta á diversión. No fondo é moi optimista, moi vitalista. A conclusión é que 'por onde hai que comezar é por un mesmo' e que se non pelexas por ti mesmo ninguén o vai facer", conclúe

A obra, escrita e dirixida por José Prieto, conta coas interpretacións de César Goldi, Iolanda Muíños, Fran Facal e Ramón Orencio. Obtivo o galardóns ao mellor espectáculo na edición 2014 do Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA), así coma os premios á mellor música orixinal para Carlos Mosquera Mos e ao mellor actor secundario para César Goldi nos Premios María Casares 2014 (ademais das nominacións a mellor texto orixinal, actriz protagonista e espectáculo). Despois do seu paso por Compostela o musical, da compañía Obras Públicas, chegará á Coruña, onde estará o vindeiro 3 de xuño (no Teatro Rosalía de Castro).

Rolda de prensa de presentación do musical © Compostela Cultura
Unha imaxe da obra © Obras Públicas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.