Un grolo "senlleiro" para Os da Ría máis "díscolos"

Imaxe promocional d'Os da Ría © Os da Ría

No outono de 2010 Os da Ría convocaban os seus incondicionais a unha cita agridoce. Na compostelá e xa desaparecida Sala Nasa íase celebrar o "concerto de despedida" do grupo formado por Arturito Puy e Fabián Santomé, os alter egos de Carlos Meixide e Tomás Lijó, que levaban xirando xa anos dabondo polos escenarios e decidían poñerlle punto e final á súa carreira musical. Pero cando dende as bancadas do público se berraba "non á disolución", Os da Ría tranquilizaron aos seus "fans e fáas". Aquel recital da Nasa era só o inicio da que, agardaban, sería unha "longa xira de despedida". Baixo o título Chinchín por Os da Ría esa nova andaina xa vai case polos dous anos, con moito de xira e pouco de despedida. E agora, Os da Ría engádenlle un elemento máis: un disco, e unha intención, a procura de apoio entre o seu público.

Non resulta doado atinar coa descrición deste dúo e da súa banda. A medio camiño entre a música e o humor construíron dous personaxes amantes das "cantarelas", pero máis de "vivir ben", cun repertorio no que destacan temas como Infanta Elena, Chinchín polo borrachín do pueblo ou Alberto Núñez Feijóo, interpretados nunha particular reviravolta da lingua galega. Na súa orixe foron todo "un invento de preparar sketches" nas Ultranoites da Nasa, "un espazo de liberdade" que, di Lijó, "ensinounos unha maneira de traballar e de disfrutar coa escena".

Os da Ría nacen na Sala Nasa, dende a que se lanzaron dous personaxes amantes das "cantarelas" interpretadas "en galegueiro"

Pero Os da Ría son máis de falar en "galegueiro". Para mostra, o xeito en que Fabián (Tomás Lijó) explica as motivacións da súa aventura discográfica: "levamos dous ans coa despedideira e o contáctolo direuto con o púbrico enchereleunos de ledicia e de enerxívia". Eles, lembra, ficaron encantados coas "xoldras" nas que "compartillelar as cantarelas de os vosos soños e dos vosos recordos", pero "deprocatámonos que a xenteliña botaba en fáltola poder escoitarelar os grandes xites de toda unha vida en os seus chaleises, caseliñas de campo ou de vacacións, ou nos seus audis". Polo tanto, que mellor que culminar a súa carreira coa "píngola perfeuta", e "abandoarelar" os "esceairos" cun "díscolo que compunxa toda esa morea de grandes xites" e mais algún que outro "témola iñédito". O dito, en galegueiro.

Pero, como lles deu a dous amantes do bo vivir por tentar gravar un disco pedíndolles cartos aos seus fans? Acudiron á plataforma de crowfunding Verkami non por eles, senón "por os vóscolos e por as vóscolas". "Nós non temos emproblemeiros de diñeiro", "que máis nos ten 5.000 éuerolos máis ou 5.000 éurolos menos -cantidade fixada na plataforma Verkami para botar a andar o disco-?". "Pero este contáctolo con o púbrico de os últimos ans devenguiunos o deprocatarnos de que a xenteliña quere ser partícipe de os nóscolos". Así, "se o púbrico non o enquere, non haberá disco díscolo". Pero, xunto a esta intención, non é menos certo "que a Conselleireiría de Cultura nos endebeda os xites de as letras galegueiras de os últimos ans e os nosos audis consumerelan cada vez máis diñeiro". Todo un problema.

"Pensamos que dentro do seu universo Arturito e Fabián terían invertido parte da súa fortuna en viñedos"

Quen se anime a colaborar non só vai ter como recompensa escoitar o disco cando este sexa unha realidade. As posibles achegas van dende os 10 ata os 1.500 euros, e entre o abano de "recompensas" que poden recibir Os da Ría figura dende unha entrada para un concerto a finais de ano ata o propio disco e tamén unha ou máis botellas dun viño ben especial. Para explicalo, Tomás Lijó deixa a un lado por un intre ao seu "humilde" Fabián Santomé. "Pensamos que dentro do seu universo Arturito e Fabián terían invertido parte da súa fortuna en viñedos" e, no camiño, "coñecemos a Manolo, o colleiteiro e adegueiro da Adega María do Pilar, en Castrelo do Miño". Alí prodúcese un viño tan descoñecido como bo e cun nome ben acaído para Os da Ría: Senlleiro, elixido por ser a última palabra que Domingos García Sabell introduciu no dicionario da lingua galega. "O entendemento foi tal que puxemos a andar unha campaña conxunta que queremos que vaia moito máis alá desta". Ademais, "non queríamos articular a campaña como unha petición de axuda". "O recurso ao esforzo dos demais en causas alleas penso que está xa demasiado explotado, especialmente polos que nos desgobernan, así que andabamos buscando facer, dalgún xeito, venta anticipada que xustifique a colaboración"

Antes de rematar a conversa, Lijó recupera a Fabián para animar, "con moito caríñolo", a participar na campaña, que tamén inclúe unha serie de vídeos "que iremos soltarelando na redeira aos póucolos nestes 40 días de campáñola". "Mais endebeides de ser os vóscolos e as vóscolas os que vos en animeides, contarelándolle a todo o mundo sobor de os paques que mercadeláchedes para cumpridelar con o exemplo". "E ti, por que paque te endecidiches", interpela.

 

Imaxe promocional d'Os da Ría © Os da Ría

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.