0 Gardados para despois

"ACadaCanto quere ser como un refuxio nun mundo que nos impón un ritmo de vida antinatural"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Hai poesía en todo momento, mira como morre o sol". Así o di Xabier Díaz en A Lírica do silencio, un dos doce temas de ACadaCanto. E este só verso resume ben o sentido de todo o disco: a procura da beleza como acubillo, nun mundo que impón ritmos vitais que queiman o tempo para gozar das cousas pequenas. Xabier, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero conflúen, por primeira vez, os catro xuntos neste proxecto, que presentan en Compostela o vindeiro día 13, ás 21:00 horas no Teatro Principal.

O disco lembra outros traballos anteriores do selo Músicas de Salitre, como Espido ou Arrolos de salitre, na aposta pola sinxeleza, non si?

Si, é marca da casa. Ninguén debería esperar algo radicalmente distinto do que fixemos antes. Temos esa querenza pola sinxeleza, pensamos que moitas veces menos é máis. É unha estética á que tratamos de ser fieis.

Seica o disco naceu do encontro entre os catro no Terra de soños de Fuxan os Ventos. É así?

Guadi e Xabier coincidiran antes en formacións de tipo tradicional e outros proxectos que non tiveron un reflexo discográfico. Guadi e eu coincidimos en Berrogüetto e en Espido, Xosé Lois e Xabier en Nova Galega de Danza, e os catro no Terra de soños. E así xorde ACadaCanto, como un xeito de facer confluír todo ese traballo compartido nun proxecto común.

Os textos son pequenos poemas. E o disco ten que ver coa busca da poesía, da beleza, coa reivindicación das cousas pequenas, non si?

Si. Buscamos a poesía na casa, quero dicir, nos textos que escribiron Guadi e Xabier; na música tradicional, que é un referente indispensable para nós, e na
literatura de autor: Xosé María Álvarez Blázquez e Carlos Rivero Troncoso. Tamén inclúe o disco dúas letras de autores máis actuais: Santiago Auserón e Vitor Ramil. A idea era, si, buscar a beleza trasladada á escrita.

Os versos están cheos de referencias á natureza e, en especial, ao mar. É un pouco a man de Guadi?

Eu creo que a de todos, que somos todos de costa. De feito, que o selo se chame Músicas de Salitre non é casualidade. Para todos nós o mar é moi importante, unha referencia vital.

Un dos temas fala de como chegamos a desesperarnos por estragar tres minutos nun engarrafamento. E da necesidade de parar, ollar as cousas importantes como os afectos... Baixo a sinxeleza, propoñedes unha reflexión sobre o xeito en que vivimos. É así?

Si, as letras salientan os pequenos detalles, as cousas indispensables como o amor... No tempo no que vivimos, no que miras un xornal e danche ganas de tirarte a un pozo, o disco quere ser como un refuxio. Nun mundo no que se nos impón un ritmo antinatural de vida que nos fai andar sempre correndo e sen tempo para as cousas esenciais.

Nuns temas destaca máis a guitarra, noutros o acordeón, a percusión está sempre aí... Como concibistes o disco neste aspecto?

En realidade aínda que levabamos as ideas da casa fixemos moito traballo os catro xuntos no local de ensaio, onde fomos decidindo e poñéndonos de acordo. Si é certo que hai como certa compensación entre o protagonismo dun instrumento nun tema e doutro no outro.

De igual xeito, na maioría cantan xuntos Guadi e Xabier. Por certo, o tema da letra de Santiago Auserón, A misteriosa, soa un chisco distinto ao resto.

Pode ser. Tanto ese tema como Astronauta lírico de Vitor Ramil xa os tocaramos antes, no programa que facemos Xabier e eu na Radio Galega, os domingos ás doce da noite, Tres peixes voando. Neste programa acabamos sempre con versións nosas de temas moi variados, e estes dous en concreto gustábannos especialmente a nós, e funcionaron moi ben co público.

Presentades o ACadaCanto como un proxecto efémero. Agora tedes varios concertos polo país, e despois xa se verá?

Pois si, dis ben. Temos máis concertos xa acordados, pero sen data fixada. Cando acabemos a xira non sabemos que pasará, xa veremos. En principio non pensamos que o proxecto vaia ter continuidade discográfica, pero non sabemos. Seguro, iso si, que vamos seguir coincidindo. Iso si, que sexa os catro a un tempo, vai ser máis difícil.

ACadaCanto

©

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.