0 Gardados para despois

Actriz brasileira, director portugués e realizador galego para xulgar as mellores curtas en Bueu

Redacción | @prazapublica

Os derradeiros días do verán son días de cinema en Bueu. Do 10 ao 18 de setembro pasarán pola vila do Morrazo ata vinte curtametraxes pola sección competitiva da edición 2016 do FICBUEU, o festival de curtametraxes que nesta edición contará cun xurado con marcado sotaque lusófono. Non en van, as persoas encargadas de ditaminar as obras gañadoras serán unha actriz brasileira, un director portugués e mais un realizador galego, segundo vén de confirmar a organización.

Joana de Verona, André Marques e Xoán Escudero mantiveron esta fin de semana a primeira xuntanza para deliberar que traballos levarán os galardóns do festival. A curta gañadora será distinguida con 3.000 euros, mentres que o segundo premio está dotado con 1.000 euros e a mellor curta galega, con 500. Ademais, haberá unha distinción do público, elixirase a mellor curtametraxe de escola e asignaranse diplomas á mellor dirección, guión, actriz, actor, fotografía, dirección artística, vestiario, maquillaxe e perruquería, son, montaxe e música.

Os tres membros do xurado destacan por teren unha ampla experiencia no seu labor profesional. Así, De Verona foi elixida mellor actriz moza no Festival de Estoril e estivo nomeada en certames de prestixio internacional, como os Globos de Ouro ou o Cineport do Brasil. 'Mistérios de Lisboa' ou 'Como desenhar un círculo perfeito' son algúns dos seus filmes máis destacados xunto a 'Rafa', curta gañadora do Oso de Ouro en Berlín.

O FICBUEU celébrase do 10 ao 18 de setembro e na súa sección competitiva participa unha vintena de traballos

Xunto a esta actriz de cinema e teatro e tamén realizadora estará outro realizador que tamén é guionista, o portugués André Marques. Fomado na Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa, traballa tanto a ficción como o cinema experimental e documental. O seu trabalo foi xa distinguido en certames como os de Berlín, Venecia ou Leeds, así como no Berlinale Talents. Un dos últimos recoñecementos que recibiu foi o convite á quincena dos realizadores de Cannes, que suporá a estrea dunha curta no festival francés do 2017.

O xurado do festival boedense complétao Xoán Escudero, historiador da arte e técnico de son en cinema e televisión que leva un bo tempo a traballar como guionista e director de videoclips e curtas. 'Curta nº2' ou 'Efecto Chabrol' son algúns dos traballos de quen tamén é cofundador da produtora 'Y la nave va'. Chega a Bueu, ademais, mentres ultima a estrea da súa primeira longa, 'O tempo futuro'.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.