O Formigueiro: Historia debaixo de historia en Amoeiro

Unha das sondaxes realizadas © Proxecto O Formigueiro

"A tradición costante de Trasalba fala d'un camiño que dend'os fondales do Medelo,levaba pol-a rexión dos Chaos da parroquia e pol-a veiga d'Albeiros hasta o dito coto do Formigueiro. Os habitadores, d'aquela mouras,ían pol-a estrada pra mercar a carne ô coto onde tiñan o despacho". Ramón Otero Pedrayo recolleu algunhas das lendas e historias da zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, moi próximas á propia Trasalba. É esta unha zona de gran riqueza patrimonial, produto do asentamento constante de poboadores, dende a Idade de Ferro e a cultura castrexa, ata os romanos e a Idade Media. 

Hai uns meses a Universidade de Vigo e o Concello de Amoeiro asinaron un convenio de catro anos para estudar o lugar do Formigueiro, onde se atopa o Castelo de Alba de Búbal (que lle dá nome á propia Trasalba), edificado no século XI, derrocado logo polos irmandiños e de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna. Un dos principais obxectivos desta pescuda era documentar a existencia dun castro baixo os restos do castelo, sobre cuxa existencia había varios indicios, evidencias en superficie e referencias toponímicas, recollidas por Otero Pedrayo na súa obra.

A comezos do mes de xullo iniciáronse os traballos arqueolóxicos, coordinados polo profesor de Historia Antiga da Universidade de Vigo Ladislao Castro e dirixidos por Celso Rodríguez Cabo. A intervención, que rematará o día 29, busca ademais a dinamización cultural da parroquia, fomentando a participación da veciñanza e de todas as persoas que de forma voluntaria queiran colaborar na escavación. O equipo que leva a cabo os traballos reside durante todo este mes na propia aldea do Formigueiro e ten en marcha unha páxina de Facebook na que vai relatando o día a día da súa actividade.

As primeiras semanas de traballo deron xa os primeiros froitos, atopando o equipo abundantes materiais en distintos niveis, procedentes de distintas épocas, e confirmando tanto a presenza de habitantes castrexos coma un asentamento romano continuado. "Identificamos tres plataformas no coto do Castelo, e unha cuarta, máis baixa, na que hai unha área moi boa para un asentamento e onde apareceu abundante tella romana. Este asentamento romano non era coñecido, e é moi prometedor", destaca Ladislao Castro. 

Atopáronse ademais restos cerámicos, tanto do século XVII coma cerámicas medievais do século XIV, sobre todo aparellos de cociña, e tamén cerámica castrexa, con decoración. Igualmente, recolléronse metais -coitelos, cravos...-, moedas e restos de carbón "moi útiles para identificar cronoloxicamente os niveis". O equipo levou a cabo un levantamento topográfico, que servirá para futuros traballos, e ademais estudou os restos tanto do castelo coma dunha capela e dunha necrópole do século IX que tamén se atopa neste lugar.

Ladislao Castro destaca a "activa participación do Concello, comezando polo alcalde" e a colaboración que en todo momento lles están emprestando os veciños e veciñas", afondando nun dos obxectivos do proxecto: "Dinamizar culturalmente o lugar do Formigueiro". Salienta que este estudo será moi importante para "identificar a orixe e de onde saíron" algún elementos arquitectónicos medievais “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa”, que despois se integraron na arquitectura relixiosa ou civil de Amoeiro, coma por exemplo un relevo hoxe situado no lavadoiro de Fontefría, próximo ao coto do Formigueiro.

O proxecto completarase nos meses restantes do ano co estudo e análise dos distintos achados do traballo de campo, a elaboración e presentación dunhas conclusións, así coma a súa difusión. O convenio poderá prorrogarse nos vindeiros anos e inclúe a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Amoeiro que sexan de interese mutuo. Prevese igualmente a posibilidade de levar a cabo actividades académicas relacionadas con estes proxectos. Tamén se incorpora a elaboración, redacción e posta en funcionamento dun plan director para o conxunto histórico e patrimonial de Formigueiro.

 

As escavacións realízanse na zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño © Proxecto O Formigueiro
Traballos no basamento do castelo © Proxecto O Formigueiro
Traballos de limpeza da cerámica atopada © Proxecto O Formigueiro
Relevo da Idade de Ferro con motivos xeométricos, situado no lavadoiro de Fontefría, próximo ao Formigueiro © Proxecto O Formigueiro
Ladislao Castro será o coordinador do proxecto arqueolóxico © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.