Cinema na Praza fará que os ourensáns pasen os luns baixo a lúa

Cartel do ciclo Cinema na Praza do Cineclube Padre Feijóo de Ourense Dominio Público Praza Pública

Como cada verán en Ourense, o Cineclube Padre Feijóo sacará as súas proxeccións á rúa durante este mes de agosto co ciclo Cinema na Praza. Este ano serán os luns os días elixidos para as proxeccións de balde na praza de San Marcial, todas a partir das 22 horas, se o tempo o permite.

A primeira sesión, este luns día 1, será de curtametraxes, con filmes dirixidos aos máis pequenos. O luns 8 proxectarase Tangerine (Sean Baker, 2015) no que  a prostituta transxénero Sen-Dee Rella, que acaba de cumprir unha sentenza en prisión, atópase coa súa amiga Alexandra, que a informa de que o seu noivo Chester estivo a enganala, e xuntas percorren a cidade para descubrir a verdade.

O Cineclube Padre Feijóo saca as súas sesións de balde á praza de San Marcial os luns ás 22 horas

As dúas seguintes sesións irán destinadas á proxección de clásicos. O luns 22 será As aventuras do príncipe Achmed, (Lotte Reiniger, 1926), filme que narra o desexo dun gran califa de posuír, custe o que custe, un cabalo voador que lle ensina un podeiroso bruxo. E o luns 29 proxectarase O acoirazado Potemkin (Sergei Eisenstein, 1925), película revolucionaria no contido e na forma sobre o motín do buque e a revolución rusa. Estes dous últimos filmes serán musicados en directo polo grupo Caspervek.

Cartel do ciclo Cinema na Praza do Cineclube Padre Feijóo de Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.