Ferrol inaugura con Vari Caramés e as Meninas un espazo permanente dedicado á fotografía

As meninas de Canido © http://poesiaencarnada.blogspot.com.es/

Ferrol conta dende este venres cun espazo permanente de exposición fotográfica. Será na Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester e farao coa inauguración dunha mostra de Vari Caramés centrada nas Meninas de Canido que, ademais, celebran esta fin de semana a súa sétima edición. Faise realidade deste xeito un vello proxecto da cidade, aproveitando o singular espazo abovedado existente no antigo Hospital de Caridade para darlle visibilidade aos traballos fotográficos de autores e autoras de Ferrol e de fóra.

Na presentación da iniciativa, Suso Basterrechea -concelleiro de Cultura- salientou que "a sala pretende ser un referente expositivo fotográfico a nivel estatal, tanto de obra nacional como internacional, así como unha plataforma para dar visibilidade ao potencial que hai na cidade desta arte". E subliñou a magnífica oportunidade inaugurala coa obra dun fotógrafo da cidade e, ademais, de prestixio internacional: “Non se me ocorre mellor forma de arrancar este proxecto que coa exposición do que, sen dúbida, é un dos fotógrafos máis recoñecidos do país e do estado, que había tempo que non estaba entre nós, sendo un dos mellores embaixadores tamén de Ferrol, a súa terra natal”.

A obra que se poderá ver alí dende este venres e ata o 13 de novembro é As Meninas de Vari, un proxecto fotográfico co que Caramés recolleu a actividade da sexta edición das Meninas de Canido, o pasado ano. O fotógrafo quixo subliñar "a compoñente feminista" deste evento cultural pola "cantidade de artistas mulleres que participan no mesmo, con gran calidade e que, no entanto, carecen de visibilidade". "A exposición quere facer tamén unha chiscadela, unha pequena homenaxe a este colectivo", engadiu. Vari Caramés concluíu que esta exposición é “un soño feito realidade”. Por unha banda, porque o Torrente por fin vaia ter unha sala só para fotografía e, pola outra, “por poder achegar o meu grao de area emocional e sentido ao que representan as Meninas de Canido”.

Pola súa banda, Eduardo Hermida -promotor das Meninas de Canido dende o seu inicio- explicou que a exposición marcará "o pistoletazo de saída da fin de semana das Meninas", que chega neste 2016 á súa sétima edición como un evento xa “perfectamente instalado no imaxinario colectivo” e como "exemplo de arte para reivindicar e dignificar o barrio de Canido". Hermida salientou o "innegable potencial turístico" que as Meninas teñen fóra de Ferrol e o interese que esperta noutras cidades de todo o Estado español. “Para min é un regalo, un soño que este proxecto que naceu en 2008, esta guerra de guerrillas, este espírito libertario e internacionalista que son as Meninas sexa recollido por Vari Caramés”, sinalou Hermida. 

Hermida adiantou que este mesmo mes de setembro lles presentará á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, un proxecto para replicar o evento nesa cidade, despois de que o Gobnerno municipal madrileño se interesara pola iniciativa ferrolá.

 

Unha fin de semana de arte ao aire libre

As Meninas de Canido crecen ano a ano como evento cultural, atraendo cada vez máis artistas (cen nesta edición) que deciden encher algunha das paredes do barrio coa súa reinterpretación do cadro de Velázquez ("o primeiro selfie da historia", como subliñou Vari Caramés). Pero, ademais, esta festa cultural que se desenvolve ao longo de toda a fin de semana, rodéase dunha ampla programación na que a música é protagonista e que se estende por todas as rúas e prazas do barrio. 

“O que naceu como proposta para dignificar un barrio acabou revitalizando o dito barrio cos anos e convertendo o evento nunha festa, nunha referencia xa na cidade e incluso no resto do país e no Estado”, salientou Basterrechea, que sinalou que se trata "do evento máis significativo e que obtivo maior calado entre a xente de todos os desenvoltos polo concello, polo que o seu éxito está asegurado nesta nova edición”.

Esta edición contará coa participación duns cen artistas, entre todas as disciplinas, e incluirá como soporte unha selección de 20 portas, catro que serán pintadas a tamaño real e as restantes a escala, coa intención de que se convertan nunha mostra itinerante. Asemade, o director Fernando de France rodará esta fin de semana no barrio para a realización dun documental. Ademais, haberá obradoiros infantís, espectáculos de clown, danza e varios concertos (destacando o de Jamie Fifthring e Skyhooks), ademais da actuación de Carlos Blanco.

 

O libro de Vari Caramés sobre As Meninas de Canido © Concello de Ferrol
As meninas de Canido Dominio Público http://troovel.com/
Eduardo Hermida, cos concelleiros Suso Basterrechea e Bruno Díaz © Concello de Ferrol
Vari Caramés © Galería Marisa Marimón
Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester Dominio Público Praza Pública
As meninas de Canido Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.