Iceberg: a punta da fin do proteccionismo

Fotograma de Iceberg © Praza Pública

Foron varios os cronistas que no último festival de Cannes apuntaban que a temática apocalíptica da tempada cinéfila 2011-2012, a fin do sistema, parece que será substituída nos vindeiros meses por sentimentos positivos como única saída á crise moral e económica que atravesamos. Os nenos son a esperanza, din. Ou iso semellan querer comunicar Moonrise Kingdom, o último de Wes Anderson -de estrea hoxe en España- ou a gañadora da Palma de Ouro, Amour, de Michael Haneke.

Algo de Haneke ten Iceberg, pero non precisamente da súa última e -segundo din- positiva obra. Máis ben recorda a Funny Games ou Caché, pola crueldade que as súas imaxes desprenden, e pola solemne e fría posta en escena

Algo do mestre austríaco ten Iceberg, de Gabriel Velázquez, pero non precisamente da súa última e -segundo din- positiva obra. Máis ben recorda a Funny Games ou Caché, pola crueldade que as súas imaxes desprenden, e pola solemne e fría posta en escena. Di o director salmantino que as súas referencias están en Larry Clark e no Gus Van Sant de Elephant. Non llo imos negar, pois tanto por temática de rapaces fedellos como por estética, eses dous nomes son só algúns a engadir a unha listaxe que ben podería incluír a Antonioni, Víctor Erice ou a un primeiro Ken Loach.

Se cadra o único problema de Iceberg é que, logrando convocar todos estes grandes nomes e apropiarse deles, termina por tomarse demasiado en serio e provoca apatía, querendo voluntariamente agredir o espectador, se cadra tensando demasiado a corda. Tamén ten a necesidade narrativa de ligar as súas tres historias, como se un devir máis libre dos acontecementos non fose resultar cinematográfico. Dito brevemente: segue con excesiva fixeza un guión firme. E, por último, algunhas das súas metáforas resultan un tanto evidentes e simples.

Se cadra o único problema de Iceberg é que, logrando convocar todos estes grandes nomes e apropiarse deles, termina por tomarse demasiado en serio e provoca apatía

Porén, sería un delito non mencionar que, cos seus defectos, é un filme que respira cinema do bo, repleto tamén de moitas virtudes. Pero que conta Iceberg? Máis que desenvolver unha clara liña narrativa, suxire tres emocións ante a responsabilidade de facerse adulto. Unha rapaza escapa dun colexio de monxas, dous nenos dedícanse a matar o tempo molestando os demais, outro deambula sen rumbo no que intuímos é o proceso de superación dunha perda recente. A paterna? O filme comeza co accidente dun coche que non se mostra. Só vemos a sombra do vehículo, abalanzándose cunha velocidade incontrolable cara a súa destrución.

Quen queira ver no filme, como un servidor, unha metáfora da fin do estado de benestar, ten elementos máis que de sobra para establecer esta interpretación

Quen queira ver no filme, como un servidor, unha metáfora da fin do estado de benestar, ten elementos máis que de sobra para establecer esta interpretación. Non existe un só adulto na película, como se estes estivesen extintos por unha praga -ben a podería ter programado Sitges como filme apocalíptico, case de zombis-. Ante o panorama de nulo proteccionismo, xorde a dinámica da xungla. O home é un lobo para o home. Neste punto, a cinta achégase a O señor das moscas, no seu afán de erixirse como bisturí sociolóxico da mocidade, cos seus bullies e vítimas cando non os miran no patio do cole. É un filme sobre a responsabilidade do libre albedrío, se é que algo así existe, ou iso parece representar o protagonista cando, escopeta en man, decide finalmente non vingarse dos seus maltratadores.

Poucas películas recentes son tan crueis e provocan unha sensación de desamparo tal. Parte da culpa téñena os rapaces protagonistas, actores non profesionais que foron elixidos a través dun curioso proceso de vídeos de YouTube, promulgado dende varios institutos de Salamanca, onde se rodou enteiramente Iceberg. Unha das localizacións é un negocio de aluguer de barcas, como -por pura casualiadade- na maxistral Himizu, do xaponés Sion Sono; rodada co desastre de Fukushima como tema de fondo, e que conta tamén cunha parella de intérpretes adolescentes excepcionais. Ambos son filmes tamén sobre esa responsabilidade da mocidade de reinventar un sistema apodrecido, só que Velázquez e Sono non semellan ter nela as esperanzas dos máis recentes Anderson e Haneke.

O sentimento de desamparo e inseguridade que provoca Iceberg é algo a destacar

O sentimento de desamparo e inseguridade que provoca Iceberg é algo a destacar. As súas imaxes, ao longo dos seus 85 minutos, transmiten unha angustia difícil de definir, unha tensión que non deixa ao espectador acomodarse na butaca. Esa descrición dun ambiente malsán e desesperanzador é a principal virtude dun filme que non está feito para aqueles que non gusten de sentirse violentados na sala escura. Gocen dela, mais non compren flocos de millo, que se atragoan.

Fotograma de Iceberg © Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.