'Sicixia', seleccionado na sección oficial do Festival de Toulouse

O filme, dirixido por Ignacio Vilar, chegará ás salas o vindeiro 25 de novembro © Via Láctea Filmes

Sicixia (Vía Láctea Filmes), a película dirixida por Ignacio Vilar, foi seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). O filme, que busca poñer en valor "o inigualable patrimonio material e inmaterial" da Costa da Morte así coma o Rapa das Bestas de Sabucedo, foi seleccionado entre 128 longametraxes de ficción españolas e competirá finalmente con 6 traballos na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés. Sicixia opta á Violette d'or, premio que o festival entrega á Mellor Longametraxe, e tamén aos galardóns a Mellor director, Mellor actor/actriz protagonista, Mellor guión, Mellor fotografía, Mellor banda sonora e ao Premio do Público.

Para os responsables desta produción, "a participación dun filme 100% galego neste prestixioso certame supón de antemán un notable recoñecemento ao noso cinema e contribuirá á difusión da nosa lingua e da nosa cultura"

O filme chegará ás salas comerciais o vindeiro 25 de novembro. Para os responsables desta produción, "a participación dun filme 100% galego neste prestixioso certame supón de antemán un notable recoñecemento ao noso cinema e contribuirá á difusión da nosa lingua e da nosa cultura".

Cómpre salientar que xa o pasado ano A Esmorga, o celebrado e premiado filme de Vilar, tamén producido por Vía Láctea, participou neste festival francés, facéndose cos galardóns ao mellor director (Ignacio Vilar), mellor actor protagonista (ex aequo Karra Elejalde, Miguel de Lira e A. Durán "Morris") e mellor fotografía (Diego Romero Suárez-Llanos).

Sicixia proxectarase dúas veces en Toulouse no marco do certame: o luns 3 de outubro ás 18 horas e o xoves 6 de outubro ás 19.15, precedido dun coloquio no que o filme será presentado por Ignacio Vilar e polo seu actor protagonista, Monti Castiñeiras.

O filme, dirixido por Ignacio Vilar, chegará ás salas o vindeiro 25 de novembro © Via Láctea Filmes
Un momento da rodaxe, en Muxía © Via Láctea Filmes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.