Morre Fernando Acuña Castroviejo, a paixón pola arqueoloxía

Fernando Acuña Castroviejo © Xurxo Lobato

Esta noite faleceu aos 71 anos de idade o catedrático de Arqueoloxía Fernando Acuña Castroviejo, profesor da USC dende o ano 1968, membro da Real Academia Galega dende 1972 e da Real Academia Galega de Belas Artes. Vinculado ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego e era vicepresidente do seu padroado. A capela ardente instalouse no Tanatorio do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e o funeral e posterior enterro terán lugar este mércores ás 12 horas en San Andrés de Trobe (Vedra).

Fernando Acuña Castroviejo naceu en Santiago en 1945. Aínda que comezou a cursar a carreira de Ciencias, abandonouna para atender a súa verdadeira vocación e inscribirse na licenciatura de Filosofía e Letras, sección de Historia, da Universidade compostelá. Grazas á súa integración no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que proseguiu parte do labor do Seminario de Estudos Galegos, puido desenvolver a súa paixón pola arqueoloxía, xunto aos seus compañeiros J. Carro Otero, M. Carlos García Martínez e J. M. González Reboredo, e coas leccións de Fermín Bouza Brey.

O castelo compostelán da Rocha Forte, o Castro Neixón en Boiro e as Torres do Oeste de Catoira foron algunhas das súas primeiras escavacións

As súas primeiras incursións arqueolóxicas comezaron no sitio medieval do castelo compostelán da Rocha Forte, onde volvería traballar posteriormente coa doutora Raquel Casal. En 1973 acadou o Doutoramento en Historia, coa tese Galicia romana: artes plásticas, dirixida por Alberto Balil, que será o seu mestre, con quen inicia as escavacións do Castro Neixón en Boiro e as Torres do Oeste de Catoira, momento no que se reprograma a investigación en Arqueoloxía en Galicia. Acadou a súa cátedra en Arqueoloxía en 1987, desempeñándoa até a súa xubilación en 2015.

Polas súas clases pasaron gran parte das novas xeracións de historiadores galegos

Docente de historia antiga, arqueoloxía clásica, numismática e epigrafía, polas súas clases pasaron gran parte das novas xeracións de historiadores galegos. A súa obra é unha referencia na arqueoloxía do Noroeste peninsular, tendo traballado en xacementos de toda Galicia, norte de Portugal e Asturias. Sempre tivo moita relación cos investigadores portugueses, abrindo o estudo arqueolóxico alén do Miño, a todo o territorio da antiga Gallaecia. É autor dunha ampla bibliografía, traballou en numerosos proxectos nomeadamente galaico- romanos, mais tamén do megalitismo, arte rupestre ou medievo. 

"Máis alá da dedicación profesional, hai que destacar a súa entrega e o seu compromiso como cidadán consecuente con Galicia", salientan dende o Museo do Pobo, do que foi un dos fundadores

Cando en 1976 se crea o Museo do Pobo Galego foi un dos seus fundadores, ocupando actualmente o cargo de vicepresidente do seu Padroado. "Máis alá da dedicación profesional, hai que destacar a súa entrega e o seu compromiso como cidadán consecuente con Galicia o que manifestou coa súa participación en diversas iniciativas para un mellor coñecemento da personalidade colectiva e cultural do país. Entre elas, o propio Museo", destacan dende a institución. 

A Real Academia Galega, da que era membro correspondente dende xaneiro de 1972, expresou a través do seu presidente Xesús Alonso Montero o seu "pesar", lembrando "a boa disposición que sempre amosou para colaborar coa Academia". Tamén o fixeron os responsables da Real Academia Galega de Belas Artes, na que ingresou en 2013 pronunciando o discurso "O coleccionismo en Galicia entre finais do século XIX e principios do XX. Ricardo Blanco-Cicerón e o seu legado".

 

Fernando Acuña Castroviejo © Xurxo Lobato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.