O Curtocircuíto 2016 traerá a Compostela a Abel Ferrara e un total de 65 filmes

Abel Ferrara CC-BY-NC-SA antje verena

O Festival Curtocircuíto presentou este martes os detalles da súa edición 2016, que se celebrará en Compostela entre os días 3 e 9 de outubro. Ás xa habituais proxeccións no Teatro Principal e na sala NUMAX, concertos na Sala Capitol e actividades formativas no CGAC e o espazo Unitaria, únese este ano Riquela, unha sala de concertos recentemente inaugurada na rúa do Preguntoiro. Deste xeito, o festival continúa abríndose á cidade con diversas propostas de carácter multidisciplinar, onde a música, os live cinemas e os obradoiros acompañarán ao programa de proxeccións audiovisuais.

O gran número de películas inscritas a competición, 1.171 procedentes de 77 países, representan unha boa mostra da saúde do certame. Finalmente, o equipo de Curtocircuíto realizou unha escolma de 65 filmes, de 19 nacionalidades diferentes, para participar nas categorías Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ. Nesta edición obsérvase un incremento na porcentaxe de mulleres directoras na sección competitiva, acadando o 32.4% do total. En categorías como Planeta GZ esta porcentaxe increméntase ata o 48%.

Nesta edición obsérvase un incremento na porcentaxe de mulleres directoras na sección competitiva, acadando o 32.4% do total. En categorías como Planeta GZ esta porcentaxe increméntase ata o 48%

Dentro da sección Radar, que presenta algúns dos traballos máis representativos do panorama internacional, poderanse ver os traballos de directores de relevancia internacional como Mark Rappaport, Erin Vassilopoulos, Gabriel Abrantes, Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, ademais do galego Alberto Vázquez, quen presenta en Galicia o seu último traballo Decorado, recentemente proxectada no festival de Toronto. A sección Explora, que presenta pezas que dilúen a idea convencional do cine mediante a exploración de sendas innovadoras, próximas ao cine de vangarda, tamén haberá presencia galega, cos traballos de Alberte Pagán (A fundamental error) e Helena Girón (co-directora xunto a Samuel Delgado de Montañas ardientes que vomitan fuego).

Na sección Radar poderanse ver os traballos de directores de relevancia internacional como Mark Rappaport, Erin Vassilopoulos, Gabriel Abrantes, Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, ademais do galego Alberto Vázquez

Este ano, a sección Penínsulas pasa a ser competitiva, e a película gañadora estará cualificada automaticamente para os premios Goya. Unha selección que recolle seis dos filmes españois máis destacados da tempada. Mentres, o apartado Planeta GZ recolle unha escolma de películas representativas da heteroxénea escena audiovisual galega, con traballos de cineastas como Carla Andrade, Lucía Vilela, Eloy Domínguez, Xurxo Chirro ou Diana Toucedo.

Ferrara e Loznitsa

Curtocircuíto terá dous convidados de excepción: o cineasta norteamericano Abel Ferrara e o documentalista ucraíno Sergei Loznitsa visitarán Compostela. Ferrara chegará a Curtocircuíto en calidade de programador, realizando unha escolma especial para o festival compostelán na que se poderán ver algunhas das obras que considera fundamentais na súa formación como director. O norteamericano tamén protagonizará un encontro co público do festival no Teatro Principal, onde tamén presentará algunha das pezas que dirixiu nos anos 70. Por outra banda, a retrospectiva deste ano está dedicada a Sergei Loznitsa, matemático de formación, quen, despois de traballar no Instituto Cibernético de Kiev comezou a dirixir documentais con grande éxito en 1997. A retrospectiva de Lonznitsa ofreceralle ao público a rara oportunidade de realizar un percorrido pola súa exquisita filmografía.

Obradoiros

O CGAC acollerá tres obradoiros, impartidos por Jonathan Rosenbaum, Xabier Erkizia e Javi Álvarez

O CGAC acollerá tres obradoiros, impartidos por Jonathan Rosenbaum, Xabier Erkizia e Javi Álvarez. O crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum, quen visita Galicia por vez primeira, impartirá The Impossible Cinema, un obradoiro no que se estudarán filmes que cuestionan os límites convencionais do cine. Xabier Erkizia será o encargado de impartir Sobre la música y los ruidos, reivindicando o valor do son como un vehículo de linguaxe e expresión en si mesmo que, tradicionalmente quedou supeditado á hexemonía da imaxe no ámbito cinematográfico. Finalmente, o compostelán Javi Álvarez impartirá o seminario Todo va a ser diferente, sobre procesos de experimentación audiovisual, orientados a xerar recursos que podan integrarse na vida cotiá dos asistentes, partindo do uso de obxectos obsoletos, enxeñería doméstica, reciclaxe e circuit bending (modificación de xoguetes electrónicos). E, por último, UNITARIA acollerá un obradoiro para nenos e nenas enfocado a explorar e comprender a percepción do movemento dos nosos ollos a través da animación, que leva por título Xoguetes Ópticos. O cinema antes do cinema.

Concertos e live cinemas

No apartado musical, a asociación compostelá La Melona, que ten como obxectivo ofrecer contidos novos, innovadores e de calidade, e funcionar como unha ponte coa cultura e os artistas de Portugal, presentará na sala Riquela unha noite de música, protagonizada polo grupo valenciano Siesta!, o DJ portugúes Dragão Inkomodo e o DJ compostelán La Isla del Tesoro. O artista compostelán Juanma LoDo ofrecerá no Mercado de Abastos un espectáculo que busca romper a liña que separa o artista electrónico do público, convidándoo a descubrir o mundo que se atopa detrás da produción da música electrónica. Ademais destas propostas, en breve serán anunciados os dous concertos que Curtocircuíto realizará en colaboración con WOS, dous dos pratos fortes da programación musical desta edición.

Nos live cinemas, os artistas visuais e sonoros explorarán as posibilidades expresivas da súa colaboración cos cineastas construíndo películas en vivo ao tempo que os músicos que os acompañan crean unha banda sonora en directo

Por outra banda, nos live cinemas, en actuación en vivo os artistas visuais e sonoros explorarán as posibilidades expresivas da súa colaboración cos cineastas construíndo películas en vivo ao tempo que os músicos que os acompañan crean unha banda sonora en directo. Explorando a hibridación entre cine e música, chegaran dúas propostas ao Teatro Principal compostelán: Lena Willikens e Sarah Szczesny presentarán Phantom Kino Ballet, o seu esperado novo espectáculo, un collage en vivo que combina música electrónica, sons, esculturas, teatro de marionetas e proxeccións. How to become nothing de The Legendary Tigerman e Pedro Maia amosará unha viaxe psicodélica polo deserto de California, onde Tigerman executa a banda sonora en directo mentres Pedro Maia manipula imaxes cinematográficas en tempo real.

Un live cinema será tamén o encargado de inaugurar o festival; concretamente a estrea en Galicia de Mecatrónica de Música Prepost, dúo formado por Fran Torres (Millonesdetrillones) e Pablo Peña (Pony Bravo, Fiera). Actuarán o 29 de setembro na Sala Capitol nun evento de entrada libre. Javi Álvarez, o home detrás de proxectos como Fluzo, Dúo Cobra ou Néboa presentará o seu último espectáculo Cando prácticas e non practicas na Sala Riquela, nunha banda sonora en directo para pezas de vídeo rexistradas en formatos magnéticos.

O programa presentouse este martes en rolda de prensa © Concello de Santiago
O crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum impartirá un dos obradoiros © Curtocircuíto
Abel Ferrara CC-BY-NC-SA antje verena
Sergei Loznitsa CC-BY-SA Petr Novák

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.