A familia do Sr Anido e a Sra. Álvarez: Extraterrestres, buracos negros e Kurosawa

Javi Álvarez e Rafa Anido © Luís Díaz

A guitarra de Rafa Anido (Sr.Anido) e os trebellos de Javi Álvarez (Fluzo, Dúo Cobra...). Os universos complexos dun e doutro. Que podía xurdir desa suma? Vén de publicarse 18 (Prenom / Grabaciones de Impacto / Porno / Bajoelvolcán, 2016), un LP con nove temas que navegan entre o surf, o shoegaze, o garaxe e a electrónica, configurando nas súas letras e personaxes un mundo propio.

O proxecto comezou a xestarse hai máis de cinco anos nun concerto na Casa das Atochas de Sr.Anido e Fluzo. O centro social coruñes foi derrubado pouco despois, pero o encontro serviu para dar forma a unha unión musical que agora amosa o seu resultado. Por 18 transitan extraterrestres, Will Smith, Akira Kurosawa (a través de Dersu Uzala), o boxeador Marciano Balboa e mesmo un idioma inventado co que Anido compón unha canción enteira -Mimatis mones ti mi-, que abre o disco, cunha edición moi coidada e deseño a cargo do propio Javi Álvarez. Variedade de estilos, humor, fondas reflexións, frescura, orixinalidade e talento, a cargo de dous dos músicos máis creativos da música popular galega.

Que vos uniu? Que foi o que vos fixo dicir: "quero gravar un disco con este tío"?

Rafa Anido: Só tiña referencias de Javi por Fluzo, pero para nada sabía todo o que me ía atopar. Pensaba nun animal escénico, ou preguntábame como podía usar toda aquela cacharrada no directo de Fluzo, ducias de aparatos de todo tipo conectados. Pero cando cheguei á Follable (o estudio) descubrín que tamén lle daba á gastronomía, ao alcohol de taberna, o tabaco, gustaba dunha variedade ampla de estilos musicais coma eu (Gories, Peyotes, Boards of Canada, Suicide, Stooges, Motorhead, Los Caramelos....), era un licenciado en belas  artes e sabía manexar unha multitude de intrumentos creativos que eu descoñezo totalmente (video, 8 bits, mac, pro tools......),Eu non sei nin as notas musicais e o meu primeiro ordenador persoal compreino agora fai uns meses.

Javi Álvarez: Foi aquel concerto de Fluzo e Sr. Anido na finada Casa das Atochas. O último alento do centro social foi a vez o nacemento do proxecto. Non sei, podemos dicir que foi un pálpito.

O resultado vosa unión é máis que a suma das partes? Que aportades cada un ás cancións? Que aprendestes un do outro?

R: Eu penso que formamos un corpo cos órganos dos dous, ou como me pasou xa con Rubén de Prenom formamos un ser cos dúas mentes. Eu aportei a miña creatividade, falta de instrumentos e orientación, alí o atopei na Follable. O que mais aprendín ultimamente, aínda que soe pedante son conceptos artísticos e reforzos mentais que tanto necesito para afrontar o día a día e entender o mundo e a xente.

J: Por suposto, a música non se basea en equivalencias. O disco é un remexido intenso de composicións libres, sons renegades, arranxos experimentais e trangalladas varias. Fomos intercambiando roles sen ningún tipo de atadura. De Rafa aprendín que o ostinato é sexy, a fuxir das patacas de regadío e que a sesta non é un atraso. Nesa orde.

Estades satisfeitos co resultado? É o disco que tiñades na cabeza? Ou nunca tivestes un modelo pechado de como ía ser o traballo final?

R: A cousa foi crecendo con paso dos meses,eu nunca estou pechado a nada, aínda que por momentos Alvarez plantexoume e me plantexa cousas que me tolean a cabeza. Pero o cabrón ó final sempre ten razón.

J: Si, pero en absoluto críamos que sería así. Eu pensaba en facer unha gravación de campo rexistrando un directo de Rafa, vaia, expectativas vs. Realidades, un temazo. É curioso a insistencia de tantos grupos  en querer soar a eles mesmos -que alguén me explique o contrario- pero a vez teñen moi claro o formato, produción e contido das cancións. É o paradoxo dos pratos personalizados nos restaurantes de comida rápida. Vaia, as músicas de xénero son, cantos menos, tristes.

Hai cancións que soan máis shoegaze, outras máis surf, outras máis garage, electrónicas... Que etiqueta lle poñedes ao disco? Hai necesidade de definilo?

R: Ese foi sempre ou meu concepto do que era Sr. Anido dende que empecei a gravar maquetas na miña casa: garage, punk, protoelectronica, ambient,experimental, noise, shoegaze e se a eso lle engadimos tamén banda sonora con cancións como Chavala Uzala pois xa é a repanocha. A xente hoxe en dia ten a capacidade suficiente para pasar dos estilos, xa morreron aqueles periodistas musicais que se dicían “filtros” é seleccionaban o material, xa non son necesarios.

J: As definicións na música son unha necesidade editorial, é complicado armar artefactos promocionais sen usar etiquetas que a xente recoñeza de inmediato. Pero no noso, como non somos Madonna, iso da exactamente igual.

Rafa: un LP moi redondo, gravado en estudio, cunha edición moi coidada... Estaste facendo maior?

R: A min tamén me gusta o bo, como a calquera. Pero claro, se lle das un percebe a un guiri sen saber o que é , vaicho tirar á cara. Necesita anos para saber de que vai ese bicho e aprecialo como algo de guita.

Unha das cancións está rescatada dunha maqueta de 1999 de Sr. Anido. Rafa, como che soan agora eses materiais de cando empezabas a tocar?

R: Pois sóame todo igual de ben, cochambroso e entrañable. É como a roupa vella que pos a veces que lle tes un agarimo especial, a túa chupa de coiro, ou uns tenis vellos, estiveron contigo aí sempre, son parte da túa vida. Son cancións gravadas precariamente co catro pistas, pero recollen eses sentimentos frustracións, coñas que percibiches e que gravabas na túa habitación de adolescente.

Como xorde a idea de cantar nesa lingua inventada na que está o primeiro tema do disco?

R: Pois xurdiu nun verán no que non había con quen ter un grupo, e tiña que tocar eu só outra vez, pero non tiña cancións e tiña que tocar xa. Así que me adiquei a facer improvisacións onde este idioma ía moi ben para desbarrar.

Que bandas galegas vos gustan máis neste momento?

R: Jay, Vozzyow, Estrambote, Chicharrón, Monstruo, Lengorón, Diola, TravestiAfgano, Vietnam, Bifannah, Contenedor de Mierda, Lamprea Explosiva, Cuchillo de Fuego, Dois, Atrás Tigre, Elvis Negro, Montaña Muerte, Musel, Monstruo, Meus, Anti-s, Thee Boas, Ocre, Fluzo, Malandromeda, Emilio José,TAB, Miguel Prado, Aries, Mano de Obra, Los Televisores, Terbutalina, Nave Nodriza, Pantis, Palida, Selvatica, Esposa, Black Panda, Samesugas, Camarada Nimoy, Phamton Dragsters, Linda Guilala, Apenino.......

J: Paréceme feo contestar a esa pregunta citando colegas, grupos afines e proxectos paralelos: Pantis, Malandrómeda, Terbutalina, etcétera... Pero eu considero Autechre como unha banda galega, ollo ao dato.

Estaba escoitando Buraco Negro e pensando na creatividade que xorde do escuro, do caótico, do imprevisible. Estades de acordo? Que se constrúe a partir do desordenado?

R: Si a verdade é que do caos se pode construír, pero aquí o tema é non caer ti no caos, que a túa vida se converta niso, nun sensentido. Xa o di a a canción: o buraco negro vai levar toda a merda, pero ten coidado non te converter ti en parte desa merda.

J: Non creas, este é un disco máis cartesiano do que parece. Do desordenado? A Cidade da Cultura de Compostela

Javi Álvarez e Rafa Anido © Luís Díaz
Capa do disco Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.