O "gran teatro-cine" que puido revolucionar o Ensanche de Santiago

Proposta para as edificacións da actual Rúa do Hórreo, formulada polo arquitecto Prado y Vallo en 1873 © Consorcio de Santiago

A conexión entre o casco histórico e o Ensanche compostelán e a extensión á coñecida como "zona nova" dos fluxos turísticos e as actividades culturais é unha das principais reivindicacións do tecido comercial e veciñal desta parte da capital galega. Así o manifestaron, por exemplo, nas súas recentes festas, estreadas en 2015 e celebradas a pasada fin de semana. A expansión do Ensanche compostelán é, precisamente, a cerna dun estudo coeditado polo Consorcio de Santiago e que, presentado este mércores, permite coñecer tamén como puido ser esta área de Compostela se chegasen a concretarse algúns dos proxectos urbanísticos que para ela se propuxeron, tales como un gran contedor cultural nunha das súas principais arterias.

Baixo o título Periferias y (Des)bordes o arquitecto e profesor Pablo Costa Buján, estudoso do urbanismo da cidade durante máis de tres décadas, presenta o segundo volume dunha investigación que debulla a evolución urbana de Santiago dende finais do século XVIII e ata mediados do XX. No volume o estudoso debulla a expansión dun Ensanche que realmente son tres: "residencial, universitario e de esparcemento" e, como xa fixera na súa tese de doutoramento, da que parte o libro, pon tamén o foco no que puido ser un dos edificios senlleiros da contorna: o "gran teatro cine" proxectado polo arquitecto Jenaro de la Fuente en 1946 para a rúa do Hórreo.

Tal e como recollen os estudos de Costa Buján, De la Fuente lanza a súa proposta para, nomeadamente, a parcela entre as rúas Pitelos e Gómez Ulla, onde actualmente se ergue un edificio de oficinas e vivendas. Tras os durísimos anos posteriores ao golpe franquista, o edificio proposto constaba de dous corpos: o inferior, de grandes dimensións, que albergaría as propias instalacións do teatro-cine, con amplas salas de festas e espectáculos, e un corpo superior cuns sete andares de altura que acollería oficinas ou instalacións comerciais. As condicións socioeconómicas da cidade provocaron, segundo o investigador, que o "gran teatro-cine" morrese como proxecto pouco despois de nacer.

A investigación do arquitecto Costa Buján repasa a evolución do Ensanche da capital galega para "dignificar e poñer en valor o patrimonio" e "estimular a súa protección actual e futura permanencia"

Alén deste rechamante proxecto o libro de Costa Buján, presentado xunto ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e mais coa xerente do Consorcio, Belén Hernández, e José Luis Teófilo, de Teófilo Edicións, repasa outras iniciativas urbanísticas que non chegaron a realizarse pero, sobre todo, as que si se fixeron realidade. Así, por exemplo, detense na "conformación do parque da Alameda", a evolución do que actualmente é o Campus Sur da Universidade ou as "grandes intervencións realizadas na periferia da cidade nestes anos", como a Escola de Veterinaria -actual Parlamento-, a Facultade de Medicina ou a Escola de Xordomudos e Cegos, que actualmente acolle a sede central da Xunta.

A finalidade da investigación, indican, é "dignificar e poñer en valor o noso patrimonio, tamén espertar conciencias olvidadas para estimular a súa protección actual e futura permanencia", algo que non sucedeu, por exemplo, co desaparecido edificio Castromil, que presidiu a que hoxe é a Praza de Galicia ata 1975, ano no que o Concello executou o seu polémico derrubamento. Esa demolición e a do edificio barroco que fora sede da Inquisición foron, para Costa Buján, dous dos "atentados" máis graves contra o urbanismo compostelán durante o último século.

Proxecto de "gran teatro cine" do arquitecto Jenaro de la Fuente © Consorcio de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.