As Irmandades da Fala, un movemento coherente co seu tempo

Cartaz do Congreso © Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega acolle este xoves e venres un congreso, coordinado polo profesor Xosé M. Núñez Seixas, que analiza o contexto internacional no que se naceron as Irmandades. Trece expertos de varios países afondan no desenvolvemento da cuestión nacional na Europa de comezos do século XX.

"As Irmandades da Fala non foron un produto illado nin excepcional na Europa do seu tempo", destacouse na apertura, uns anos -marcados pola I Guerra Mundial e os seus efectos- nos que os movementos nacionalistas de Europa Central e Oriental, mais tamén algúns da Europa Occidental, coma o irlandés, "experimentaron un pulo decisivo e viron chegada a súa hora". "A opinión pública europea amosou unha nova sensibilidade cara á cuestión das minorías, e no mundo académico inzaron os debates teóricos verbo dos dereitos das nacionalidades e as orixes do nacionalismo", engádese.

"As Irmandades da Fala non foron un produto illado nin excepcional na Europa do seu tempo"

Este é o primeiro dos tres simposios que o Consello da Cultura Galega dedicará ás Irmandades da Fala e ao seu contexto internacional, centrado en Europa, o Estado Español e Iberoamérica, tanto en relación cos ecos exteriores que recibiron coma no impacto que causaron. O congreso inaugurouse na mañá deste xoves, cunha conferencia inaugural de Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura). Ademais, Ramón Máiz (USC), Joep Leerssen (Universidade de Amsterdam) e Malte Rolf (Universidade Otto-Friedrich, Bamberg) afondaron na cuestión das nacionalidades.

Xa pola tarde, Xosé Manuel Núñez Seixas analizou o impacto da I Guerra Mundial nos movementos nacionalistas da Europa occidental e Lourenzo Fernández Prieto e Miguel Cabo afondaron na importancia do agrarismo na cuestión nacional. De igual xeito interviron Johannes Kabatek (Universidade de Zürich) para explicar o papel das linguas e Stefan Berger (Universidade de Bochum) para falar do o impacto da Gran Guerra na (re)construción das historias nacionais. O venres será a quenda de Francesca Zantedeschi (Universitat Pompeu Fabra), Stefan Dyroff (Universidade de Berna), Balázs Trencsényi (Universidade Centroeuropea, Budapest) e Laurence Cole (Universidade Paris-Lodron, Salzburgo), que expuxeron varios casos de construción de estados-nación na década dos vinte, debullando a situación das minorías nacionais no continente.

 

As Irmandades, atentas ao que sucedía en toda Europa

Núñez Seixas puxo como exemplo do interese que neste grupo espertaba o desenvolvemento político exterior a "atención preferente" que A Nosa Terra emprestaba á cuestión irlandesa e, en xeral, á problemática das pequenas nacións europeas

A cuestión nacional foi protagonista nos primeiros anos do século XX. Grupos rexionalistas ou que reivindicaban linguas e culturas minoritarias deron o salto á plena afirmación nacionalista, dende Frisia e Gales a Galicia e Sardeña. Dende 1917, os revolucionarios soviéticos tamén incorporaron a liberdade das nacionalidades á súa axenda reivindicativa, e ao rematar a I Guerra Mundial, das ruínas dos imperios austrohúngaro, otomán e tsarista xurdiron novos Estados nacionalizadores, "nos que os triunfantes movementos nacionalistas reproduciron adoito os erros dos nacionalismos homoxeneizadores do século XIX e viron nas minorías etnolingüísticas unha ameaza", segundo se destaca no texto que introduce o congreso.

Os e as integrantes das Irmandades permaneceron moi atentos a estes procesos, tanto a nivel teórico -a cuestión nacional e o principio das nacionalidades era entendido coma “o signo dos tempos”, etapa lóxica no proceso de desaparición dos vellos imperios- coma no seguimento da actualidade política de Irlanda ou Cataluña. Neste senso, Núñez Seixas puxo como exemplo do interese que neste grupo espertaba o desenvolvemento político exterior a "atención preferente" que A Nosa Terra emprestaba á cuestión irlandesa e, en xeral, á problemática das pequenas nacións europeas.

Mentres, na súa intervención Ramón Villares debullou o contexto social e económico no que nacen as Irmandandes, imprescindible para entender as características do fenómeno. Salientou as "grandes transformacións" que se producen na Galicia dos anos 10 e 20: "crecen as cidades, lévase a cabo unha mínima revolución industrial moderna procedente sobre todo mar, certos movementos agrarios", así coma a "grande importancia do fenómeno migratorio". "Estas correntes migratorias e as remesas económicas contribuíron á transformación do campo galego", engadiu.

Explicou, así mesmo, o perfil dos primeiros integrantes das Irmandades, uns 600 ou 700 militantes en todo o país. Neste grupo, diverso, hai rexionalistas, hai católicos sociais, republicanos e hai sobre todo un eco da Solidaridad Gallega. Predominan as clases medias urbanas (comerciantes, profesionais, funcionarios, mestres, propietarios), cun 11% de clases populares (sobre todo artesáns e escasos obreiros e labregos). E son, en xeral, persoas de elevada formación. De igual xeito, Villares destaca que a militancia é "laxa" e "desigual territorialmente, cun predominio do norte e da zona occidental sobre o sur e o interior. Entre os case 700 militantes iniciais, o groso concentrábase na Coruña, destacando tamén a súa importancia en Ferrol, Betanzos ou Monforte.

Para Villares, as Irmandades "supuxeron unha gran ruptura xeracional con respecto ás tradicións políticas anteriores"

Villares concluíu que as Irmandades "naceron moi modestamente, cun grupo reducido de persoas" pero salientou que "supuxeron unha gran ruptura xeracional con respecto ás tradicións políticas anteriores". A este respecto Villares matizou que "foi unha ruptura xeracional a medias, houbo unha gran ruptura inicial que despois se foi moderando coa incorporación do grupo Nós". Con todo, subliña que o proceso foi crucial na ruptura cultural, coa creación de numerosos elementos simbólicos (prosa, efemérides, música, himno, bandeira, monumentos) que conforman o repertorio do nacionalismo.

 

Cartaz do Congreso © Consello da Cultura Galega

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.