Humor do país: Os cadriños de Davila xa son pezas de museo

Tiras de Davila expostas no Museo do Humor de Fene © Museo do Humor

Dora, Tucho, Marcelino, Sinda, Palmira... Son algúns dos personaxes saídos da creatividade do debuxante Luis Davila que xa tornaron case en familiares para moita xente. O humor político e a retranca cotiá que Davila amosa nas súas tiras do Faro de Vigo e tamén a través de internet, nos escenarios ou mesmo en soportes téxtiles é xa unha peza de museo. Nomeadamente, do Museo do Humor de Fene, que este xoves abriu as portas da exposición 'O humor do país', con algúns dos traballos máis destacados do autor.

Corenta e cinco paneis con case dous centos de tiras, unha trintena de traballos orixinais a  lapis e tinta e varias figuras de grande formato conforman unha mostra que o propio Davila inaugurou este xoves acompañado polo actor Carlos Blanco, con que comparte os espectáculos 'Menú de noite' e 'Menú de día'. Dora, a desbrozadora ocupa un lugar privilexiado nunha mostra que amosa os cadriños tematicamente: cuchipandas, o tempo, o viño, a morte, os deportes, o mar, bicherío...

Davila e Carlos Blanco inauguraron a exposición, que estará aberta no Museo do Humor de Fene ata o 15 de novembro

A fin última da exposición, explican dende o Museo do Humor, é retratar co traballo de Davila "a maneira de ser, de sentir e de vivir dos galegos e galegas", que tamén recolle a colección completa de libros d'O bichero, tamén presentes na exposición. Xunto aos paneis gráficos o museo fenés completa a proposta coa proxección, no seu salón de actos, das pezas animadas de Davila emitidas na Televisión de Galicia.

A exposición d'O humor do país estará aberta de luns a venres (de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00) e mais os sábados (de 10:00 a 13:00) ata o 15 de novembro. Os primeiros visitantes, ademais de poderen tirar unha foto no 'photocall' da "leira de Dora" puideron observar tamén o traballo de Davila ao vivo e levaren para a casa a sinatura do autor nos seus libros.

Davila e Carlos Blanco, na inauguración da exposición © Museo do Humor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.