A edición en galego, un ano máis á baixa, acumula unha caída do 50% dende o 2010

Evolución dos libros con ISBN publicados en galego Dominio Público Praza Pública

O pasado ano publicáronse 1.394 libros en galego, un leve descenso fronte aos 1.439 de 2014. Porén estes últimos datos confirman a tendencia negativa que fai que dende o ano 2010 o número de títulos na nosa lingua descendese case á metade. Cae tamén a cifra total de libros editados en Galicia, independentemente da lingua (de 3.006 en 2011 a 2.266 na actualidade), unha mostra da crise xeral que sofre a industria editorial galega. O 61,5% dos volumes editados en Galicia están en galego, pr debaixo das cifras de 2011 (66%) pero por riba das de 2013 (50%).

O descenso é maior para os libros en papel, pero as edicións dixitais e outros formatos permanecen estancadas dende o 2011. Mentres que no conxunto de España a edición en formatos distintos do papel representa xa o 28% dos títulos, en Galicia fica aínda no 17%.

As máis prexudicadas pola crise, cando menos no que respecta ao número de títulos editados, son as pequenas editoriais (as que publican menos de 100 libros ao ano). No 2014 (último dato dispoñible) sacaron ao mercado 298 títulos, cando en 2009 foran 653 e no 2010 chegaran a 959. As editorias medianas ou grandes manteñen máis ou menos as súas cifras, rexistrándose descensos na edición pública ou na autoedición. O número de editoriais en Galicia vén experimentando un descenso continuado dende o 2010, cando había 166 empresas rexistradas; hoxe o número é de 130.

Que se edita en galego? Analizando as cifras do ISBN por subsectores, vemos que as obras de creación literaria ou as infanto-xuvenís mantiveron nos últimos anos os seus números, cunha tendencia á baixa no caso da LIX. Os libros de texto tamén tenden a caer, con grandes diferenzas entre uns e outros anos. As que máis caen son as obras de ciencias sociais e humanidades (de 491 títulos en 2009 a 235 no 2014) e as científico-técnicas (e 90 a 17).

As traducións, pola súa banda, presentan tamén rexistros negativos: entre 2008 e 2011 publicáronse de 400 a 600 títulos traducidos ao galego, mentres que no 2014 a cifra caera ata os 220. Tamén se reduciron as obras editadas noutras linguas españolas traducidas do galego: no 2011 foron 95 e no 2015 caeron ata as 64. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.