0 Gardados para despois

"No Brasil, a parte da historia da lírica medieval referida a Galiza non se nos conta"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A devastación da Amazonía, o por veces desértico interior humano, a beleza, o amor ou a esperanza xúntanse en ‘Amazônia, Entre Águas e Desertos', o último disco de Socorro Lira, que volve a Galiza para presentalo nun concerto especial, -o 24 de outubro ás 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago-, no que contará coa colaboración de Uxía, Carlos Blanco e Sérgio Tannus. A cantora brasileira visitou por primeira vez o noso país buscando o ronsel das cantigas de amigo galego-portuguesas, ás que adicou o seu disco ‘Cores do Atlântico’. Desde entón, sempre volveu.

Como vai ser o concerto? Presentarás o último disco?

Desde 2010, desde o disco ‘Cores do Atlântico’, publiquei outros dous discos. O último, ‘Amazônia Entre Águas e Desertos’, é sobre a fraga, mais tamén sobre a riqueza, por oposición á escaseza humana. Vou facer parte do repertorio deste CD e outras cancións da miña traxectoria.

‘Cores do Atlântico’ son cantigas de amigo. Os teus primeiros discos son ‘Cantigas’ e ‘Cantigas de bem-querer’... Hai unha continuidade niso? Como se produciu?

Cando comezas unha cousa non sabes onde de vai levar… No nordeste de Brasil consérvase poesía de Portugal e de Galicia. Eu ao principio pensaba que era só de Portugal, porque no Brasil, a parte da historia da lírica medieval referida a Galiza non se nos conta. Pois na zona do sertão hai unha forte tradición de cantareiros e cantareiras, de cantigas. Eu son de Paraíba, marchei para São Paulo no 2004 e quería facer algo que me levase a Portugal, de onde pouco máis coñecía que a Amália e a Roberto Leal.

Unha amiga neta e bisneta de galegos faloume das cantigas de amigo. Explicoume que eran cantigas de mulleres, como é, en Galicia, a tradición das pandeireteiras. Interesoume aquilo, tamén porque sempre fun feminista. Comecei a falar con Lia Lemaire e a convencerme de que tiña que ir a Galiza. Falei despois coa profesora Camiño Noia e ela faloume de Uxía. Fun a Salvador para tomar contacto coa cultura galega e despois vin a Galiza… Así comezou.

É un disco contra a devastación, ambiental e humana, da Amazonía. Mais tamén reclama máis humanidade, en xeral. De que xeito?

Un amigo que é escritor e educador, Roberto Tranjan, di que se melloramos como seres humanos, todos seremos máis felices. Roberto escribiu unha novela, ‘O Devir’, á que acompañan un disco, un DVD e as ilustracións de Elifas Andreato, un gran artista brasileiro. Eu encargueime, a proposta de Roberto, da parte da música. A idea non é falar só da destrución ambiental. É un proxecto sensíbel no tocante á humanidade, ao corazón das persoas, que ás veces é un deserto...

A crítica dixo que as cancións foxen do tópico da música nordestina. En que sentido?

Cando se fala de música brasileira pénsase sobre todo no samba, o forró… Eu o que fago é beneficiarme da diversidade da música brasileira, que é moito maior, e que é pouco coñecida, mesmo por nós, os brasileiros. No 2012 recibín o Prêmio da Música Brasileira de Melhor Cantora, e creo que ten que ver con isto. Amazonía é a fraga, o sosego, a beleza…, e para compoñelo fun á Amazonía e gravei os sons da natureza, da mesma maneira que para facer ‘Cores do Atlântico’ vin aquí para tentar poñerme no lugar… Quería meterme no ambiente, captalo… porque penso que ademais así é unha música máis honesta.

‘Saga da Amazonía’ concentra, dalgunha maneira, o que o disco quere dicir: a devastación da floresta e das persoas que viven nela. Outras letras sonlle próximas, como ‘Gaia’...

‘Saga da Amazonía’, de Vital Farias, é unha canción moi emblemática, que ten 40 anos e só catro gravacións, unha delas a miña. As outras son cantadas máis ao estilo dos trobadores. Eu quixen darlle outro ritmo. O disco fala da Amazonía obxecto, da foresta arrasada pola depredación económica, e da Amazonía suxeito, que a pesar de todo resiste e é quen de darnos auga e alimento. Tamén da festa, como no tema ‘A dança’; das lendas da Amazonía, como ‘Uirapuru’ e ‘Tambatajá’, e do amor, como ‘O Desejo’ ou ‘Porque é da natureza’, que é un reggae, ou ‘Amor cósmico’, que falta dun amor nun sentido máis amplo, planetario.

A tradición, as músicas populares, interésanlle moito. Dicía antes que moitas veces nin os brasileiros a coñecían…

Algúns compositores do Brasil só se interesan por un xénero, é verdade. Mais Brasil é un país moi grande, cunha riqueza musical enorme… A canción ‘Tacacá’, de ‘Amazonía’, é un carimbó… O tacacá é unha sopa indíxena… Eu o que quería era desterritorializar. José Ramos di que o universal é rexional, que o universal é o rexional que alguén colle e leva polo resto do mundo, facéndoo universal. No Brasil é habitual desprezar o local, o rexional, e valorar o que vén de América ou Europa, sen decatarse de que o universal é o rexional espallado. Así foi co rock, ou co samba, coas músicas rexionais que se espallaron malia a presión do poder económico e mediático. Como dicía antes, eu benefíciome da diversidade.

Despois de ‘Cantigas’ e antes de ‘Cores do Atlântico’ viñeron os discos ‘Intersecção’, ‘As Liras Pedem Socorro’ e ‘No terreiro da Casa de Mãe Joana’. Unha das liñas de continuidade do teu traballo é o feminismo, do que falabamos antes. Que outros fíos unen estes discos?

‘Intersecção’ recolle o que fun gravando cando cheguei a São Paulo. Son discos sen un tema específico. ‘No terreiro da Casa de Mãe Joana’ é un disco máis danzante, que contempla a diversidade étnica. É un show que se converteu en disco. Son discos máis simples que os máis recentes. Tamén teño, de despois de Cores do Atlântico, ‘Singelo tratado sobre a Delicadeza’, dedicado a iso, a delicadeza. De ‘Amazonía’ fixemos un DVD con dous temas adicionais, un deles de é ‘Delicado’ e outro é ‘Poema didáctico’, feito en colaboración con Mia Couto.

Algo máis?

Adoro a Galiza. Non coñezo outra parte de España, mais aquí síntome moi ben. As persoas que veñen do Brasil séntense moi ben aquí, e eu quero agradecer especialmente a Uxía, a Carlos, a Sérgio, a Ponte… nas Ondas, que editou ‘Cores do Atlântico’...

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.