Basil Khalil: "As regras son humanas, non divinas. Non cae o ceo por cuestionar os dogmas"

Basil, á esquerda, e Ghaleb, na rolda de prensa © Amal

Unhas monxas cristiás do convento das Irmás da Misericordia, situado no medio do deserto de Cisxordania, vén interrompida a súa rutina de silencio cando unha familia de colonos israelís estrela o seu coche contra o convento. Así comeza Ave María, do director palestino Basil Khalil e con guión de Daniel Yáñez, a curta que abre a Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2016. Unha metáfora da posibilidade de entenderse, malia as diferenzas, no medio do conflito. Aínda que só sexa para que cadaquén poida, despois, regresar ás súas vidas. Basil e Daniel presentaron este filme en rolda de prensa, xunto ao director de Amal, Ghaleb Jaber Martínez, que anunciou xa que a próxima produción de Khalil terá a súa premiere neste festival.

Por que escolle un convento para situar a súa historia? Por que ese, en concreto?

Basil Khalil: É o único convento que atopei que estaba deserto, e era importante para a historia que non houbese ninguén. Quería contar a historia de dous grupos cunha perspectiva do mundo oposta que se ven atrapados xuntos nun lugar. Ademais, a miña avoa vivía ao lado dun convento, onde só había sete monxas, unha das cales era a única que saía para facer as compras unha vez á semana. Como nunha illa de silencio nun mar de ruídos. Iso quería.

"Quería contar a historia de dous grupos cunha perspectiva do mundo oposta que se ven atrapados xuntos nun lugar"

Dixo noutra entrevista que o seu obxectivo era convidar as persoas a que revisen as súas crenzas, as súas normas, cando estas prexudican aos demais. Pode explicalo?

B.K.: Moitos dos problemas de Oriente Medio proceden do feito de que a relixión non queda no ámbito persoal, senón que se trata de impoñer aos demais. É o que pasa no caso dos territorios ocupados: os extremistas consideran que teñen dereito a ocupar a terra dos palestinos porque Deus lles deu esa terra para eles. Do outro lado, hai extremistas que reaccionan ante a ocupación de Palestina cometendo atentados en nome do Corán.

Mais, na curta, as dúas partes ceden, flexibilizan as súas normas.

B.K.: É que as regras son humanas, non son divinas. Non cae o ceo por cuestionar os dogmas. E como son humanas, pódense revisar. É posible, se non rompelas, polo menos dobralas un pouco, para vivir mellor. Non se trata de renunciar á relixión, senón de ser consciente de que un naceu nunha relixión, non a escolleu, polo que se decidiu seguir unhas regras, tamén pode cuestionalas.

"Non se trata de renunciar á relixión, senón de ser consciente de que un naceu nunha relixión, non a escolleu"

Os personaxes amosan distintas actitudes antes as normas, por factores como a idade. É algo buscado?

B.K.: A xente nova, por ter menos experiencia da vida, tende a ser máis dogmática. Moitas veces, viven a ocupación con máis rabia que a xente maior, que está máis afeita por levar moito tempo vivindo esa situación. Nas primeiras xeracións de inmigrantes israelís, era forte o movemento sionista de esquerdas, que era socialista. As novas xeracións son máis de dereitas, máis agresivas, máis pro asentamentos. Pasa o contrario que noutros países: a xente nova é máis de dereitas ou de extrema dereita. Nos anos 70-70 había unha certa convivencia entre palestinos e israelís, pero despois dos acordos de Oslo implantouse unha política de apartheid que impide que israelís e palestinos poidan verse e coñecerse, e iso favorece os dogmas e o odio.

No teu filme, as dúas partes cooperan tras coñecerse accidentalmente. Pero o que queren as monxas é volver ao seu silencio e o que quere a familia israelí é volver ao seu fogar Kosher. Tampouco idealizas a posibilidade de comunicación e entendemento.

B.K.: É que non se axudan porque se gusten, senón porque as circunstancias os obrigan. O que queren é volver, cadaquén, ao seu lado do dogma, ás súas vidas e ás súas normas. Pero é moito mellor iso que matarse entre eles… (Ri).

O filme estivo en moitos festivais. É interpretado de forma distinta en distintos países, ou por palestinos e israelís?

B.K.: Para min foi unha gran sorpresa dar cun festival como Amal, que leva xa 14 anos. Con esta curta descubrín moitos festivais de cinema árabe, e non tantos de cinema xudeu, mais está ben que a produción se vise nos dous lados. Tamén porque o cinema é un xeito de loitar contra os estereotipos que difunden os medios de comunicación, porque se confunde árabe con musulmán, esquecendo por exemplo que en Palestina tamén hai cristiáns. Porque non somos todos uns terroristas, como di o clixé. A mensaxe da película é comprendida por uns e outros. É verdade que aos católicos fanlles máis graza os chistes de católicos e aos xudeus os chistes de xudeu. Pero, en xeral, faille graza a todos, que é o que queriamos, porque é unha comedia.

"O cinema é un xeito de loitar contra os estereotipos que difunden os medios de comunicación"

O filme é moi visual e iso facilita a comprensión. Aínda que non se entenda moito o que din os personaxes.

Daniel Yáñez: É moi visual porque ese é o concepto que queriamos. Ao principio tiñamos moito diálogo, pero decidimos deixalo en moito menos, para que a xente non teña que estar lendo todo o tempo e poida atender mellor á historia. Por iso decidimos centrarnos na luz, as imaxes…

Realizaches varias curtas antes de Ave María, e creo, polo que dixestes noutras entrevistas, que non agardabades a repercusión que está a ter, pois era só como unha proba para vós…

B.K: Hai dous anos que rematamos a gravación, en decembro estaba feita a montaxe, e os festivais rexeitaban o filme porque lles parecía comercial, -os festivais que buscan cousas máis artísticas-, porque lles parecía que podía ofender ao chancear sobre a relixión ou, quen sabe… Non sei se algúns o rexeitaron porque eu sexa palestino. Despois, a curta foi seleccionada en Cannes, e a partir diso empezou a ser aceptada en moitos outros festivais. Agora levamos cento e pico. A min o que me interesa, de todas maneiras, é que a xente vexa a curta. Para iso son mellores os festivais pequenos, porque os grandes están máis pendentes do mercado, pérdense nas grandes estreas…

"O que me interesa, de todas maneiras, é que a xente vexa a curta"

A túa biografía: medraches en Nazaret, túa nai é británica e teu palestino, vives en Londres… puido influír no filme, no sentido da perspectiva que pode darche. Es, legalmente, cidadán israelí, pero en realidade es palestino, que é como te defines.

B.K.: A miña biografía axuda moito, si. Permíteme criticar os dogmas sen que ninguén me diga nada, porque coñezo os dous lados do conflito. Teño nacionalidade británica e israelí, e son palestino. Coñezo as regras das dúas relixións, ao ter sido criado nunha cidade palestina, que ademais é de tradición cristiá...

Pola esquerda, Daniel Yáñez, Basil Khalil e Ghaleb Jaber Martínez, no Araguaney © Amal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.