0 Gardados para despois

Os castros, espazos dispoñibles para a construción

Redacción | @prazapublica

Este domingo a iniciativa Canibalismo Urbanístico. Maltrato da Paisaxe denunciou un novo caso de destrución do patrimonio, en Antas de Ulla, onde se construíu un campo de fútbol, un polideportivo, unha piscina e outras instalacións enriba dun castro. Nas imaxes aéreas do lugar pódese aínda advertir a configuración orixinal do castro e o topónimo, Castro de Seoane, confirma a existencia deste elemento patrimonial.

Por desgraza son moitos os castros, mámoas e outros xacementos que nas últimas décadas foros destruídos ou alterados pola construción na súa superficie de infraestruturas, vivendas, estradas, camiños ou pola realización de traballos agrícolas ou a produción forestal. A web Patrimonio Galego recolle na súa lista vermella unha boa parte destas desfeitas patrimoniais. Os castros están entre os elementos máis degradados, ao atoparse en moitos casos totalmente cubertos por terra e vexetacións, aínda que en moitos deles é doado recoñecer a súa forma, a presenza de murallas defensivas e foxos.

Nos últimos anos saltaron aos medios de comunicación, grazas ás denuncias de entidades defensoras do patrimonio, profesionais e activistas, casos coma o do Castro de Castrelo (Laxe), ameazado polas obras de ampliación da estrada AC-433. Ou o xacemento de Coeses, afectado pola autovía A-54 entre Lugo e Compostela. 

En Patrimonio Galego recóllense outros casos, coma o Castro da Ermida (en Pedroso, Narón), cunhas dimensións de 146 por 95 metros (máis un antecastro), inventariado pola Xunta, pero destruído pola construción sobre el dunha pista polideportiva. Ou o Castro de Morro Canide (Castro de Castrillón), en Oleiros, oculto hoxe baixo unha chea de vivendas e urbanizacións; durante a súa construción atopáronse pezas de cerámica castrexa e romana hoxe depositadas no museo arqueolóxico da Coruña. Ou os asentamentos situados na chamada Punta dos Castros, en Foz, sobre os que se construíu a igrexa de San Pedro de Cangas de Foz e o cemiterio parroquial; o castro orixinal ocuparía máis de 1,65 hectáreas de terreo.

O Castro de Ans, en Carral, é outro caso de xacemento que se viu alterado pola presión urbanística, quedando en parte desfeito polas construcións adxacentes realizadas xa hai anos. E o Castro de Imo (Dodro) foi atravesado por unha estrada asfaltada. Peor aínda é o estado de conservación do Castro de Coiradas (Outes), afectado por traballos agrícolas e pola extracción de pedras para obras; ademais, abriuse unha pista que o atravesou, removendo terra con máquinas escavadoras que arrasaron murallas interiores e exteriores.

Os traballos agrícolas tamén son responsables en moitas ocasións da destrución do patrimonio no terreo sobre o que se realizan. É o caso do Castro das Baradas, en Lugo, onde o asentamento foi arrasado por unha serie de actuacións moi agresivas que buscaron achairar os pequenos desniveis que quedaban entre a croa e o foso. O mesmo sucedeu, de forma moi recente, no Castro de Currais, en Compostela, un xacemento que se compuña dun recinto de pequenas dimensións rodeado por foxos e terrapléns e cunha pequena terraza anexa.

 

Algúns dos xacementos alterados ou destruídos por distintos usos

  • Castro da Ermida (Narón). Case totalmente destruído pola construción dunhas pistas deportivas.
  • Punta dos Castros (Foz). Sobre el construíuse o cemiterio parroquial e a igrexa de San Pedro de Cangas de Foz
  • Castro de Morro Canide (Oleiros). Sobre el construíronse vivendas e urbanizacións.
  • Castro das Baradas (Lugo). Moi afectado polos traballos agrícolas na súa superficie
  • Mámoas do Monte das Medorras (Láncara). Moi afectadas por unha plantación de piñeiros na súa superficie
  • Castro de Loureda (Boqueixón). Alterado por unha plantación de eucaliptos na súa superficie.
  • Castro de Ans (Carral). Sobre el construíronse varias edificacións
  • Castro de Currais (Santiago de Compostela). Afectado polos traballos agrícolas na súa superficie
  • Castro de Barbeira (Santa Comba). Afectado polos traballos agrícolas na súa superficie
  • Castro de Castrelo (Laxe). Ameazado pola ampliación da estrada AC-433
  • Xacemento de Coeses (Lugo). Ameazado pola construción da autoestrada A-54, Lugo-Santiago
  • Castro de Imo (Dodro). Gravemente alterado, case destruído, pola construción dunha estrada local asfaltada
  • Castro de Coiradas (Outes). Moi afectado por traballos agrícolas, retirada de pedras e a construción dunha pista
  • Poboado de Espiñeira-Taramancos (Noia). Destruído parcialmente pola construción da nova ponte sobre a ría de Noia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.