O Supremo abre a posibilidade dunha maior protección para o Camiño de Santiago no Pino

Está en discusión o trazado do Camiño entre O Amenal e Lavacolla © Google Maps

O Tribunal Supremo vén de ditar unha sentenza que achega a posibilidade dunha maior protección para o Camiño Francés ao seu paso polo Pino. O fallo acepta o recurso de casación presentado contra un auto do TSXG do 2014 que desestimaba a petición de modificación do trazado entre O Amenal e o límite do Aeroporto de Lavacolla decidido pola Xunta en 2012 e que se separa do itinerario histórico. O auto ordena devolver as actuacións ao momento inmediatamente anterior á resolución dese recurso de reposición de 2014 e pide a ratificación e aclaración dos informes técnicos presentados.

No ano 2012, a Xunta aprobou un novo trazado para o Camiño Francés ao seu paso polo Pino. Substituía á delimitación realizada polo Goberno anterior en 2007, que recuperaba o seu trazado histórico. Esta delimitación fora obxecto de dous recursos contencioso-administrativos, que deron lugar a dúas sentenzas negativas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Máis aló da discusión sobre o correcto trazado do Camiño de Santiago, neste tema cruzábase a construción dun polígono industrial promovido Martinsa-Fadesa, paralizado en parte polo Goberno Bipartito. As obras deste proxecto, con varias sentenzas en contra, seguen paradas e provocaron un xigantesco buraco nas arcas municipais do Concello do Pino.

Esta nova sentenza do Supremo devolve a discusión ao punto de partida, recoñecendo "importantes contradicións" entre os informes técnicos presentados ao respecto

Contra este novo trazado do Camiño, que se separaba do itinerario histórico, presentouse en 2012 un recurso, desestimado polo TSXG en 2014. O recurso pedía "unha nova proposta de delimitación que lle outorgue carácter oficial á traza histórica ou tradicional denominada camiño central”, que no Decreto de 2012 era degradada como “trazado con vestixios históricos”, denunciando que se optaba por considerar como oficial "un tramo que carece da súa historicidade, autenticidade e integridade”; e remitíase á Lei 3/1996 de protección dos Camiños de Santiago, que indica que debe "recuperarse a traza orixinaria do camino alí onde o permitan as fontes documentais". A sentenza do TSXG, pola súa banda, alegaba que a antiga estrada de Lugo de 1853 -opción escollida- era "o único camiño antigo existente, no ámbito considerado, capaz de dar continuidade funcional ao trazado delimitado".

Agora, esta nova sentenza do Supremo devolve a discusión ao punto de partida, recoñecendo "importantes contradicións" entre os informes técnicos presentados ao respecto que, indica, deben ser resoltas.

Está en discusión o trazado do Camiño entre O Amenal e Lavacolla © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.